Temas: CIG EMPREGO SERGAS

A CIG ve "puramente propagandístico" o anuncio do Sergas de 407 prazas porque "non son de nova creación"

O sindicato di que as prazas "estaban cubertas con contratos eventuais e o que fan é recuperalas para que computen no cadro de persoal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2019 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A CIG-Saúde denunciou que o anuncio do Sergas de 407 prazas que recollen os orzamentos da Xunta para 2020 "é puramente propagandístico" porque "non son de nova creación". "Son prazas que na actualidade xa existen vacantes amortizadas coa taxa de reposición e que agora estaban cubertas con contratos eventuais e o que fan é recuperalas para que computen no cadro de persoal", manifestou nun comunicado a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

Respecto diso, lembra que no sistema sanitario público galego "hai máis de 5.000 prazas cubertas por persoal con contratos eventuais e precarios que deberían ser as que estes orzamentos recollesen como persoal interino para terminar coa precariedade laboral existente".

Abuín insiste en que "esta consolidación de prazas que fai o Sergas segue a condenar os profesionais á precariedade laboral, obrigando a presentarse ás distintas ofertas de emprego por non poder acceder a un posto de traballo de carácter fixo".

Neste sentido, explica CIG-Saúde que destas 407 prazas, "133 son, segundo se anuncia, para persoal facultativo". "Se dividimos o número de prazas entre as diversas especialidades estamos a falar de tres prazas por especialidade médica para todo o sistema sanitario público de Galicia", asegura.

Este sindicato engade, ademais, que as "274 prazas restantes" se se dividen entre o número de categorías profesionais, "todas elas con persoal contratado en precario, non chegan nin a cinco en todo o Sergas".

MESA SECTORIAL

"Por iso non se entende de que está a presumir o Sergas e cal é o anuncio novo destes orzamentos", subliña CIG-Saúde, que asegura que "se trata unicamente de máis propaganda da Xunta".

Por todo iso, CIG-Saúde "segue esixindo que na mesa sectorial do Sergas se negocie un sistema identificativo de prazas, tal e como recolle a lexislación" co fin de "coñecer a situación real do cadro de persoal identificando claramente cal é o persoal fixo, cal o interino, eventual e cantas prazas vacantes hai cubertas con contratos temporais que se renovan cada mes, dous, seis...", reivindica o sindicato.

Temas: CIG EMPREGO SERGAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta