A dignidade esmorecente

Non é doado facer escoitar as voces dos que non teñen voz. Por momentos case nen ousan berrar que traballan aquí, entre nós, ou máis ben que sobreviven, a expensas de manter a documentación en regra e vendo como as diferentes medidas lexislativas (a última a da atención sanitaria) só procuran afogalo...aínda máis.

Por Xabier Ron | Compostela | 10/06/2012

Comparte esta noticia
E xa non digamos toda a instrumentalización electoralista e populista dos malos políticos deste país que “diparan” panfletos e libelos contra o “chibo expiatorio”...eles deben ser os culpables da catástrofe financeira e do colapso de Bankia, de Nova Galicia Banco, e demais sucursais do gran casino. 
 
Outro nivel acadan, desde logo, as persoas migrantes e os seus dereitos...unha vez no mar. O último informe da organización francesa de axuda ás persoas migrantes CIMADE contén unha boa mostra do comportamento asasino das políticas migratorias europeas. 
 
En efecto, no ano 2011 milleiros de homes e mulleres (uns 50.000, segundo algunhas estimacións) que se lanzaron ao mar (logo da tan cacarexada primavera árabe) en penosas embarcacións, por mor de non ter acadado o visado para vir estudar ou traballar na Europa, morreron na indiferenza dos Estados europeos: unhas 1.500 persoas. Moito falar da primavera árabe, moito bombardear países africanos, moito desexar intervir noutros máis..., pero cando as súas xentes deciden cruzar o mar...aí xa se nos vé de que pé coxeamos en materia de política migratoria. Por iso, só podemos, desde aquí, apoiar e amosar a nosa solidariedade co colectivo de nais de Tunisia que se asocian e reclaman hoxe saber que aconteceu cos seus fillos cando procuraron esacapar do inferno e decidiron cruzar o mar. 
 
Como se recolle no informe da CIMADE, o máis anoxante é comprobar como barcos da OTAN ignoraron de forma consciente as chamadas de socorro dunha embarcación con persoas migrantes a bordo. 
 
Para dar a coñecer o que está en xogo hoxendía no mar, debido ao endurecemento das políticas securitarias europeas, que fan recuar o dereito marítimo máis fundamental, unha rede de asociacións europeas e africanas lanzou a iniciativa Boat4people.
 
Trátase de informar á opinión pública, mais tamén de abrir o debate no seo das xentes do mar para que se constitúa unha rede de vixilancia e defensa dos dereitos das persoas migrantes no mar. Boat4people levará a cabo tamén unha batalla xurídica para perseguir aos Estados, á OTAN, Frontex ou aos seus axentes cando existan sospeitas de violación dos dereitos humanos das persoas migrantes.
 
Anúnciase que en xullo de 2012, Boat4people organizará un percorrido en barco entre Italia e Tunisia. A tripulación estará composta por militantes, parlamentarios, artistas e xornalistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.