Oportunidades perdidas

Afirmase, habitualmente, que os fracasos constitúen unha fonte relevante de aprendizaxe para as persoas e para os grupos organizados. O sucedido no escenario político estatal a partir das eleccións do pasado 28 de Abril podería ser analizado como un caso práctico inserido nesa afirmación.

Por Xesús Veiga | Compostela | 16/10/2019

Comparte esta noticia
A non consecución dun acordo de goberno -baixo a fórmula dun executivo de coalición ou mediante o formato dun pacto de lexislatura- entre PSOE e Unidas Podemos (UP) foi consecuencia, obviamente, dunha diverxencia entre ambas formacións políticas. Non tanto pola fondura das diferenzas programáticas como polas características das ferramentas que deberían traducir a entidade do acordo (goberno compartido ou non e, no seu caso, peso relativo de cada socio).
 
O tempo transcorrido dende o 28-A permite concluír que os protagonistas non consideraron a importancia dalgunhas das oportunidades que perderon por mor do devandito desacordo. Pedro Sánchez podería pasar á historia como o primeiro presidente dun goberno bipartito dende 1977 e -o que resultaría mais transcendente- como exemplo da viabilidade -na UE actual-  dunha fórmula de converxencia entre a socialdemocracia tradicional e outras forzas ubicadas mais á esquerda. Alén da experiencia vivida en Grecia con Syriza e no viciño Portugal -executivo do PSP sustentado no Parlamento polo Bloco e o PCP- o Estado español podería ter sido un espello para outras sociedades que, maioritariamente, desconfían, polo momento, das alternativas críticas coas lóxicas dominantes nos Estados mais poderosos do club europeo.
 
Pablo Iglesias desaproveitou a ocasión para gañar mais reputación e influencia no ámbito do electorado socialista. Despois de aceitar o veto antidemocrático contra a súa persoa e constatar o arbitrario cambio de criterio protagonizado por Sánchez entre Xullo e Setembro, o dirixente de UP podía optar por un apoio crítico á investidura que impedira a repetición electoral. Semellante decisión proporcionaríalle unha maior credibilidade e simpatía entre aqueles sectores sociais que asistiron con desacougo ao espectáculo de división rexistrado nos últimos meses.
 
Por último -mais non o menos importante- o fracaso das negociacións adiou a eventual apertura dun proceso de diálogo construtivo a respecto do conflito que se vive en Cataluña. Non se trataba, certamente, de crear falsas expectativas de solución inmediata a un grave problema que requirirá, seguramente, un período longo de achegamento e negociación. A cuestión era -e segue sendo- rachar cun estancamento destrutivo nun asunto que, a diferenza do que ocorre no territorio da economía, deberá ser xestionado prioritariamente no interior do Estado español. Para tomar medidas de política económica é sabido que Bruxelas e Berlín -por non falar de Washington e Pekin- resultan moi determinantes. Para saír do labirinto catalán, haberá que atopar e promover iniciativas no ámbito do Estado porque no exterior semella que non están polo labor.
 
Para aprender dos fracasos, é precisa unha condición básica: seren capaces de exercer a reflexión autocrítica sobre os propios comportamentos. Polo de agora non se percibe esta vontade na rúa de Ferraz e tampouco na sede de UP.

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.