Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/10/2019 | Actualizada ás 22:20
As eleccións do 10N poderían supoñer a consolidación do liderato de Pablo Casado ao fronte do PP e unha derrota das teses dos estrategas do PSOE que apostaron pola repetición electoral. Dúas enquisas publicadas en menos dun día destaca un gran avance do PP que se acercaría aos cen escanos e un estancamento, e mesmo retroceso do PSOE. Ningunha delas lle dá representación a Más País e ao BNG en Galicia.
Así, unha sondaxe de Celeste-tel para eldiario.es achegaría ao PP ao cento de escanos e situaríase a cinco puntos do PSOE. Só 15 escanos separarían agora á primeira e segunda forza en apoios. Pola outra banda, a de Key Data para o xornal Público, suliña que os populares quedarían en 95 escanos, a pouco máis de 20 dos socialistas.
Con todo, o dato máis significativo dos dous inquéritos é o esborralle de Ciudadanos que baixaría 30 escanos, de 57 a 27, en parte pola política errática do seu líder, Albert Rivera nos últimos meses. A sondaxe tamén destaca que o partido de Errejón non sería fundamental no futuro Congreso xa que entraría só con 7 escanos.
Tamén sufriría un retroceso Unidas Podemos, que perdería entre sete (enquisa de eldiario.es) e nove escanos (a de Público), aínda que menor do que se pronosticaba. Pola súa banda, Vox obtería catro escanos máis (segundo Público) ou catro menos (segundo El Diario).
Por outra banda, ERC Junts per Catalunya e o PNV obterían os mesmos resultados; 15, 7 e 6 escanos, respectivamente. EH Bildu baixaría de 4 a 3 ou mantería os mesmos, Coalición Canaria repetiría os dous que xa ten e o Partido Rexionalista de Cantabria, igual que a CUT, obterían entre 1 e 0 escanos.
En calquera caso, o que apuntan estas sondaxes é que o novo hemiciclo parlamentario quedaría aínda máis fragmentado e dividido entre os dous bloques que o actual complicando excesivamente o xogo de alianzas que necesitaría Sánchez para manterse na Moncloa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.