A dieta dos galegos é das máis contaminantes en España, segundo un estudo

Asturianos, galegos e castelán-leoneses, por esta orde, son os que máis quilos de CO2 equivalente producen por persoa e ano polos seus hábitos alimentarios. No lado oposto sitúanse os cidadáns das Illas Baleares, cuxo patrón dietético xera menos gases de efecto invernadoiro. A dieta actual dos galegos, cada vez máis afastada da atlántica, non se atopa entre as máis sustentables, pero si é das máis ricas en nutrientes.

Por Alberto Quian | Madrid | 15/10/2019 | Actualizada ás 23:04

Comparte esta noticia

A pegada de carbono é un indicador ambiental que pretende reflexar a totalidade dos gases de efecto invernadoiro emitidos por efecto directo ou indirecto dun individuo, colectivo, empresa, evento, produto… En definitiva, é o impacto que ten sobre o clima o desenvolvemento dunha actividade, e mídese en toneladas ou quilos de CO2 equivalente.

Pegada de carbono das dietas por comunidade autónoma (traducido ao galego por GC)
Pegada de carbono das dietas por comunidade autónoma (traducido ao galego por GC) | Fonte: X. Esteve-Llorens et al. - Journal of Cleaner Production 242 (2020) 1184912.

Existe a crenza de que o consumo de alimentos non ten emisións asociadas e que só contamina a industria. Pero o certo é que os nosos hábitos alimentarios, a nosa dieta, ten tamén un impacto contaminante, un balance global de emisións de gases de efecto invernadoiro froito de actividades como o cultivo, a fabricación e o transporte do que comemos, entre outras variables.

Agora, un estudo científico sinala que os galegos están á cabeza en España no que se refire ao impacto da súa dieta sobre o clima, canda asturianos e castelán-leoneses. A razón? Un maior consumo de carnes, lácteos e mariscos.

A pegada de carbono asociada aos patróns dietéticos de asturianos, galegos e castelán-leoneses é de 1.195, 1.170 e 1.158 kg de CO2 equivalente por persoa e ano, respectivamente; a media estatal é de 1024 kg

A investigación está asinada por científicos de Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela, do Departamento de Medio Ambiente e Planificación do CESAM na Universidade de Aveiro (Portugal) e da Unidade de Análises de Sistemas do Instituto IMDEA Energía de Madrid.

Os resultados indican que “as rexións do noroeste de España teñen as cifras máis altas de pegada de carbono” relacionada cos patróns dietéticos actuais dos seus habitantes.

Máis detalladamente, salientan que os cidadáns de Asturias, Galicia e Castela e León presentan unha pegada de carbono asociada cos seus patróns dietéticos de 1.195, 1.170 e 1.158 kg de CO2 equivalente por persoa e ano, respectivamente. A media estatal é de 1024 kg de CO2 equivalente por persoa e ano.

Pola contra, as rexións situadas no sur e leste de España mostran os valores máis baixos, sendo os consumidores das Illas Baleares os que producen coa súa dieta menor impacto no clima, con 905 kg de CO2 equivalente por persoa e ano, seguidos por murcianos (926 kg de CO2), andaluces (944 kg) e valencianos (968 kg).

Asturias, Castela e León e Galicia consomen un 28 %, 19 % e 37 % máis de carne, lácteos e mariscos, respectivamente, que Illas Baleares, Murcia, Andalucía e a Comunidade Valenciana

Os investigadores apuntan que “o consumo significativamente maior de carne, produtos lácteos e mariscos é a causa principal dunha maior pegada de carbono nas rexións do noroeste”.

Así, clarifican que Asturias, Castela e León e Galicia consomen de media un 28 %, 19 % e 37 % máis de carne, lácteos e mariscos, respectivamente, que as Illas Baleares, a Rexión de Murcia, Andalucía e a Comunidade Valenciana.

Tamén destacan que as cifras máis altas de  pegada de carbono se relacionan cunha maior inxesta calórica, de xeito que “aínda que o contido enerxético da dieta non varía moito entre as rexións españolas, as que teñen a pegada de carbono máis alta son as que teñen a maior inxesta de enerxía (Asturias, Castela e León e Galicia)”, aportan.

Para explicar as razóns destas diferenzas recordan que o clima, a cultura e os estilos de vida distintos “derivan no consumo de alimentos en diferentes cantidades e con diferente regularidade”, mostrándose hábitos alimentarios distintos por áreas xeográficas.

Os científicos saben da existencia dun “patrón común” que indica que “ao redor do 80 % das emisións de gases de efecto invernadoiro proveñen de carne, produtos lácteos, mariscos, bebidas e cereais”. E entre estes, os dous primeiros “contribúen ao 50 % das emisións totais”. Mentres que as dez categorías de alimentos restantes analizadas só contribúen con ao redor do 20 % das emisións (froitas, verduras, legumes, froitos secos, ovos, comidas enlatadas, comidas precociñadas, doces, aceites e graxas, e salsas).

Isto explicaría por que os do norte e a franxa atlántica contaminan máis cós do sur e zona mediterránea polo consumo de alimentos, xa que a nosa inxesta de carnes, lácteos e mariscos é maior: “As variacións na cantidade e as proporcións destas categorías de alimentos son en gran parte responsables das  flutuacións na pegada de carbono entre as rexións españolas”, engaden os autores.

DIETA ATLÁNTICA

Quere dicir isto que a dieta atlántica é altamente contaminante? Non. Este estudo non se refire á dieta clásica galega, altamente recomendable polos expertos e altamente saudable para o planeta en comparación con ourras, como xa teñen demostrado estudos previos.

Neste caso estudouse o patrón dietético actual da poboación, que en Galicia se está afastando dos estándares aconsellables da dieta atlántica, como xa alertaron os investigadores.

Un estudo anterior alertou de que a dieta galega actual é menos saudable e máis contaminante que a atlántica tradicional, en declive

Os autores desta última investigación recordan, por exemplo, que estudos publicados recentemente sobre as dietas mediterránea e atlántica informaron dunha pegada de carbono destas de 735 e 842 kg de CO2 equivalente por persoa e ano, respectivamente, pero só considerando a etapa de produción. Uns valores “notablemente máis baixos” en comparación coa media española obtida no presente estudo: 1024 kg de CO2 .

A razón deses valores máis baixos é precisamente que nos estudos previos se analizou o impacto dos patróns de dúas dietas clásicas e ideais –mediterránea e atlántica–, non os novos hábitos alimentarios cada vez máis estendidos entre a poboación. Ademais, neste tipo de traballos non se acostuma incluír, por exemplo, as bebidas.

“Por tanto, cando se analizan estudos baseados ​​en patróns de consumo real, as proporcións e cantidades de certas categorías de alimentos cambian considerablemente (por exemplo, un maior consumo de produtos gandeiros e alimentos procesados) e, en consecuencia, a pegada de carbono tamén varía”, aclaran os científicos.

De feito, os resultados dun estudo realizado precisamente no Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela alertan de que a dieta galega actual é menos saudable e máis contaminante que a atlántica tradicional, en declive.

Tras comparar o impacto ambiental e nutricional da dieta atlántica tradicional coas tendencias de consumo actuais, os científicos concluíron que “o patrón de consumo real en Galicia está lonxe do recomendado, con peor calidade ambiental e nutricional”.

A pegada de carbono estimado para a dieta atlántica é de 4,53 kg de CO2 equivalente por persoa e día, mentres que na dieta galega actual é de 5,22 kg

No estudo comprobaron que as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas son aproximadamente un 15 % máis altas para a dieta galega actual que para a atlántica recomendada, principalmente debido á maior inxesta de carne e produtos lácteos.

A pegada de carbono estimado para a dieta atlántica é un equivalente de CO2 de 4,53 kg por persoa e día, mentres que na dieta galega actual ascende a 5,22 kg.

Tamén constataron que a principal factor responsable das emisións totais de gases de efecto invernadoiro é a etapa de produción de alimentos, independentemente do escenario: 4,07 kg de CO2 equivalente por persoa e día na dieta tradicional e 4,80 kg na actual.

Porén, se só nos centramos no impacto medioambiental da dieta atlántica, resulta ser unha das máis sustentables do mundo, cunha pegada de carbono mesmo máis baixa que a mediterránea, segundo outro estudo recente.

Para os expertos, malia que ambas as dietas –atlántica e mediterránea– comparten a mesma filosofía con respecto ao consumo de froitas, verduras e aceite de oliva, a atlántica dá prioridade ao consumo de produtos locais, frescos e de tempada, o que se traduce nunha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Para chegar a estas conclusións, realizouse unha revisión da literatura científica sobre 66 escenarios dietéticos de todo o mundo. Esa revisión permitiu constatar que tanto a dieta atlántica como a mediterránea presentan puntuacións nutricionais altas e pegadas de carbono baixas. Pola contra, as opcións dietéticas identificadas no norte e oeste de Europa, así como en Estados Unidos, teñen as pegadas de carbono máis altas, destacando a contribución dos produtos lácteos como unha fonte básica de proteínas e nutrientes de alta calidade, pero cunha alta pegada de carbono. As dietas da India e Perú reportan as pegadas de carbonos máis baixas, principalmente debido á súa composición característica rica na alta inxesta de produtos vexetais como legumes, cereais e vexetais, e pola baixa inxesta de produtos animais. 

Outro traballo, publicado posteriormente, salienta que tanto a pegada de carbono como a puntuación do índice nutricional da dieta atlántica “son consistentes coas doutros estudos sobre a dieta mediterránea, que foron recoñecidos como beneficiosos”. E conclúe que a dieta característica do noroeste peninsular “se pode recomendar desde un punto de vista nutricional e ambiental, principalmente debido á alta inxesta de peixe e verduras” e porque se basea en “promover o consumo de produtos locais, frescos e de tempada, a cociña caseira e os alimentos de baixo procesado”, o cal contribúe á súa baixa pegada de carbono”.

Neste sentido, din, a atlántica pode considerarse unha dieta sustentable, segundo as guías da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), xa que “ten un baixo impacto ambiental e contribúe á seguridade e calidade alimentaria”.

DIETAS SUSTENTABLES

Volvendo ao último estudo publicado, os investigadores aplicaron tamén unha análise multicriterio para medir a sustentabilidade das dietas en cada autonomía. As variables analizadas foron as mortes por tumores no aparato dixestivo, gastos no sistema sanitario relacionados coa obesidade, o número de persoas con escasez de alimentos, a pegada de carbono e o valor nutricional da dieta dos cidadáns aplicando o Nutrient Rich  Diet (NRD 9.3), método que considera nove nutrientes cuxo consumo se debe fomentar (proteína, fibra, Vitaminas A, C e E, os minerais calcio, ferro, magnesio e potasio), e outros tres a limitar (azucre engadido, graxas saturadas e sodio).

Os científicos identificaron sete comunidades autónomas con patróns alimentarios sustentables; Galicia non se atopa entre elas

A análise revela a existencia de sete comunidades autónomas con patróns alimentarios sustentables: Andalucía, Baleares, Canarias, Cataluña, Comunidade de Madrid, Navarra e País Vasco. Os peores valores son para Asturias e Galicia atópase no grupo intermedio, pero cuns rexistros por debaixo da media estatal.

En termos de resultados de calidade nutricional, Cataluña obtén a mellor puntuación NRD, seguida do País Vasco, Navarra, Comunidade Valenciana e Galicia. Pola contra, os índices de calidade nutricional máis baixos corresponden aos hábitos alimentarios en Castela-A Mancha, A Rioxa e Andalucía.

En xeral, indican os autores, obsérvanse “hábitos alimentarios relativamente bos en España”.

O estudo está asinado por Xavier Esteve Llorens, Mario Martín Gamboa, Diego Iribarren, María Teresa Moreira, Gumersindo Feijoo e Sara González García, e publícase na revista científica Journal of Cleaner Production nun traballo titulado ‘Efficiency assessment of diets in the Spanish regions: A multi-criteria cross-cutting approach’.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Davinia

Pues vaya estudio si... Ojalá fueran este tipo de dietas las que siguiéramos, y no las típicas milagrosas como la dieta de la manzana 3 días o cosas así... estas si son peligrosas.

2 Tórculo Chan

Unha auténtica aberración o estudo e no que se está cpnvertendo Galicia Confidencial (non hai máis que ver o nivel dos comentarios). Un kilo de aguacate custa 800 litros de auga. Seguimos...

1 Gustavo

Paréceme un estudo bastante absurdo, así a priori e sendo profano na materia. Así que Murcia ou Andalucía ou Valencia teñen mellores hábitos e menor incidencia no cambio climático? Dende o consumo? Pode ser, pero non dende a producción, pois son o paraiso dos invernadoiros e da sobreexplotación hídrica. Contamina máis, globalmente, un kilo de tomates de Almería ou un filete producido nunha explotación galega? Produce o mesmo CO2 unha vaca dunha explotación pequena e con pasto galega que unha dunha macrogranxa de Torrelodones? Ten a mesma incidencia de CO2 un peido humano tirado no norte arbolado ca un tirado en terras sen vexetación? Francamente, o mantra e as contas da leiteira (leiteira de soia) das bondades climáticas do vexetarianismo versus o cárnico están cheas de medias verdades e de cálculos fantasiosos, en moitos casos.