Mapa do baleiro industrial: As Pontes, a pelota que ninguén quere no seu tellado

A paralización da actividade na térmica das Pontes afecta a máis de setecentas persoas. Os primeiros afectados son os transportistas de carbón, empresas auxiliares e parte do persoal no porto exterior de Ferrol. A suba do prezo por tonelada de CO2 emitida a atmosfera é case tres veces máis caro que hai uns meses. De momento, a alternativa ao carbón non foi concretada, nin tampouco o futuro de centos de traballadores. Os sindicatos advirten dunha gran crise laboral.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O aumento dos prezos por dereitos de emisión de CO2 a atmosfera e a política de “descarbonización” da Unión Europea, están cambiando o mapa enerxético no vello continente. Como non podía ser menos, Galicia está afectada por esta política anti-emisións de gases efecto invernadoiro. Así, a central térmica das Pontes, que tiña o carbón como a súa materia prima para a creación de electricidade, está paralizada.

Central térmica das Pontes (A Coruña). LEA PAZ
Central térmica das Pontes (A Coruña). LEA PAZ

Os motivos, a política de compra-venda por dereitos de emisión é un factor, mais tamén está a suba de impostos para ditas emisións froito da combustión do carbón. Agora parece ser o gas o combustible fósil que pouco a pouco, lle vai quitando espazo ao mineral negro xunto con outras fontes alternativas como pode ser a biomasa ou eólicos entre outras.

SITUACIÓN ACTUAL

Se setecentas cincuenta persoas xunto coas súas familias son as que primeiramente se verían afectadas por un hipotético peche da térmica, máis adiante e como un efecto dominó, a economía de Ferrol-Terra, Terra Chá e parte do Norte de Galicia, entraría en fase de decaemento. Porque ademais dos postos directos e indirectos dentro do Concello das Pontes, tamén hai empresas e autónomos doutros concellos, máis perto ou máis lonxe, que teñen o seu labor ligado á térmica. Á parte a actividade que xera o transporte de carbón, que move unha alta porcentaxe do tráfico no porto exterior de Ferrol.

“Sobre 800 familias que viven directamente de Endesa, poden verse afectadas” sinala Luis Varela da UGT. Cando se lle pregunta pola sensación que lles dá os movementos desde a clase política e desde a empresa propietaria, Endesa, ten claro que “isto é un movemento de empresa, porque empresas como esta teñen músculo para pechar ou non”. O caso, lembra Luis, é que houbo un investimento de máis de 200 millóns de euros para adaptar a térmica ás esixencias medioambientais e facela rendible.

Reunión sobre o futuro da central das Pontes. XUNTA
Reunión sobre o futuro da central das Pontes. XUNTA

Todo isto cambiou “a metade de partido, por que entrou un terceiro actor, o CO2 que nos saca do mercado”. Así, ante o encarecemento das cotas por emisión, e ante “a escasa actividade, o día 27 de setembro a empresa comunica á CNMV un aviso de posible peche” di Varela. O peche non está anunciado segundo comunicou a dirección aos traballadores declarou Luis Varela.

José Hurtado de CCOO, indica que Endesa “xustifica que a empresa non é rendible porque o custe do CO2 está sobre os 28 euros, cando antes era 10 euros por tonelada”. Un aumento de prezo que case triplica o anterio, fai que Endesa considere non viable a térmica. “O problema é que este mercado non está regrado e así entra quen quere para mercar en plan especulativo”.

O carbón ten un imposto, “o céntimo verde”, que é aplicado só a esta materia prima. En outubro de 2018 foille retirado ao gas. A descarbonización “vai en serio” di Luis Varela, “mais ten que ser xusta, ten que darlle tempo a todo o mundo a colocarse”. Así, a central de gas das Pontes non paga o céntimo verde mentres que a de carbón si paga.

Os empregados das auxiliares “están defraudados porque non se conseguiu nada concreto sobre eles durante a reunión co Ministerio” di Alberte Amado da CIG. “Sabemos que pode haber medidas e proxectos alternativos mais non hai un compromiso para estes traballadores”. Amado declara que os traballadores de Endesa teñen garantido o traballo, non así o posto de traballo.

BENEFICIO PARA ENDESA?

A paralización non supón un beneficio para a empresa, mais si frea os gastos que pode estar xerando, tanto en impostos como en mantenemento. “Endesa ten abondo fondo económico como para aproveitar como combustible a biomasa, tanto así que logo dunha reunión de accionistas anunciaron máis investimentos para renovables” di Luis Varela. Hai que aclarar que Endesa está participada cun 70% pola empresa pública italiana Enel.

Endesa sinala que vai respectar os empregos directos dos traballadores, non sabemos onde” declara Hurtado quen apunta sobre os postos indirectos “temos constancia de que algunha empresa auxiliar vai rebaixar persoal e isto irá a menos”. Así mesmo, nunha reunión coa dirección da empresa apuntóuselle aos traballadores que non habería redución de emprego mais si de traballo. As auxiliares levaban boa parte do traballo de reparacións na térmica.

Esta paralización da actividade ten unha data límite? “Non, porque segundo manifesta a mesma Endesa, non entra en rede (non subministra) por prezos, o custe do CO2 e o abaratamento do gas fai que non entre no pool enerxético por prezo” sinala Amado. A solución serían medidas que permitisen o abaratamento da produción eléctrica mediante o uso do carbón. “Endesa manifesta que a previsión para o ano é residual, 1.400 horas por ano, dous meses de traballo”.

ALTERNATIVA LABORAL

O grande temor claro está, é a perda de postos de traballo. Aínda así, sería posible poñer unha alternativa sobre a mesa para toda a masa laboral afectada? “Non dixeron nada de momento, nin hai anunciado peche nin hai posta alternativa” di Luis Varela. “Vemos que neste centro hai viabilidade dunha economía circular que podería poñer en valor a última teconoloxía de vangarda instalada na central”.

“Da noite para a mañá declararon a paralización da actividade sen proposta de proxecto industrial” sinala José Hurtado de CCOO. “Están facendo probas con biomasa, mais en ningún momento se presentou un documento sobre o que se quere a curto e medio prazo”. O caso é que tamén se pide a inclusión deste tipo de centrais dentro do futuro estatuto de electrointensivas, mais dito documento está aínda en fase de borrador.

“Nós preferimos que se fagan todas as probas e se elabore todo o estudo” di Alberte Amado. A partir da elaboración de documentos e estudos que confirmen a viabilidade, estarían de acordo. “Existen proxectos de cambio de carbón por biomasa, mais hai que ser cautos”.

ACTUACIÓN AUTORIDADES POLÍTICAS

“Está claro que se os axentes sindicais, o concello e os transportistas non nos tiveramos movido, isto sería un pasar de páxina” sinala Varela “O que si está claro é que alguén meteu o zoco, non sabemos se a empresa por un mal investimento ou o Goberno por un mal anuncio ou a Xunta por non facer un seguemento”.

“A través da Consellería (de Industria) pedimos unha reunión co conselleiro, coa dirección da empresa e coa UE” di José Hurtado. “Polo de agora tivemos unha reunión coa ministra de Transición ecolóxica motivada pola problemática da vila e do alcalde, que se moveu, mais non clarificou nada de momento”. “Enel-Endesa aproveita que estamos en campaña electoral e agora mesmo as autoridades políticas están pasando a pelota unha a outra” di Hurtado.

FUTURO

O mesmo que outras empresas con décadas de asentamento nun lugar, Endesa foi empregando unha primeira e logo unha segunda xeración de traballadores. Había unha man de obra disposta a tomar o relevo xeracional de seguir a actividade. “Hai xente das auxiliares que leva o mesmo tempo que persoas fixas de persoal da empresa, quedariamos cunha man diante e outra detrás” sinala Varela. Con todo, os salarios seguen sendo os mesmos tanto en persoal de Endesa como auxiliares. Os transportistas son os que máis notan a falta de entrada de beneficio por paralización de actividade.

“O persoal de empresa estará aí ata que autorice o Ministerio en caso de que se anuncie o peche, o persoal das auxiliares son especialistas soldadores, torneiros e posiblemente teñan recolocación noutros lugares” declara José Hurtado. Tamén o declive demográfico sería moi acusado en caso de peche definitivo. “Ter en conta que somos máis de 10.000 persoas no concello que poden quedar en sete mil ou seis mil”.

O Ministerio comprometeuse a tomar medidas de reconversión para os traballadores” di Alberte Amado. Esperan que durante o hipotético peche ou unha reconversión que implique a diminución de postos “deben comprometerse as administracións e a empresa para que o impacto sexa mínimo”.

A sensación entre os habitantes das Pontes é de “pesimismo total” apuntan desde CCOO. O efecto chamada do investimento de máis de 200 millóns de euros para a transición medioambiental, fixo que moitos transportistas pedisen créditos para renovar a flota de transporte. Sen ingresos non poden facer fronte aos pagamentos. Xunto a isto, hai que engadir que o convenio laboral prorrogado e que “Endesa non aplica”. O día 17 de outubro manifestaranse en Madrid. 

Central térmica das Pontes
Central térmica das Pontes | Fonte: Pepe do Couto en Wikipedia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 anonimo

Pois non " o número de funcionarios" non " sigue crecendo", nen a " todo trapo" nen a medio trapo. Hai menos dos que había antes, por mor da prohibición de reposición de efectivos.

1 Viriatus

Pues no. Solo disminuyen y poco en el estado. Las comunidades autónomas siguen multiplicando el número de funcionarios: https://www.20minutos.es/noticia/34... https://www.publico.es/economia/num...

2 Sentidiño

A taxa de reposición na universidade estivo de 2012 a 2017 no 10% (un profesor novo por cada dez xubilacións). Loxicamente, de 2018 en adiante o aumento relativo debería dispararse, por comparación coas cifras anteriores. A non ser que en 2020 volva a crise (iso parece).

1 Viriatus

Cierran las industrias, cae en picado la actividad industrial, pero la nómina y el número de políticos, liberados y funcionarios sigue creciendo a todo trapo.