Yaiza Rubio, hacker: “Só un 5% das mulleres conseguen que as súas investigacións sexan aceptadas"

A hacker e experta en ciberseguridade, Yaiza Rubio, expuxo a situación das profesións STEM nun encontro con 250 estudantes en Ourense.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Yaiza Rubio, analista de seguridade en ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade de Telefónica, presentou este mércores o programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', nun encontro con 250 rapazas e rapaces do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. Nesta sesión achegou datos e razóns que explican por que a presenza das mulleres é máis reducida ca dos homes nos estudos e profesións científicas e tecnolóxicas.

Yaiza Rubio, hacker e experta en ciberseguridade
Yaiza Rubio, hacker e experta en ciberseguridade | Fonte: Agasol

Durante o encontro, impulsado pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Amtega da Xunta de Galicia, Yaiza Rubio achegou datos que falan dun 5% de mulleres que conseguen que se teñan en conta os seus 'papers' ou investigacións no ámbito tecnolóxico. A este respecto, Rubio recoñeceu que existe un teito claro que se fai moi evidente nas direccións das empresas onde un 90% das persoas con postos de responsabilidade son homes, pero animou ás rapazas a perseverar, non deixarse vencer por pequenos fracasos e traballar duro e sen complexos. "Temos que confiar nas nosas capacidades e pensar que este é un sector moi práctico, dá igual que sexas muller ou home, tes que pensar no valor diferencial que podes achegar a un traballo".

 

A SOCIEDADE PRECISA PERFÍS TECNOLÓXICOS

A analista manifestou que "necesitamos fomentar as carreiras tecnolóxicas nas mulleres, fan falta escolas que aposten por ensinar tecnoloxía; son habilidades que hai que ir incorporando dende moi cedo porque as profesións do futuro non se van parecer nada ás que coñecemos hoxe", asegurou. Neste sentido, Yaiza Rubio remarcou que agora se precisan moitos perfís tecnolóxicos no ámbito da seguridade porque a ameaza cibernética é mundial.

Tamén insistiu en que "precisamos referentes, sobre todo as rapazas. Teñen que ver a outras mulleres que traballan con éxito e paixón nestas profesións; necesitan saber que non somos bichos raros metidos todo o día detrás dun ordenador, somos persoas que queremos traballar para mellorar a vida doutras persoas".

Rubio realizou co alumnado un xogo de simulación dun delito de phishing que tiña como obxectivo suplantar unha identidade nun dispositivo móbil a través dunha aplicación maliciosa. A dinámica serviu, por unha banda, para advertir a mozas e mozos dos perigos de instalar aplicacións non confiables, aceptando condicións e permisos que poden ser usados para atentar contra a nosa privacidade e identidade. Por outra banda, a analista valeuse deste exemplo para facerlles ver o útil que pode ser a tecnoloxía como profesión para resolver situacións que supoñen un problema moi frecuente no noso día a día. Neste sentido, ofreceu un dato reflexado no informe que ven de publicar hai menos dun mes a Asociación Española para a Dixitalización, onde se asegura que hai máis de 10.000 empregos vacantes en España arredor das carreiras STEM que non poden cubrirse porque non existen perfís prefesionais para realizar estes traballos.

 

Rubio tamén tocou o tema das ‘fake news’ ou noticias falsas e explicou que “hoxe en día todo o mundo pode emitir bulos interesados en internet grazas a aplicacións que permiten manipular imaxes, pero tamén existen aplicacións que permiten saber se unha imaxe foi manipulada porque hai xente que traballa para desenvolver ferramentas que nos axudan a combater este tipo de delitos”.

 

O PROGRAMA

 

A iniciativa 'GIRL STEM' é un programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Do 4 ao 14 de outubro están programados diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores.

 

O obxectivo desta iniciativa é contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta