Sindicatos critican a "falta de datos" da Xunta sobre os orzamentos, nos que botan en falta medidas de emprego

Avisan de que a suba do 2,2% prevista para os empregados públicos "nin sequera chega a devolver todo o que perderon na crise".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/10/2019 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

Os principais sindicatos en Galicia --UGT, CIG e CC.OO.-- reuníronse este martes co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, para coñecer as liñas mestras dos orzamentos da Xunta de 2020, pero critican a "falta de datos" achegados, así como que non se deu "documentación" suficiente para coñecelos. Con todo, botan de menos un maior impulso a medidas "reais" para o emprego, con atención á crise industrial.

Reunión de Facenda e sindicatos sobre orzamento
Reunión de Facenda e sindicatos sobre orzamento | Fonte: Europa Press

Olga Crespo, economista de UGT Galicia, lamenta que a Xunta "nunca dá documentación" nesta reunión anual, máis aló de cifras xerais. Unha cuestión na que coincide a responsable de emprego de Comisións Obreiras, Maica Bouza, quen critica a falta de datos, así como a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, que reprocha que este proceder sexa recorrente.

Así, Crespo (UGT) avisa de que os orzamentos da Xunta representan o 18% do PIB galego e "teñen que ser máis intensivos" en medidas para o emprego co fin de "contrarrestar a retardación". Ademais, preocúpalle "que non se actúe" ante a crise industrial, o envellecemento e a perda de 70.000 persoas activas na última década

Nesta liña, esta economista de UGT indica que a Xunta "incumpre" o PIB previsto para este ano, ao baixar do 2,5% ao 2%, e "tampouco hai cumprimento do emprego para este ano, porque estaban previstos 15.000 postos de traballo e son 8.000".

Pola súa banda, Susana Méndez (CIG) recrimina a falta de actuación nas contas ante a "emerxencia industrial", xa que a Xunta "pon ao Xacobeo como gran solución" para Galicia a través "do turismo de baixo custo" e a "precariedade". Alerta que se "siga na liña privatizadora" en sanidade.

Así mesmo, Maica Bouza (CC.OO.) advirte de que "nun momento de desaceleración se debe contar con recursos necesarios para que o emprego e os galegos non sintan outra vez o impacto da crise". Tamén censura que a Xunta non inclúe nos presupostos cuestións relativas á "extrema gravidade" que atravesa o sector industrial.

Bouza considera que o conselleiro de Fancenda, Valeriano Martínez, "máis aló de grandes declaracións non acaba de concretar ningunha medida", polo que pide máis recursos para dependentes e a Risga.

SUBA SALARIAL A EMPREGADOS PÚBLICOS

No tocante á suba salarial do 2,2% aos empregados públicos en 2020, Susana Méndez (CIG) remarca que "é unha débeda" cos traballadores, que "nin sequera chega a acabar de devolver todo o que perderon nos anos da crise".

"Nin de lonxe palía a enorme perda de poder adquisitivo dos empregados públicos durante estes anos", agrega.

"Aínda hai a día de hoxe acordos retributivos que se asinaron en 2008 que seguen sen cumprirse", afea a secretaria de Organización da CIG, pois "seguen en vigor" recortes de xornada e días libres.

Sobre este extremo, Maica Bouza (CC.OO.) lembra que "vai na liña" dos acordos sindicais para a suba do 2% a todos os empregados públicos en España, así como na folla de ruta asinada hai meses por Xunta e centrais para facer este incremento o ano que vén.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta