O PP propón unha baixada no recibo do IBI do 10% na cidade da Coruña

A rebaixa do imposto sería maior para aquelas familias que teñan dous ou máis fillos e aqueles fogares con dificultades económicas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

O PP local da Coruña propón a baixada do 10% no recibo do IBI na cidade da Coruña, unha baixada que sería maior naquelas familias con dous ou máis fillos ou con problemas económicos.

Así o indicou en rolda de prensa a portavoz popular na Coruña Beatriz Mato, quen está á espera de reunirse co goberno municipal do PSOE para abordar os orzamentos do ano 2020.

"A nosa proposta pasa por unha baixada lineal do 10% excepto a determinadas familias que polas súas características cremos que merecen unha baixada superior: expomos unha baixada do 40% para familias con dous fillos; unha baixada do 75% do IBI sobre as familias que teñan dificultades económicas e unha baixada do 90% para as familias numerosas e monoparentais con dous fillos", avanzou.

Esta baixada do IBI era unha das propostas que o populares levaban no seu programa electoral e que agora esperan poder "negociar" co goberno municipal, do que, din aínda non tiveron noticias para reunirse e abordar os orzamentos do próximo ano. Unha reunión que a alcaldesa foi mantendo estas últimas semanas cos portavoces do resto de grupos da oposición.

"Non me importa ser a última convidada se podemos incluír medidas do noso programa", indicou Mato, que está disposta a negociar con Rey, pero rexeita "participar nun paripé". "Faremos propostas e sentarémonos para negociar, non para sacar unha foto", engade.

Ademais da baixa do IBI, os populares presentarán outras propostas como a mellora dos campos de La Torre, un plan integral para a Pescadería ou actuacións na Cidade Vella. "Estamos a esperar para negociar estes orzamentos sen poñer cordón sanitario", afirma a dirixente popular.

Rolda de prensa da concelleira do PP Beatriz Mato. PP
Rolda de prensa da concelleira do PP Beatriz Mato. PP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta