Xunta e Fegamp crean un plan para "centralizar e sistematizar" a retirada de niños de velutina

Na actualidade existen catro procedementos diferentes segundo o municipio, o que crea "problemas de resposta".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/10/2019 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

A Xunta, en colaboración cos concellos, porá en marcha un plan global para "centralizar e sistematizar" a retirada de niños de avespa velutina en toda Galicia, un labor que actualmente se realiza a través dun "cuádruplo sistema" dependendo do municipio no que se localice.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o número dous da Fegamp, Alfonso Villares, presentaron este mércores en rolda de prensa a iniciativa, acordada nunha reunión entre as administracións locais e a autonómica para tratar o fondo de acción local do próximo ano, que alcanzará os 136 millóns de euros, un 6,6% máis que o anterior.

Así, do montante de 23 millóns que en 2020 terá o fondo adicional, que se destina a competencias e finalidades concretas dos municipios segundo as necesidades existentes, 1,5 millóns serán para a posta en marcha deste plan, ao que a Xunta achegará outros 800.000 euros ata completar 2,3 millóns.

O obxectivo, explicou Alfonso Rueda, é "dar unha resposta global" a este problema que afecta a toda Galicia e "centralizar o sistema de recollida" e eliminación de niños, establecendo parámetros e tempos equitativos.

CUÁDRUPLO SISTEMA

Na actualidade, e desde a chegada da vespa velutina a Galicia, existen catro sistemas de retirada de niños, en función do municipio no que se localice, tal e como explicou o vicepresidente da Xunta.

En concreto, 124 concellos son colaboradores coa Xunta nesta materia e dedícanse cos seus propios medios, ou medios cedidos pola Administración, á retirada destes niños. Pola súa banda, noutros 106 son os GES os que asumen esta tarefa, que é da Consellería de Medio Ambiente nos 22 municipios incluídos en Rede Natura e de Medio Rural noutras 61 localidades.

"Este cuádruplo sistema pode dar problemas de resposta", explicou o vicepresidente, que admitiu que o número de niños que se localizan é "elevado" e require unha resposta "homoxénea".

No que vai de ano, destacou Alfonso Rueda, xa se retiraron 15.000 niños de velutina, aínda que admitiu que permanecen outros 10.000 pendentes de ser retirados. En todo caso, aclarou que o número de niños que supoñen unha "emerxencia" anualmente non chegan a 120, polo que instou a "sacar alarmismo" á situación.

UNHA ÚNICA ENTIDADE

O obxectivo do plan, que se desenvolverá nos próximos meses coa idea de que estea en funcionamento en 2020, é establecer uns criterios "homoxéneos" de actuación, tanto en tempos como en procedemento, e que exista unha única entidade que se encargue en toda Galicia de retirar os niños.

Neste sentido, Alfonso Rueda explicou que se valorará agora a mellor fórmula para desenvolver esta cuestión, que podería ir a través dunha encomenda de xestión, dunha licitación ou dunha empresa colaboradora, entre outras posibilidades.

Pola súa banda, o vicepresidente da Fegamp eloxiou este proxecto e a coordinación das administracións para loitar contra a velutina, con accións que, confiou, servirán para "minimizar o impacto" na sociedade.

Tras lembrar a influencia que esta praga ten non só na vida diaria da poboación, se non na apicultura, Alfonso Villares apostou porque o sistema "funcione canto antes".

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o número dous da Fegamp, Alfonso Villares, presentan un plan contra a velutina.. XUNTA
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o número dous da Fegamp, Alfonso Villares, presentan un plan contra a velutina.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta