O BNG lamenta que os orzamentos da Xunta non recollan "ningunha medida" para a crise industrial

Pontón ve "continuistas" as contas, que son "un reflexo" dun PP "esgotado, sen proxecto de país e sen unha alternativa económica".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2019 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que o proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2020 "non" inclúa "ningunha medida" para facer fronte á crise industrial, "o maior problema" que Galicia ten na actualidade.

Este venres, durante a presentación da candidatura do BNG por Lugo ás eleccións xerais, a líder frontista cualificou de "decepcionantes", "continuistas" e "con grandes doses de autobombo e propaganda" unhas contas que "evidencian que o Goberno está esgotado e sen proxecto de país".

Para Pontón, a Xunta que dirixe o popular Alberto Núñez Feijóo "insiste na súa única receita máxica: encomendarse ao Xacobeo en 2021". "Pero este país necesita en 2020 unha estratexia produtiva, unha estratexia comercial e industrial. Este país necesita unha aposta pola innovación e darlle a volta a todos os recortes e privatizacións que deterioran a sanidade, o ensino ou a cobertura da dependencia", apostilou.

"Non podemos estar a esperar a 2021", aseverou Pontón, que considera que "ningún" dos "problemas" de Galicia "vai ter solución" cuns orzamentos que "son o retrato do fin de ciclo político" de Núñez Feijóo á fronte do Goberno galego.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta