Edición de "resistencia" para o festival de teatro de Ourense pola falta de apoio económico do concello

A caída do número de funcións é unha das consecuencias do recorte orzamentario que sufriu o festival, que conta agora con ao redor de 30.000 euros, cando en 2018 manexaba unhas cifras moi por encima: case 90.000 euros.

Por E.P. | OURENSE | 10/10/2019 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) afronta este ano ---do 23 ao 27 de outubro-- unha edición "de resistencia" ante as ameazas da súa desaparición despois de caer un 68% o seu orzamento tras a supresión do "apoio do Concello de Ourense e da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic)", segundo explicou esta mañá una das organizadoras, Sabela Gago, de Sarabela Teatro.

O FITO conseguiu sobrevivir un ano máis e celebrará a súa duodécima cita consecutiva con "unha programación fiel á identidade e calidade das anteriores edicións", pero cun cartel moi recortado: serán un total de seis funciónss repartidas en cinco días --o pasado ano gozáronse de 16 funcións colocadas en 10 días--.

A caída no número de funcións é unha das consecuencias do recorte orzamentario que sufriu o festival, que conta agora con ao redor de 30.000 euros, cando en 2018 manexaba unhas cifras moi por encima: case 90.000 euros.

Así, manteñen o seu apoio a Deputación de Ourense, que conserva a súa partida de 20.000 euros; a Xunta de Galicia, con 8.000; e a Universidade de Vigo, con 2.000. Ademais, a institución provincial cede o Teatro Principal e o Campus de Ourense fai o propio coas súas instalacións.

A diferenza de hai 12 meses, o Goberno municipal da cidade non apostou por esta convocatoria e retirou o seu apoio, algo máis de 40.000 euros, alegando motivos de pouca rendibilidade.

Ademais, a cita tampouco recibiu este ano a liña de axudas de Agadic, que ascendía a 25.000 euros, por un problema burocrático atribuído ao anterior equipo consistorial, que pediu a cesión temporal da marca 'FITO' para optar á bolsa da axencia galega, pero terminou presentando a documentación fóra de prazo.

No entanto, Sarabela Teatro admite que tiveron novas conversacións co concelleiro de Cultura para retomar as posturas, xa que "o FITO non ten sentido na cidade sen o Concello e sen o auditorio municipal" de Ourense, "a Atenas de Galicia".

AUMENTO DE ESPECTADORES

Con todo, a organización quixo agradecer á cidadanía o seu apoio, porque cada ano "vai subindo de espectadores" e si defendeu a rendibilidade dunha iniciativa que "dinamiza a cidade e dá emprego a moitas persoas", apostilou Gago, á vez que enxalzou o seu compoñente cultural.

"O teatro é un vehículo que nos ensina quen fomos e cara a onde imos, porque queremos, cremos e soñamos o teatro nestes tempos onde querer, crer e soñar está a volverse cada vez máis complexo", indicou.

Ao fío da redución económica, Gago lamentou ademais que neste 2019 non se celebrará o V Atopo Mulleres Creando, "un espazo de recoñecemento do labor da muller nas artes escénicas", aínda que remarcou igualmente "o compromiso coa creación feminina", xa que "do seis espectáculos, a metade están dirixidos por mulleres e catro son de autoría feminina, ademais, o 70% dos intérpretes son tamén mulleres".

A modo de protesta, Gago denunciou a situación pola que está a pasar a cultura na cidade das Burgas, por mor das dúbidas sobre o apoio a eventos como o OUFF (Festival de Cinema Internacional de Ourense), o Pórtico do Paraíso ou o Outono Fotográfico.

"É unha pena porque se van perdendo citas culturais moi importantes aos poucos, Ourense merece outra cousa, ten un pasado de cultura moi plena e marabillosa, cando nos queiramos dar conta, xa perdemos moito terreo", engadiu.

PROGRAMACIÓN

O festival comezará o mércores 23 ás 20,00 horas no Teatro Principal con 'A voz durmida', da compañía madrileña Euroscena. O martes é a quenda de L'Explose, chegada desde Colombia, que despregará no mesmo escenario e á mesma hora 'O mel é máis doce que o sangue'. O mércores o teatro sairá á rúa co grupo andaluz Trespert e o seu 'Oopart' desde as 19,00 horas e a compañía galega Artesa levará ao Campus 'Chola a it girl'.

O sábado retómase a actividade no teatro ás 20,00 horas con 'Viñemos a dalo todo', da galega Voadora; e o domingo clausurarase a programación tamén onde se encetó, pero unha hora antes, coa obra madrileña 'Xeración Why', de Proversus. As entradas poderanse adquirir nos despachos de billetes 2 horas antes do comezo de cada función. O prezo estándar será de 8 euros, reducido a 5 para universitarios, parados e xubilados.

Teatro. EUROPA PRESS - Arquivo
Teatro. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta