Temas: ASASINATO

Condenado a 15 anos e medio de cárcere o home que asasinou a outro en Padre Rubinos

A pena é a mesma que no primeiro xuízo, que o TSXG declarou nulo e ordenou repetir ao aceptar o recurso da defensa.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/10/2019 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, condenou a 15 anos e medio de cárcere e a sete anos de liberdade vixiada ao home que asasinou a outro na Institución Benéfico Social Padre Rubinos o 8 de xaneiro de 2018.

Institución Benéfico Social Padre Rubinos.
Institución Benéfico Social Padre Rubinos.

A pena imposta é a mesma que no primeiro xuízo, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nulo e ordenou repetir ao aceptar o recurso da defensa, que sostivo que o condenado sufriu "indefensión" ao non ser sometido a un exame psiquiátrico por parte dun profesional do Sergas.

O maxistrado presidente do tribunal, á hora de redactar a sentenza, tivo en conta a atenuante simple de alteración psíquica, pero rexeitou, tal e como demandaba a defensa, que o acusado tivese totalmente anuladas as capacidades volitivas e intelectivas cando cometeu os feitos.

"Acredítase unicamente un trastorno da personalidade asociado cun consumo crónico de bebidas alcohólicas e outras substancias de abuso que lle produciría unha limitación das facultades sen anulación", indica.

A Audiencia sinala no fallo que, "sen motivo aparente", o sospeitoso apuñalou por sorpresa a vítima no peito cunha arma branca que ocultaba entre as súas roupas.

"Actuou por sorpresa, porque tras a breve conversa coa vítima fixo simulacro de abandonar o lugar, mantendo unha aparencia de absoluta normalidade, pero virou con rapidez, ao mesmo tempo que sacou a arma e cravoulla", sinala, á vez que destaca que a vítima "non esperaba ese ataque e non tivo oportunidade de defenderse".

A Audiencia insiste en que o ataque se produciu "de forma rápida, imprevista e eficaz, limitando calquera posibilidade de defensa".

Temas: ASASINATO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta