Reproches entre PP e BNG despois de que os nacionalistas definisen como "un pouquiño franquistas" aos populares

O BNG presentara unha proposición non de lei para que a Xunta crease un inventario de bens espoliados en Galicia polo franquismo que foi rexeitada polo PPdeG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

Os deputados Alberto Pazos Couñago (PPdeG) e Luís Bará (BNG) encerelláronse nunha discusión durante a celebración dunha comisión parlamentaria despois de que o nacionalista acusase aos populares de ser "un pouquiño franquistas" e "cómplices do espolio" da ditadura, palabras que foron retiradas do diario de sesións por parte da Presidencia da comisión ao negarse a facelo o parlamentario do Bloque.

A confrontación entre populares e nacionalistas produciuse este mércores no marco da Comisión 1ª da Cámara galega a raíz do debate dunha proposición non de lei do BNG que reclamaba a creación por parte da Xunta dun inventario sobre os bens espoliados en Galicia polo ditador Francisco Franco, iniciativa finalmente rexeitada pola oposición do PPdeG.

Bará, tras defender a necesidade de que o Goberno galego exercese o liderado desta investigación sobre os posibles bens en mans dos Franco conseguidos de forma ilícita na comunidade, afeou aos populares a súa postura, expresada xusto antes por parte do deputado Alberto Pazos Couñago, que incidiu en que o PPdeG é partidario de que esas accións sexan impulsadas polo Estado.

Na quenda de peche, o nacionalista tachou de "contradición" que o PP diga "si" a recuperar o Pazo de Meirás "pero 'non' ao resto de bens espoliados" en Galicia. "Con Meirás non quedou máis remedio porque estaban acurralados pola presión social, mediática e política. Puxémolos na picota de se (no PP) eran ou son franquistas. Bo, ségueno sendo un pouquiño. Ou un bastante ás veces", aseverou Bará, palabras que provocaron o enfado de Pazos Couñago.

"HOMES DE PALLA IDEOLÓXICOS"

"Son vostedes os homes de palla ideolóxicos do franquismo. Non poden tapar iso por moito que queiran", incidiu a continuación o do Bloque, que tachou ao PP de "cómplices do macroespolio" do ditador, acusacións tachadas por Pazos Couñago de "falta grave" ao grupo popular. "Xa vemos que o único motivo desta iniciativa era chamar franquista ao PP", apostilou Couñago nunha quenda de palabra concedido por alusións.

Terminado o debate da iniciativa, tombada cos votos do PPdeG, o presidente da Comisión, o popular José Manuel Rey Varela, solicitou a Bará que retirase as palabras pero o nacionalista negouse, o que fixo que a propia Presidencia acordase eliminar as expresións do diario de sesións.

Luis Bará
Luis Bará | Fonte: Adrián Estévez (Estevoaei) wikimedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta