Santiago busca captar turistas de Xapón, Corea e China

Os visitantes destes lugares triplican o gasto diario dos turistas internacionais e favorecen a desestacionalización.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2019 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

Turismo de Santiago promocionará este mes a oferta da cidade e do Camiño de Santiago en dúas feiras asiáticas co obxectivo de captar turistas desta parte do mundo, especialmente de Xapón, Corea e China.

O concelleiro de Turismo compostelán, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron este martes en roda de presa dúas accións de promoción destinadas a difundir os recursos da cidade nos principais mercados asiáticos, unha área de expansión cara ao "turismo sustentable".

En concreto, a oferta turística compostelá estará presente entre este mércores e o venres na feira ITB Asia, que se celebra en Singapur, e que é a principal cita deste tipo en Asia-Pacífico. Posteriormente, entre o 24 e o 27, participará na JATA xaponesa, que este ano se celebra en Osaka.

Un dos principais obxectivos da cidade na súa orientación cara a Asia é "captar un turismo de maior calidade", que complemente aos viaxeiros tradicionais de Compostela, para facer do crecemento neste ámbito un "turismo sustentable", explicou o edil compostelán.

Entre os seus puntos positivos, Guinarte destacou que o turista asiático realiza "un gasto medio moi elevado" e adoita viaxar todo o ano, e especialmente entre novembro e febreiro, co que favorece a "desestacionalización".

Aproveitando a proximidade do Xacobeo 21 e o nexo destes países con camiños de peregrinación (principalmente o Kumano Kodo), Santiago de Compostela marcou o obxectivo de continuar captando turistas especialmente de Xapón, Corea do Sur e China, que experimentaron un importante crecemento nos últimos anos.

CASE O TRIPLO DE GASTO MEDIO

Entre os elementos que destacaron os responsables de Turismo de Santiago está o elevado gasto medio dos turistas asiáticos, que case chega a triplicar o do viaxeiro internacional medio. En concreto, segundo os datos de INE, o gasto medio por turista internacional en España en 2018 foi de 146 euros por persoa e día, fronte aos 410 de Xapón, os 353 de Corea do Sur ou os case 300 dos turistas chineses.

CAMIÑO DE SANTIAGO

Ademais de promocionar os atractivos da cidade, os responsables do turismo de Compostela buscan difundir nestas feiras o Camiño de Santiago, aproveitando o tirón do próximo Xacobeo 21. Para iso, farán valer a súa relación xa consolidada co camiño Kumano, en Xapón, e non descartan abrir conversacións con outras rutas.

Nesta materia, Sindo Guinarte referiuse ao seu recente encontro co embaixador de Taiwan, co que analizou futuras posibilidades de colaboración. Máis de 1.000 taiwaneses fixeron o ano pasado o Camiño de Santiago, "pisándolle os talóns a China", dixo o edil, que admitiu que entre ambos os lugares fixaron "puntos de encontro", como a existencia dun camiño de peregrinación taoista no país asiático.

O concelleiro de Turismo compostelán, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, durante a rolda de prensa.
O concelleiro de Turismo compostelán, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, durante a rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta