Mapa do baleiro industrial: Navantia, esperando a carga de traballo

Buques militares para Navantia Ferrol. Navantia Fene, para construción de buques civís. A primeira está á expectativa de encargas da Armada española, a segunda traballa agora para aeroxeradores mariños. A fluctuación da carga de traballo e o cambio do modelo de negocio, transformou unha zona industrialmente forte, nunha área que pide recuperar o pulo industrial de antano.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/10/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A forza económica da ría de Ferrol estaba nos seus estaleiros. Arredor deles naceu unha urdime sociolaboral que absobía grande parte do tecido laboral e empresarial da comarca. Logo, cos cambios feitos dentro do modelo de negocio, as cousas cambiaron. A comarca entrou en recesión, que mesmo hoxe é visible e a construción de buques quedou ao arbitrio do mercado. Así, logo de cambios no nome, Navantia segue sendo unha empresa pública, mais ten que saír ao mercado para mostrar as súas capacidades tecnolóxicas, sobre todo en buques de defensa.

Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A
Plataforma eólica mariña co maior aeroxerador construído pola UTE Navantia-Windar para Windplus S.A | Fonte: Windplus

Iso no que correspondería ao estaleiro de Ferrol, porque en Fene, do outro lado da ría, os traballadores e traballadoras, están a expensas das decisións dos contratistas por se queren construir buques de uso civil. Actualmente, os traballos que desenvolve esta parte de Navantia son piares (jackets na terminoloxía técnica) para muíños aeroxeradores que se colocan no mar.

SITUACIÓN

A situación nestes momentos, como di Marcelino Amado da CIG “é complicada porque acaba o traballo sobre os AORes australianos en Ferrol e logo quedaremos sen carga de traballo para dous anos”. A finalización dos traballos sobre estes buques non foi seguida da colocación dunha nova quilla nas instalacións ferrolás. “Estaremos case dous anos sen carga de traballo se non hai alternativa inmediata, deixando a xente das auxiliares na rúa”. Poderían os traballos para a eólica suplir ese tempo sen traballo? “Para nada, e non hai diversificación, seguimos coa construción militar”.

“Agora mesmo temos carga de traballo polas fragatas, mais o problema é que ata 2022 non comeza o primeiro deses buques” di Fran Villar de UGT. “A cuestión é que facemos ata ese momento, porque xa presionamos ao Concello e aos partidos para que haxa unha carga de traballo para superar este momento”. As fragatas darían traballo ata o ano 2032.

Navantia Ferrol. NAVANTIA - Arquivo
Navantia Ferrol. NAVANTIA - Arquivo

O curioso é que en Cádiz, onde se están montando unha serie de cobetas e en Cartagena, onde se traballa no deseño e construción dun submarino, “aí falta xente e non dan feito coa carga de traballo que teñen, por iso subcontratan” di Villar. Esta división da carga de traballo vén dos tempos do franquismo e da creación de “polos industriais”. “Miraron as zonas máis pobres, miraron para que serían idóneas, así Ferrol quedou para grandes buques, Cádiz para barcos de menor tamaño e Gartagena para o submarinos”.

“Cando se bota un buque non está completo, hai que levalo ao peirao para instalar todos os sistemas de armamento e tecnolóxico” di Javier Galán de CC OO. “Estabamos afeitos a fabricar os barcos con altas porcentaxes de tecnoloxía ou tubaxes, mais hoxe en día non se traballa con porcentaxes tan altas”. Actualmente hai un buque que se está completando para a súa entrega. Mentres, non hai novas quillas no estaleiro.

FERROL MILITAR, FENE CIVIL?

O Ministerio de Defensa anunciaba a contratación para a construción das fragatas F 110, un respiro polo menos para unha década con carga de traballo. Non obstante “por motivos políticos fóronse atrasando, non doutro tipo, e agora temos ese período de dous anos sen traballos, mesmo había un proxecto industrial para a modificación dos estaleiros” di Amancio Amado. Dito proxecto tería que comezar entre 2016 e 2017, mais non se materializou. Amado apunta que esta paralización se debía ao reparto ou adxudicación de elementos tecnolóxicos para as fragas, non había acordo sobre quen fabricaría tal ou cal elemento.

En 2015 finalizaba o “veto” para a construción civil en Navantia. Europa alegaba que houbera axudas ilegais para a construción civil. Abríanse as portas para as embarcacións non militares. Con todo, a construción de buques de transporte, petroleiros, químicos, etc., cousa que se ve difícil, a pesar de haber capacidade para este tipo de traballos. Outros países europeos si están creando buques deste tipo que levan unha carga importante en I+D. Desde o comité de empresa acusan ás decisións políticas de non haber proxecto para barcos civís.

O mercado civil é máis complicado, mesmo podo dicir que hai unha loita entre chineses e xaponeses” sinala Fran Villar. “O buque civil non deixa cartos, pode ser un buque grande mais non ten a tecnoloxía que leva un navío militar, a tecnoloxía é o que deixa diñeiro”. Un petroleiro é “un caixón cuns tanques para encher e unha ponte de mando, non ten máis”. O caso é que os países asiáticos fabrican modelos de buques en serie, baseados nun modelo único en cada país, “iso rebaixa moito os prezos”.

Un exemplo de barco que se podería ter feito sen recorrer a un novo deseño sería o substituto do buque da Armada, “Patiño”. “Pensamos que sería a solución idónea para este tempo de espera, mais o goberno decidiu ir a eleccións e o proxecto de construción quedou parado” sinala Javier Galán. “Podemos construir buques para uso civil, mais somos eminentemente militar, Fene era civil mais a carga de traballo diminuiu”.

TRABALLADORES

“En Ferrol os traballadores fixos despois da última saída, somos 1.450, en Fene 105 máis os que quedaron” di Amado. “As auxiliares duplican a cifra de fixos, posiblemente 2.000 persoas, depende da carga de traballo, en total, cando hai carga de traballo, normalmente entran pola porta máis de 4.000 persoas”. O caso é que hai uns meses, dúas empresas de mantemento realizaron unha serie de despedimentos “sen que houbese unha rebaixa na carga de traballo”.

“Entre Ferrol e Fene si podemos andar sobre os 1.800, mais agora en abril xubilouse moita xente”, apunta Villar. “O que necesitamos para revivir isto é ter un barco para suplir estes dous anos, pois un barco entre que se deseña e constrúe leva tempo, mais agora se xa tes o deseño pode ser máis rápida a súa montaxe”. O deseño dunha nova nave leva dous anos mínimo.

Se se considera o peso actual dos estaleiros dentro da comarca de Ferrol e todos os seus concellos, segue habendo unha grande dependencia desta industria. A maioría do comercio, negocios, empresas, tiñan, directa ou indirectamente relación con Navantia. A rebaixa en carga de traballo séntese en toda a actividade económica e social da zona.

“Mentres estamos en espera as actividades que desenvolvemos son as de mantemento da planta” sinala Javier Galán. “Hai cuestións que melloraron, como garantir salarios dignos para as auxiliares”. Sobre se Navantia fai un bo traballo na procura de contratacións, Galán cre que a empresa fai un bo labor. “Aínda que perdemos un contrato con Australia que levou o Reino Unido, creo que por cuestións políticas, mais creo que agora mesmo temos unha boa posición”.

COMPETIDORES

Entrar no mercado militar é complicado. Estados Unidos, Gran Bretaña ou Francia, por dar algúns exemplos, teñen as súas propias empresas de construción naval para as súas armadas. Mais a sesación é que a parte “militar” de Navantia ten futuro segundo as impresións recollidas por Galicia Confidencial. As ofertas que lle chegaron nos últimos anos tiveron a súa raíz ao chegar ao mercado militar para países sen unha infraestrutura de construción naval. Aínda que hoxe por hoxe, países emerxentes están investindo xa en industria militar propia.

O convenio actual de Navantia está asinado aínda que “quedaron moitos artigos por finalizar, estase traballando nesa fase, sobre o aspecto salarial, están corrixindo os flecos que quedaron, beneficios sociais, clasificación profesional” di Amancio Amado. “Hai mesas abertas sobre a formación, queda por abrir unha de produtividade e outra sobre auxiliares”. A formación enchería ocos deixados por despedimentos ou xubilacións. Coas auxiliares, o problema consiste en que máis de 1.000 persoas quedan sen traballo cada vez que non hai buques no dique.

“Non se pode dicir que traballar no mercado militar sexa un contrato seguro” di Javier Galán. “As grande armadas do mundo que contratan con Navantia, o que fan é contratar o deseño, aí non teremos parte na construción”. O que reclaman os traballadores é que se se asina un acordo, ese mesmo leve a condición de construir en Navantia. 

Asinado entre dirección e sindicatos o ERE en Navantia que permite a saída an
Asinado entre dirección e sindicatos o ERE en Navantia que permite a saída an
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta