A "primavera" dos estudantes

Trala folga estatal, as protestas continúan malia a inminencia dos exames. Ou precisamente por iso, e por reclamar o dereito a estudar, e estudar nas bibliotecas públicas sen límites horarios, ultimamente son os peches os protagonistas, con alumnos tanto de institutos como de facultades. Jorge M. de la Calle fala coa Liga Estudantil que iniciou en Galicia esta xeira de peches.

Por Jorge M.de la Calle | Santiago de Compostela | 26/05/2012 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

Esta semana foi o alumnado do IES Menéndez Pidal (Zalaeta) na Coruña, continuando coas mobilizacións rotatorias iniciadas o pasado 14 de maio. Tamén estudantes de Socioloxía da Universidade da Coruña, que decidiron en asemblea pecharse en protesta pola precariedade do ensino público. E o mesmo día 10, o da folga xeral do estudantado, na Biblioteca Intercentros de Lugo. Onte comezou un novo peche na emblemática Biblioteca de Historia de Compostela. O das bibliotecas é o peche mais simbólico, pola reclamación que fan os alumnos do seu dereito a estudar e facer uso delas moitas máis horas, e especialmente o que tivo lugar na Biblioteca Xeral do Pazo de Fonseca en Compostela, xa que esta non abre polas noites como hai anos en época de exames.

None

Do 7 ao 10 de maio, tres días coas súas noites, puideron verse nos seus grandes portóns cartaces e faixas reivindicativos como “Estudamos 24 horas contra a suba das taxas”, “Gústache estudar pola noite? Péchate 24 horas con nós a estudar” invitando á rebelión “ilustrada”, así como unha pintoresca paisaxe de sacos de durmir e colchonetas que, todo sexa dito, non entorpecían o normal funcionamento da biblioteca polo día, ao tempo que a revivían pola noite. A Liga Estudantil Galega tomou a iniciativa nesta serie de accións co seu pechamento na Biblioteca de Torrecedeira en Vigo o pasado 6 de maio, e seguiu, xunto a AgirIESGA e Revoluciona USC, con esta acción na Biblioteca de Fonseca. Asembleas, palestras e, sobre todo, moito estudo “animaron” e aumentaron a afluencia de xentes pólas bibliotecas as 24 horas. Raquel Vázquez Blanco, responsábel do Campus de Compostela, explica o motivo das protestas.    

Por que un peche en Fonseca? Apoiastes tamén o de Ciencias da Educación esa mesma semana (e o de Historia hoxe, despois da entrevista).

Primeiramente dicir que como organización propiamente só participamos no peche de Fonseca. En Educación participou xente da Liga, pero foi a título individual debido á decisión da Asemblea de Educación de que fora un peche sen siglas nin organizacións.

O peche de Fonseca nace da estreita colaboración que houbo este ano entre as distintas organizacións do Campus de Compostela. De cara a mobilizar o estudantado para o día 10 decidimos que sería moito máis intelixente seguir na dinámica de combinar esforzos e non pisarnos traballo unhas ás outras. Lamentamos que non participaron todas, pero si celebramos a súa ampla maioría. Pechamos un calendario de actividades, sen siglas, que incluíron performances na biblioteca Concepción Arenal ou a Facultade de Historia, ademais do peche e unha Asemblea Xeral de Estudantes. Decidimos que sería na Biblioteca Xeral no Pazo de Fonseca por unha mestura de simbolismo e pragmatismo. O primeiro vén dado pola “historia” de peches importantes que alí tiveron lugar e por ser un centro de interese turístico na cidade. O segundo, porque ao ser nunha biblioteca permitíanos facer fincapé na necesidade que hai de abrir máis bibliotecas, e durante máis tempo, no período de exames, e esta tiña o aliciente de estar no campus histórico, no cal xa non se abre ningunha nestas datas (no Campus Sur está a “Conchi” –Concepción Arenal- e no Norte, a de Económicas).

None

E cal é o voso obxectivo xeral en todas estas protestas?

O noso obxectivo era facer visíbel á sociedade, e a reitoría, a molestia e repulsa dos estudantes pola situación da educación pública. A suba das taxas é unha agresión ao público e aos estudantes. Realmente non se pode cualificar doutra forma esta nova medida do goberno central, con ela só se consegue unha elitización da universidade e que as clases medias-baixas vexan vetado o seu dereito a formarse e recibir unha educación superior. Un decreto que criminaliza ao estudantado como se foramos unha panda de vagas e maleantes, cando habería que mirar moi de cerca as causas das taxas de suspensos que hai en certas carreiras. Dende o goberno gábanse de que non baixaron os marcos económicos, pero ao incrementar as esixencias no expediente estase afogando a maior parte das persoas que dependen dunha bolsa para permitirse asistir á universidade. Ao esixir unha nota media dun 6 podemos falar dunha caída do 20-30% das bolsas concedidas, xa que as notas teñen unha distribución lineal e hai máis estudantes entre o 5-6 que o 9-10. Ademais na USC temos unha situación máis complexa có resto do Estado debido á inminente implantación da Normativa de Permanencia. Unha normativa paternalista que ten un transfondo claramente recadatorio con medidas como a matriculación obrigatoria nas materias pendentes: u-lo dereito das estudantes a xestionar o seu plan de estudos.

Tivestes problemas con alguén durante o peche? 

Un dos principais problemas que nos atopamos foi que nos desconectaron a rede wifi polas noites. Parece unha tontería pero para facer traballos, descargar apuntamentos ou buscar dúbidas recorres a Internet. Esta medida sorprendeunos bastante porque no anterior peche que fixera a nosa organización, na biblioteca da Facultade de Económicas e Ciencias Empresariais, si que nolo deixaran sen ningún problema. Ao segundo día do peche veu a “visitarnos” Paco Durán, vicerreitor de estudantes, e asegurou que levaría a nosa petición á reitoría, pero non nos activaron a rede en ningún momento. Outro dos nosos obxectivos que non puidemos cumprir era que o peche fora aberto, é dicir, que calquera estudante se puidera achegar en calquera momento, facer uso da biblioteca e participar das asembleas que tiñan lugar á noite. Chocounos un pouco que se nos puxeran atrancos, tendo en conta que o Consello de Goberno se posicionou en contra da suba das taxas. No tocante ao final do peche, decidiuse que, dado o éxito que supuxo a folga (pola do día 10), se podía dar por rematado. Na nosa mente estaba a idea de que ó conselleiro de Educación e ós reitores lles quedaría ben clara a nosa postura acerca da suba das taxas. Aínda así acordouse ter unha Asemblea Xeral o luns para valorar as reaccións dos poderes públicos e decidir novas medidas de actuación, a continuación do peche ou outras actividades, pero algo haberá, e màis despois das palabras do conselleiro cualificando as manifestacións como pataletas.

Pensades que conseguistes algo?

Estou segura de que si. Un dos principais obxectivos que nos marcamos era facer un forte labor pedagóxico. Se unha estudante non sabía que eran as taxas, non podería entender por que debía saír á rúa o día 10. A semana antes do peche fixemos fincapé en actividades dese estilo. Performances como obras de teatro ou unha “clase maxistral” ao aire libre explicando que eran as taxas, como nos afecta a subida… ademais de actividades máis tradicionais como poden ser voandeiras ou explicacións nas nosas páxinas webs. Que haxa xente no peche que non pertence a ningunha organización nin é dos teus círculos de coñecidos sempre é un indicativo de que estás a facer as cousas ben. Evidentemente temos moito que mellorar, pero co traballo conxunto das organizacións e a busca de novas formas de chegar á xente, xa fixemos un gran avance.
 

Que resposta tiveron as vosas mobilizacións por parte do estudantado?

A verdade é que estamos moi contentas coa participación da xente! Non hai máis que mirar a cantidade de estudantes que participaron nas comitivas, e practicamente as facultades quedaron baleiras, houbo moi poucas clases. Palpouse que as estudantes están chegando ao límite da súa paciencia e que hai un gran malestar instalado na Universidade. Isto non só se reflicte no día 10, só hai que ver a cantidade de concentracións que houbo de cara a ese día. Ten especial mérito se temos en conta nas datas tan delicadas nas que estamos, posto que Boloña está a un par de semanas dos exames finais. Agardamos que o ánimo non decaia e perdure o espírito posto, que isto non vai ser máis que o comezo, cada venres teremos algún novo motivo para indignarnos. 

 - E por parte do resto de axentes sociais e institucionais universitarios?  

Houbo de todo. A universidade ten unha posición bastante crítica con respecto do decreto, o Consello de Goberno posicionouse en contra del (sen ningunha intervención a favor na última reunión deste organismo). Os sindicatos de traballadores están do noso lado, tanto os nacionais como os estatais, ao igual que o 90% da comunidade educativa. O decreto é moi lesivo de cara ao profesorado, cuns reaxustes das súas xornadas laborais moi importantes. Por outra banda están os poderes públicos. Véxase o conselleiro de Educación, que clasificou as nosas actividades como unha mera pataleta. Ten a todo o estudantado na rúa, que conta co apoio do profesorado (na USC, como iniciativa que nace do seo da PUDUP, fíxose un parón institucional de dúas horas para apoiar a xornada de mobilización) e aínda así non cede, nin se reformula a súa postura. Dende logo non hai máis xordo que o que non quere oír. O ministro Wert cada día deixa máis claro que o seu único obxectivo é aprobar a toda costa os recortes e as medidas privatizadoras que van a exterminar o noso sistema de educación público, sen importarlle a cantas persoas se leve por diante.

Que opinión tendes ao respecto do Real Decreto de universidades?

O Real Decreto non hai por onde collelo! Impón unha serie de medidas que supoñen afogar aínda máis á universidade no plano orzamentario e unha diminución da calidade docente por outra banda. No plano orzamentario habería que falar da aplicación dun límite de gasto anual que non se pode modificar. Isto é un lastre para a captación de financiamento externo, que tendo en conta as políticas actuais de recortes de orzamentos é de vital importancia. Un hipotético suposto para entender a envergadura do problema: unha universidade pecha o seu orzamento en outubro e fixa unha serie de gastos. Dous meses máis tarde sae unha convocatoria na que podería chegar a gañar 500.000€ asumindo un custo inicial de 100.000€, estamos a falar de que podería gañar 400.000€. Pois co novo decreto non podería participar da convocatoria, e polo tanto perdería financiamento externo, posto que no seu orzamento non estaban especificados eses 100.000€. Por outra banda, atácase na autonomía que posuíu sempre a universidade no momento en que ten que render anualmente contas aos organismos de fiscalización de contas da súa Comunidade Autónoma, que podería chegar a intervir nas súas contas.

Como vos afecta directamente?

Sobre as taxas: para comezar, estamos en contra de calquera tipo de suba, por pequena que sexa, para nós non deberían existir. Habendo taxas non tes un sistema público de verdade, o que tes é un sistema de copago. De todas formas, hai que incidir en que un estudante hoxe en día non está a pagar o 15% do prezo real como nos fan crer. Este cálculo foi feito dun xeito trapalleiro divindo os orzamentos da Universidade entre o número de estudantes, pero non podemos esquecer que esta desenvolve actividades de investigación e oferta servizos á sociedade que non recaen de forma directa no estudantado. Se facemos un cálculo obviando as partidas das que as estudantes non fan parte (como a investigación, que supón a metade do horario laboral dun docente e, polo tanto, a metade do seu salario) chegamos á cifra de máis do 40% do custo total da matrícula. É dicir, que na actualidade estamos a pagar a metade do custo do “servizo”, e non só unha décima parte. En 4º convocatoria estaremos a pagar o 180% do custo real! O mesmo prezo que se lle aplicara aos estudantes de fóra da UE.

Outro tema que nos afecta de forma indirecta é a reforma do horario lectivo do profesorado, pasando a 24 créditos ECTS pero con dúas importantes excepcións. Para as profesoras con máis de 3 sexenios aprobados nos últimos 6 anos reduciráselle a 16 ECTS e para as que non teñan sexenios aumentaráselle a 32 ECTS. Isto implica que en departamentos onde haxa un gran número de profesoras con moitos sexenios haberá un desaxuste porque non chegarán as docentes para impartir as aulas (coa taxa de reposición cero non se poderá contratar a máis docentes). No caso contrario teremos departamentos con profesoras con poucos sexenios que verán a súa xornada aumentada, de forma que se producirá un execedente de docentes que rematará en despidos.

Seguiredes coas mobilizacións?

Se non paran con este ataque ao público e ao dereito a recibir unha educación, non quedará outra que volver saír á rúa. O ambiente social é de crispación e enfado e iso vaise notar nos vindeiros meses, en forma de protestas, mobilizacións, folgas, concentracións...

A Liga Estudantil Galega xa celebrou unha Asemblea Xeral de estudantes o pasado luns, de cara a definir un novo calendario de actividades e medidas, e este xoves sumáronse e animaron a sumarse a unha Asemblea Aberta de Estudantes en Xeografía e Historia co fin de decidir entre todos o rumbo das protestas. O resultado é un novo encerro na súa biblioteca, unha das máis vellas e fermosas da capital de Galiza. Parece que a “maré educativa”, levantada en medio da tempestade das medidas de Wert, seguirá moito tempo. E este clamor é global. En Canadá os estudantes levan tres meses en folga pola suba das taxas nun 75% en cinco anos.

Máis fotos do peche aquí e nestoutra ligazón da Liga Estudantil Galega, onde tamén atoparedes moita máis información sobre a loita estudantil.

None
None
None
None
None
None
None
None
None
None
None
None
None
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 tere

o amigo paco duran vicereitor e afiliado ao pp ao psoe, ao bng ou ao q sexa dependendo de con quen este a falar, eu non esperaria wifi del

2 Luís Rodríguez

1 Ego Sum

NON ÁS TAXAS!!!!! NON ÁS TAXAS!!!!! REPITE 1000 VECES, NON ÁS TAXAS!!!!