Vídeo | A rapazada móvese ao ritmo de 'Non Violencia', unha campaña escolar contra o abuso escolar

O CEIP Rosalía de Castro da Coruña acabar de publicar un videoclip elaborado polo alumnado para loitar contra todo tipo de violencia. Detrás hai todo un proxecto no que están implicados pais, profesorado e traballadores do centro. Así foi o traballo durante o pasado curso escolar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O CEIP Rosalía de Castro da Coruña vén de presentar o primeiro froito dun proxecto a medio/longo prazo que ten por obxectivo concienciar a toda comunidade educativa para construír unha "nova cultura" asentada na Non Violencia. Trátase dun videoclip elaborado pola rapazada do colexio da man de profesionais da cultura, da música e da educación.

Alumnado e profesionais que participaron no proxecto NonViolencia
Alumnado e profesionais que participaron no proxecto NonViolencia | Fonte: IES Rosalía de Castro

A idea xurdiu dun grupo de pais e nais da Anpa Aturuxo que observaron un repunte da violencia "moi preocupante" en idades temperás. Manel Cráneo, pai, debuxante, produtor cultural e director do proxecto, explica que comezaron a cavilar unha fórmula para previr esas condutas dende cativos. "Decidimos entón crear un proxecto inclusivo no que participara todo o colexio, porque as condutas de violencia danse dende que os nenos son pequenos e quedan arraigadas se non se frean", comenta.

Así pois, a comezos do trimestre pasado puxeron a andar esta iniciativa na que os máis de 200 nenos e nenas do instituto, ao igual que as familias e o profesorado, se implicaron de maneira moi activa. "A nosa intención é que reunira toda a comunidade educativa", comenta Manel. O primeiro paso foi o dado por unha especialista da UDC en temas de violencia, María José Mosquera, que visitou o colexio para desenvolver unha sondaxe sobre como percibe a rapazada a violencia. A partir desta primeira actividade chegaron á conclusión de que "só entenden a violencia cando hai golpes, non a relacionan cun empuxón na fila, cun insulto, cun mote. Non perciben outros tipos de violencia coma a psicolóxica. A este tipo de condutas nunca se lles deron importancia, e non son simples cousas de nenos. Eses hábitos acaban producindo problemas a idades máis avanzadas". 

O PROCESO CREATIVO DE 'NON VIOLENCIA'

Co gallo de poñerlles fin a este tipo de actitudes, desenvolveron unha serie de sesións das que xurdiron unhas cantas pautas de conduta coas que logo crearon a letra da canción do videoclip. Neste punto entrou en xogo a escritora e dinamizadora cultural Dores Tembrás, que organizou unha serie de talleres literarios nos que argallar a letra entre toda a rapazada. "Non foi fácil", conta Manel. "Aínda que os nenos estaban moi inspirados e son pura creatividade, queriamos que a letra recollese todos os tipos de violencia". Nesas conversas, o alumnado deu coa solución máis axeitada para rematar coa violencia nas aulas: o diálogo, que se coñezan e falen entre eles.

Unha vez que a letra estivo preparada, o colectivo comezou a compoñer a música e gravar nos estudos. Contaron coa axuda de profesionais de diferentes ámbitos que tiñan certa afinidade co público infantil e xuvenil. Así pois, participaron, entre eles, Pablo Díaz, Fran Amil, Silvia Penide, Lucía Aldao e María Lado, Fran Castro e Alberto Delpi, Carlos Veiga, Manu Viqueira e Fernando Esclusa, que tamén organizou obradoiros sobre a historia dos estilos musicais. Finalmente, dos talleres gráficos saíron os iconos sobre e contra a violencia que logo se animaron sobre a imaxe real do videoclip. 'Non Violencia' ía entón collendo forma. 

TRANSMITIR NOVAS CONDUTAS DE XERACIÓN EN XERACIÓN

Todo este foi un proceso que levou tempo e paciencia, pero tamén moita aprendizaxe para todas as persoas implicadas. O resultado presentouse o sábado pasado no Teatro Colón da Coruña, e a acollida foi moi boa: "O patio de butacas estaba a reventar de xente!", conta Manel entusiasmado.

E que queda por diante? Continuar traballando no proxecto. "Este tipo de actividades non chega con facelos un ano, hai que intentar que cada neno, de xeración en xeración, vaia transmitindo estas novas condutas para que cale a mensaxe". Esta comunidade educativa non quere que isto quede nun 'pasou o día, e pasou a romaría'. Poida que 'Non Violencia' sexa un petisco para abrir boca... Haberá que ver que argalla no futuro a rapazada do CEIP Rosalía de Castro para loitar contra as violencias. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta