Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 09:00
Un grupo de pais e nais da rapazada que acode aos pediatras dos Centros de Saúde de Fene e da Capela denuncian "problemas para acceder ao servizo de pediatría" xa que as dúas profesionais responsables "están de baixa".
Segundo contan, ata o de agora o Sergas non ofreceu ningunha alternativa para solucionar esta situación "grave" que afecta a un total de 1.700 nenos de ambos os dous municipios. Para conseguir unha resposta eficaz fronte á falta de profesionais, os pais e nais do lugar convocaron unha concentración diante do Centro de Saúde de Fene o próximo día 26 ás 12:00h. A ela únironse tamén persoas doutros concellos cuxos centros sanitarios tamén funcionan en situación de precariedade.
LOITA POR UNHA SANIDADE PÚBLICA DE CALIDADE
"Isto fainos ver que o problema é moito máis grave do que pensabamos inicialmente. A precariedade na pediatría pública é algo co que moitas familias conviven a diario. Resulta inadmisible", sentenzan as persoas afectadas.
Coa súa loita, buscan que a rapazada poida ter acceso a unha sanidade pública de calidade. Como solución preventiva, como "parche" mentres non se atalle a "desatención" nos centros de saúde correspondentes, piden "que se cubra o gasto que poida xerar ás familias o feito de acudir á pediatría privada". Critican, ademais, que os seus fillos e fillas son atendidos, xa que logo, por profesionais diferentes cada vez que necesiten atención sanitaria. Ademade, indican que moitos destes profesionais "nin sequera son especialistas en pediatría".
Alzan a voz, daquela, por unha "pediatría pública eficiente" e porque "os nosos fillos e fillas recuperen o seu dereito de atención pediátrica nos seus centros de saúde de xeito continuado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.