O PPdeG di que Feijóo "aforrou" aos galegos "1.500 millóns en impostos" desde que goberna

Esixe ao Goberno de Sánchez manter o calendario previsto para o AVE e solucións para a central das Pontes e para Alcoa en San Cibrao.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2019 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, defendeu este venres que, "desde que Alberto Núñez Feijóo é presidente da Xunta (2009), aforrou aos galegos ao redor de 1.500 millóns de euros en impostos". "Uns 1.500 millóns que se mantiveron así nos petos dos traballadores e das familias da comunidade", apostilou.

En rolda de prensa, o dirixente popular puxo en valor as rebaixas --"selectivas", reivindicou-- de impostos polas que volve apostar o Goberno galego nos Orzamentos para 2020 aprobados esta semana, que se suman ás impulsadas en exercicios anteriores.

"Esta Xunta sempre apostou por baixar impostos, sen perder de vista o control das contas públicas nin a mellora dos servizos sociais", engadiu, antes de volver citar as rebaixas fiscais anunciadas polo xefe do Executivo, entre elas as destinadas ao rural ou a exención de tributación de todas as herdanzas de ata un millón de euros.

Así mesmo, fixo fincapé en que estes Orzamentos tamén supoñen menos débeda porque as arcas públicas "aforran 200 millóns de euros en intereses" en comparación co ano 2014 e porque Galicia se sitúa como a comunidade que menos a incrementou "no últimos dez anos", consolidándose como a autonomía "referente" en control do endebedamento.

Así as cousas, contrapuxo o modelo do PP, "do 'sentidiño', rigor na xestión e alivio da carga fiscal"; co da esquerda, "que sempre avoga polas subidas masivas de impostos que lastran a economía das familias".

"CUMPRIR O CALENDARIO DO AVE"

Tellado tamén puxo o acento na importancia da chegada do tren de alta velocidade a Galicia tras "constantes atrasos". "Merecemos que todo o relativo ás obras do AVE a Galicia se trate por parte do Goberno con seriedade, transparencia e respecto", pediu.

E é que, segundo defendeu, o anterior presidente do Goberno, o popular Mariano Rajoy, "desbloqueou todos os tramos afectados polo bloqueo político e deixou as obras en disposición de finalizarse a finais de 2019", compromiso que o Executivo de Pedro Sánchez ratificou.

Con todo, alertou de que, xa no último trimestre deste ano, os socialistas "non facilitan información sobre a finalización das obras e sobre a previsión de entrada en servizo" do AVE. Todo iso, mentres "o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, moi acostumado xa a rirse dos galegos, fala con total naturalidade de 2021 como prazo".

"Desde o PPdeG esiximos que se manteña o calendario previsto e que o Executivo de Sánchez deixe de discriminarnos en todos os temas importantes que afectan á comunidade", aseverou.

ALCOA E ENDESA

Finalmente, o dirixente popular tamén se pronunciou sobre as dificultades de Endesa nas Pontes (A Coruña) e Alcoa en San Cibrao (Lugo), ao termo dunha semana marcada por mobilizacións moi intensas tanto en Madrid como na Mariña lucense.

Neste escenario, Tellado reivindicou, unha vez máis, "solucións" para ambas as plantas. E é que, ao seu modo de ver, o Goberno central ten na súa man "cada venres, en cada Consello de Ministros", aprobar o estatuto electrointensivo que consiga dar tarifas eléctricas competitivas á industria e impulsar medidas fiscais para a "reactivación" da central das Pontes.

"Cada día e cada semana que pasa sen facelo é unha máis de inacción e de incapacidade do Goberno de Pedro Sánchez para dar resposta aos problemas de Galicia", resolveu.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia.. PPDEG - Arquivo
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, en rolda de prensa no Parlamento de Galicia.. PPDEG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo 2

Really? Eu vou mandar-lhe meu dni, e que me diga quanto me corresponde!! Serão mais dos 400 euros de Zapatero!! E de passo que público quando se aforarão eles mesmos!!!