Falece o poeta e xornalista Manuel Álvarez Torneiro

O mundo da cultura lembra a figura do que foi o primeiro Premio Nacional de Poesía en lingua galega.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2019 | Actualizada ás 11:17

Comparte esta noticia

O poeta e xornalista Manuel Álvarez Torneiro, Premio Nacional de Poesía no ano 2013, faleceu este martes na cidade da Coruña, na que residía, aos 87 anos.

O mundo da cultura galega, así como distintas personalidades públicas, expresaron o seu pesar pola perda deste prolífico autor, que desenvolveu a práctica totalidade do seu labor literario en lingua galega.

De feito, en 2013 convertíase no primeiro Premio Nacional de Poesía que obtiña este galardón por unha obra en galego, 'Os ángulos da brasa', editada por Kalandraka. A editora galega lamentou este mércores nas súas redes sociais a "inmensa perda" que supón para a literatura galega a morte de Álvarez Torneiro, ao que definen como "un ser entrañable".

Nacido na Coruña en 1932, Álvarez Torneiro desenvolveu a súa vocación poética xa con cincuenta anos a partir do seu debut en 1982 con 'Memoria dun Silencio'.

Desde entón publicou títulos como 'Rigorosamente humano (1995, Premio Esquío); 'Luz de facer memoria' (1999, Premio González Garcés e Premio da Crítica); 'Campo segado' (2001); 'Epicentro' (2003); 'Setembro Stradivarius' (2004), e 'Parábola do incrédulo' (2006). O seu maior recoñecemento, no entanto, obtívoo con 'Os ángulos da brasa', publicada en 2012, que, ademais do Premio Nacional de Poesía, obtivo tamén o da crítica de poesía en lingua galega e o Premio Ánxel Casal.

O seu corpo está a ser velado na sala 1 do Tanatorio Servisa da Coruña e está previsto que sexa incinerado este xoves, día 10.

MENSAXES DE RECORDO

Tras coñecerse a noticia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) emitiu un comunicado no que manifestou o seu "profundo pesar" pola perda de Manuel Álvarez Torneiro, o que, subliñaron, "deixa na súa obra un excepcional traballo poético ao servizo da reflexión humanística".

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lembrou na súa conta de Twitter a figura de Álvarez Torneiro, nunha mensaxe na que trasladou, ademais, o seu pesar polo falecemento do pintor lucense Alfredo Labajjo Grandío, cuxa morte se coñeceu este martes. "Tristeza pola perda de dous creadores que deixan un gran baleiro cultural", afirmou.

A Deputación da Coruña, pola súa banda, mandou unha mensaxe de recordo ao poeta coruñés, gañador en dúas edicións do Premio Miguel González Garcés da institución provincial, e cuxa "obra e memoria perdurará no tempo".

Entre outras mensaxes de condolencia figura o do BNG da Coruña, que eloxiou a figura do poeta como "un home comprometido" co galego e despediuse de "un mestre da palabra" e "un coruñés ilustre".

O poeta e xornalista Manuel Álvarez Torneiro.. AELG
O poeta e xornalista Manuel Álvarez Torneiro.. AELG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Sentidiño

Rigorosamente humano: un dos maiores poetas do país. Un filósofo que falaba en verso, mereceu ser traducido a mil idiomas. Unha honra para a lingua galega. Os pobres dos rapaces e rapazas de hoxe terán que agardar a 2019 para que a Xunta lle adique un día das letras que merecía hai vinte anos. Todas mañá á libraría, mercádelle un libro a un morto marabilloso. Ou lédeo en internet, ou pirateado, ou en fotocopias, que a el xa non lle importa. Hostia.

1 Sentidiño bis

(Agardaren até 2029, quería dicir)