Abanca conclúe a compra de Banco Caixa Geral por 384 millóns

A operación inclúe acordos complementarios.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/10/2019 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

Abanca e Caixa Geral de Depósitos (CGD) pecharon o proceso de compravenda de Banco Caixa Geral coa firma do contrato de adquisición, que foi rubricado este luns en Madrid polos directivos de ambas as entidades, segundo explicou o presidente do banco galego, Juan Carlos Escotet Rodríguez.

Tras a firma do contrato, este mesmo luns está prevista unha xunta de accionistas do Banco Caixa Geral onde se decidirá o novo consello de administración formado polo persoal de Abanca, aclarou Escotet, que especificou que a marca Abanca imporase definitivamente en febreiro de 2020 cando conclúa a integración tecnolóxica.

Abanca recibiu en setembro a autorización do Banco Central Europeo (BCE) para pechar a compra a filial española de Caixa Geral de Depósitos, unha operación anunciada a final de 2018, por un montante de 364 millóns de euros, aínda que a contía final ascendeu a 384 millóns de euros "porque é un banco moi ben capitalizado, o que xustifica que a cifra resultase maior", argumentou Escotet.

"Creo que Abanca é un moi bo comprador para o noso banco e ten moita complementariedade coas nosas actividades", engadiu o conselleiro executivo de Caixa Geral de Depósitos, Francisco Cary, que deixou a porta aberta a que ambas as entidades colaboren nos dous mercados principais que estan presentes, Portugal e España, así como nos mercados complementarios en países de África, en China e Latinoamérica.

Tras esta fusión, Abanca sumará un volume de negocio de 7.000 millóns de euros e 131.000 clientes, xestionados a través dunha rede comercial de 110 oficinas repartidas en dez comunidades autónomas en España, con especial presenza nas provincias máis próximas á fronteira con Portugal. O banco resultante colócase como sétimo no ranking de entidades españolas por patrimonio neto, con máis de 85.000 millóns baixo xestión, e no oitavo por volume de activos.

SEN PREVISIÓN DE ERE

En canto á integración dos máis de 500 traballadores de Banco Caixa Geral en Abanca, o presidente da entidade sostivo que a súa intención é "tentar presevar a maior parte do talento posible, tendo en conta a meritocracia".

Neste sentido, Escotet asegurou que "o resultado vai depender do cumprimento dos obxectivos estratéxicos", co obxectivo de que haxa "a menor destrución de emprego, sen renunciar á eficiencia" que este tipo de procesos require.

ACORDO COMPLEMENTARIO

Así mesmo, ambas as entidades chegaron a un acordo comercial polo que os clientes de CGD manterán as súas condicións nun período de continuidade. Paralelamente, levouse a cabo un "acordo estratéxico a varios anos" polo que ambos os bancos complementarán os seus servizos transfronteirizos para empresas con operacións en España e Portugal.

En concreto, Escotet explicou que durante este proceso de compravenda, polo que Abanca pasa a controlar un 99,79% do capital de Banco Caixa Geral, "foi posible lograr outros acordos especialmente importantes" que van permitir axudar á internacionalización de empresas españolas e portuguesas.

NON DESCARTAN MÁIS OPERACIÓNS, PERO SI A LIBERBANK

En canto á posibilidade de novas operacións corporativas, Escotet incidiu na "vocación polo crecemento orgánico e inorgánico" en tanto que a entidade ten "excesos de capital" que permiten apostar tamén polo crecemento inorgánico.

Nesa liña, o directivo de Abanca sinalou que tanto o Banco de España como o Banco Central Europeo insistiron esta mañá que "non hai máis camiño" e que deben continuar os procesos de integración.

No entanto, "Liberbank é unha operación descartada porque non vimos verdadeira vocación de integración", explicou Escotet, que fixo fincapé en que esa operación "quedou claramente aparcada".

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, no I Foro A Toja Vínculo Atlántico.. ABANCA
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, no I Foro A Toja Vínculo Atlántico.. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta