Por Galicia Confidencial | Lugo | 02/06/2012 | Actualizada ás 12:50
O empresario Jorge Dorribo acusara ao alcalde de Lugo de facilitarlle unhas licencias urbanísticas a cambio de que a súa empresa patrocinase eventos municipais, o Arde Lucus e Lugo 10. Agora un informe da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística apunta que eses permisos non cumpren co Plan Xeral de Ordenación Municipal.
A xuíza do Caso Campeón pediu o informe á Xunta tras a denuncia contra José Orozco, que está imputado. Os datos do Goberno confirman que a modificación de catro parcelas no Polígono do Ceao foi irregular.
Versión do alcalde
O alcalde socialista nega calquera irregularidade. Orozco destaca que as citadas licencias son de 2004, e os patrocinios da empresa Nupel ao municipio de tres anos despois. O mandatario argumenta ademais que os técnicos do Concello deron luz verde ás licencias e que, polo tanto, non lle quedaba outra que asinar as licencias ou prevaricar.
Ademais, o dirixente do PSdeG destaca que o líder da oposición luguesa, Jaime Castiñeira (PP), referiuse ao contido do informe o martes, antes de que saltara aos medios a través do sumario. Na súa opinión trátase dunha "instrumentalización política bochornosa" por parte dos conservadores do informe.
Aumenta a presión sobre Orozco
"Agardo que o voceiro popular unicamente fose informado e non tivese protagonismo nesta extra decisión", dixo Orozco. O líder socialista lembrou que varios altos cargos da Xunta están imputados tamén na Campeón.
Tras as demisións dos deputados Pablo Cobián (PP) e Fernando Blanco (BNG), os 'populares' pediron a demisión de Orozco ante a súa condición de imputado. O edil negou sempre calquera trato de favor a Dorribo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.