Carmela Silva critica a "inacción" do PP no proceso de musealización dos castros

A presidenta da Deputación censurou a "falta de responsabilidade, rigor e un mínimo de seriedade" do PP e concluíu indicando que ao portavoz provincial "hai que darlle unha marxe de confianza para que aprenda".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2019 | Actualizada ás 15:01

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva culpou ao "ardor guerreiro" do "novo" portavoz provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, das "inconsistencias, descoñecementos e mentiras" sobre o convenio asinado co Ministerio de Fomento para musealizar os castros da provincia.

O deputado e a candidata e cabeza de lista do PP pola provincia de Pontevedra ao Congreso, María Ramallo, criticaron ao ministro de Fomento, o socialista José Luís Ábalos, por incumprir este convenio. Silva reprochou este venres aos populares que digan "unha sarta de bobadas" e ironizou con ofrecerse para darlle "clases particulares" a Jorge Cubela, que "non le ningún papel" e "non sabe do que fala",

Segundo a mandataria socialista, despois da firma deste convenio en marzo do ano 2015, "en tres anos non se fixo nada por parte de Ana Pastor" cando entón era ministra de Fomento, sinalou Carmela Silva criticando a súa "desidia e inacción".

Con todo, continuou a presidenta, "desde que goberna Pedro Sánchez está todo en marcha, en prazo", e lembrou como exemplo que este martes o Boletín Oficial do Estado publicou a licitación das obras no tres primeiros castros: A Subidá (Marín), Toiríz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía).

O segundo lote de castros para musealizar está "pendente de informe de Patrimonio da Xunta de Galicia". Son os castros da Lanzada (Sanxenxo), Penalba (Campo Lameiro), Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Adro Lanuxe (O Grove), Alto dos Cubos (Tui) e Cruz do Castro (Cerdedo-Cotobade).

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo

O terceiro e último lote está "en fase de redacción". Son os castros de Taboadexa (As Neves), Troña (Ponteareas), Trega (A Guarda), O Facho (Cangas), Cabeciña (Oia) e Castrolandín (Cuntis).

Ademais Silva culpou ao concello de Marín de atrasar a tramitación do castro da Subidá e a Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, de eludir a súa responsabilidade de limpar o castro situado no seu municipio.

Finalmente a presidenta da Deputación censurou a "falta de responsabilidade, rigor e un mínimo de seriedade" do PP e concluíu indicando que ao portavoz provincial "hai que darlle unha marxe de confianza para que aprenda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta