Aumentan os casos de pobreza e risco social en 2018 e sitúanse case no 25% da poboación

CC.OO advirte da "situación dramática" na que se atopan o 18,8% dos fogares galegos que viven "baixo o limiar da pobreza". O 21,65% dos menores de 16 anos sofre a pobreza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

O 23% da poboación que reside en Galicia atopouse en risco de pobreza e exclusión social en 2018, unha cifra que revela que case un cuarto dos habitantes da Comunidade, máis de 621.000 persoas sufriron estas circunstancias o pasado ano. Unha subida do 0,4% con respecto a 2017, segundo o informe de Estado da Pobreza en España 2019.

O documento foi publicado este mércores pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN), que afirma que o 26,1% por cento dos españois atópase en risco de pobreza e/ou exclusión social, un dato que se traduce en 12.188.288 persoas nesta situación, a cifra máis baixa por cuarto ano consecutivo que se calcula en base ao indicador AROPE.

Con todo, en comparación coa tendencia nacional, este índice mostra un lixeiro ascenso desde 2017 en Galicia. En concreto, o AROPE ten en conta a carencia material severa (en Galicia corresponde ao 1,6% da poboación), a baixa intensidade no emprego (11,1%) e o risco de pobreza.

Respecto deste último factor, Comisións Obreiras (CC.OO) advertiu que o 18,8% dos galegos viven baixo o limiar da pobreza, é dicir, 542.892 persoas contan con menos de 8.871 euros anuais, unha cifra "alarmante" que debuxa unha "situación dramática".

Ademais, o sindicato considera "de especial gravidade" as circunstancias da poboación máis nova,  tamén é palpable neste asunto e afecta máis as mulleres que aos homes, asegura a secretaria de emprego de CC.OO, Maica Bouza.

FIN DE MES

En canto á dificultade dos fogares galegos para chegar a fin de mes, os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) evidencian que o 42,9% mostran "certa facilidade" para afrontar este momento, mentres que o 25,9% ten "certa dificultade", o 16,2% fai fronte con "dificultade" e o 7% con "moita dificultade".

No lado oposto, está o 8,1% dos galegos que superan o mes con "facilidade" e o 2,2% "moita facilidade". Con todo, respecto da capacidade de aforro, o INE sinala que o 45,6% dos fogares de Galicia non pode permitirse irse de vacacións. Unha cifra case sete puntos máis alta que en 2017 e que se sitúa por encima da media española (34,2%).

Con todo, existe unha diferenza "evidente" entre o sur e o norte de España. A metade setentrional do país conserva baixas taxas de pobreza e/ou exclusión social, entre 3 e 14 puntos porcentuais por baixo da media nacional compatibles con "os países europeos máis avanzados". Pola contra, aquelas situadas ao sur contan con taxas "extraordinariamente elevadas", entre catro e 18 puntos porcentualespor encima da media nacional, explica o informe.

Porcentaxe de poboación vivindo en risco de pobreza e/ou exclusión social en España en 2018 / EUROPEAN ANTI-POVERTY NETWORK (EAPN)
Porcentaxe de poboación vivindo en risco de pobreza e/ou exclusión social en España en 2018 / EUROPEAN ANTI-POVERTY NETWORK (EAPN)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mátame tanto cinismo estatístico-sindical! E se os Sindicatos se puxeran a traballar a prol dunha Renta Básica Incondicional (?) Segundo algúns estudos arredor duns 600 € ao mes per cápita (para cada persoa maior de idade)! El Pais prefire dar publicidade aos que choran por 200 miserables euros que manterían á xente na miseria! Semella que o Grupo PRISA prefire a "caridade" que ter que pagar impostos que equilibren a balanza desta bárbara Desigualdade Neoliberal que eles e PSOE e PP e tantos outros patrocinan a diario! https://twitter.com/GamelaNova/stat...