Feijóo anuncia unha nova ambulancia para O Deza e di que "nunca houbo tantas" en Galicia

Fontes da Xunta confirmaron posteriormente que non haberá unha recolocación dunha ambulancia, senón que o concurso, precisamente xa adxudicado, deixa marxe para que se poida sumar un novo vehículo para a comarca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou na sesión de control que O Deza contará cunha nova ambulancia "situada en Lalín" e defendeu que "nunca na historia de Galicia houbo tantas" como agora, fronte ao BNG, que lle preguntou polo caso de Dozón, onde un home faleceu recentemente no campo da festa do Sisto. A ambulancia tardou en chegar 46 minutos desde que se recibiu a chamada no 061.

"Teño que darlle unha mala noticia. Haberá unha nova ambulancia no Deza situada en Lalín", trasladou este mércores o presidente á portavoz do BNG, Ana Pontón, ante quen lembrou que o novo concurso do 061 "está adxudicado desde setembro" e suxeriu que a nacionalista "debería documentarse" no canto de acudir á sede parlamentaria a "xogar coa dor da familia".

Fontes da Xunta consultadas por Europa Press confirmaron posteriormente que non haberá unha recolocación dunha ambulancia, senón que o concurso, precisamente xa adxudicado, deixa marxe para que se poida sumar un novo vehículo para a comarca.

E é que familiares do home falecido en Dozón, Jesús Pérez García, seguiron a sesión de control desde a tribuna de invitados. Tanto Pontón, quen esixiu outra ambulancia medicalizada para a zona, como o presidente, referíronse a eles e Feijóo aproveitou para asegurar que se lles dará "unha explicación" do sucedido unha vez que se conclúa a investigación aberta por Sanidade.

Máis aló, Feijóo acusou de "demagoxia" ao BNG e defendeu o incremento de medios en sanidade e, en concreto, no servizo do 061 desde que está á fronte da Xunta. "Querían que funcionase mal o 061, verdade que si?", preguntou aos nacionalistas.

Ao termo da sesión de control, Pontón pediu a palabra para esixir unha rectificación do presidente galego. "Dixo que o BNG quería que o 061 funcionase mal. Paréceme un auténtico despropósito", censurou a nacionalista, mentres que o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, replicou que "non procedía" a súa petición, dando por resolto o asunto.

Fotos Xunta Presidente Pleno. XUNTA DE GALICIA - Arquivo
Fotos Xunta Presidente Pleno. XUNTA DE GALICIA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta