Losada chama a que a Garda Civil loite contra os "criminais que matan mulleres"

Destaca no día da patroa da Benemérita a operación levada a cabo este verán en Viveiro "contra o terrorismo" e a detención de integrantes de Resistencia Galega.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/10/2019 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, demandou este sábado á Garda Civil que siga loitando "para frear a sangría machista" que supón a violencia de xénero, "unha loita encarnizada contra criminais que matan mulleres", dixo.

Así se pronunciou este sábado durante os actos de celebración da festividade da patroa da Garda Civil, no acuartelamento da Coruña, onde estivo acompañado polo xeneral xefe da Zona de Galicia, Luís Francisco Rodríguez, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, entre outras autoridades civís e militares.

Na súa intervención, Javier Losada destacou que en Galicia hai ao redor de 3.500 casos activos de violencia de xénero e que só no primeiro trimestre do presente ano se dictaron 400 ordes de protección.  No seu discurso, Losada apuntou que en Galicia hai unha taxa de criminalidade do 22 %, "dez puntos por baixo da media nacional" e lembrou que a comunidade é a cuarta máis segura de España.

Así mesmo, enxalzou o labor da Garda Civil "contra o terrorismo en todas as súas formas", á vez que aludiu á operación levada a cabo este verán en Viveiro (Lugo) contra o terrorismo e a detención de integrantes de Resistencia Galega.

Control de Tráfico.. GARDA CIVIL - Arquivo
Control de Tráfico.. GARDA CIVIL - Arquivo

A GALICIA BALEIRADA

Tamén, sinalou que a Benemérita faise cargo "dunha gran tarefa", a loita "contra a España baleirada" e o labor de "vertebrar a Galicia baleirada", pois os axentes galegos están distribuídos en 169 cuarteis para protexer a "un millón cincocentos mil galegos e galegas que viven en dispersión".

"Chegades onde ninguén chega, tedes o reto de ser o fío que mantén unido ao noso país galego", insistiu Losada no seu discurso. Con vistas aos próximos retos, Losada asegurou que "o Goberno de España ten o compromiso con Galicia para garantir as maiores cotas de seguridade ante o Xacobeo 2021".

"Hoxe e cada día do ano celebramos que desde hai 175 anos contamos cun dos corpos policiais máis preparados e modernos do mundo", incidiu o delegado do Goberno, á vez que lembrou que o corpo é garante das leis e que "sen leis non hai democracia".

O xeneral xefe da Zona de Galicia, Luís Francisco Rodríguez destacou, nun balance das actuacións do ano, que "no ámbito do terrorismo" realizaron a "detención dos xefes da banda terrorista Resistencia Galega".

No acto, no que se entregaron condecoracións a diferentes axentes da Garda Civil, participaron tamén o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta