Galicia cae 16 postos en competitividade entre as rexións da UE, até o 197

A CE identifica peores resultados que o resto en eficiencia do mercado laboral, educación superior e papel das institucións

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/10/2019 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

Galicia ocupa o posto 197 entre as rexións máis competitivas da Unión Europea, nunha clasificación na que Madrid (98) é a única comunidade española entre as 100 primeiras. Así figura no Índice de Competitividade Rexional publicado este luns pola Comisión Europea. Este índice actualízase cada tres anos e avalía a cada unha das 268 rexións europeas en termos de innovación, gobernación, transporte, infraestrutura dixital, sanidade ou capital humano.

Investigación en nanotecnoloxía.
Investigación en nanotecnoloxía.

O obxectivo é axudar aos gobernos rexionais a detectar os seus puntos fortes e débiles á hora de deseñar futuros programas dentro da Política de Cohesión do bloque.

Na última clasificación Galicia atopábase no lugar 181 e agora baixa 16 postos. Entre os aspectos a mellorar no caso galego, que detecta a Comisión Europea e que ve peor que noutras rexións, atópanse a eficiencia do mercado laboral, a educación superior, o papel das institucións e o nivel de sofisticación dos negocios.

En España, País Vasco é a segunda rexión española mellor colocada, coa posición 125 da clasificación e con aspectos que mellorar nos indicadores de saúde, sofisticación empresarial e innovación. Despois sitúase Cataluña que ocupa a posición 161 e con marxe de mellora en estabilidade económica, mercado laboral e educación superior.

A nivel comunitario, a clasificación está liderada pola rexión de Estocolmo, seguida de Londres e a súa zona metropolitana e, en terceiro lugar, a rexión holandesa de Utrcht. As rexións máis competitivas, en todo caso, atópanse en Alemaña, Dinamarca, Países Baixos e Austria, así como no norte de Bélxica e o sur dos países nórdicos.

As rexións menos competitivas do bloque comunitario, por contra, sitúanse no Leste (Bulgaria, Romanía e Polonia), os países bálticos (Estonia, Letonia e Lituania) e os países do Mediterráneo (España, Italia e Grecia).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta