De quen depende o salario dos socorristas?

Alfonso Rueda responsabiliza aos concellos e di que "non poden depender da Xunta", tras as queixas do baixo soldo deste colectivo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, responsabilizou aos concellos dos salarios dos socorristas, un dos motivos que, segundo o colectivo, provoca que cada tempada estival queden prazas de salvamento sen cubrir en praias, piscinas e áreas fluviais.

"Os concellos non poden pensar que poden contratar só coa subvención da Xunta, ou que poden convocar as prazas cando empeza o verán", aseverou o número dous da Administración autonómica en resposta a unha interpelación presentada pola deputada de Común da Esquerda Carmen Santos durante o pleno deste mércores.

Santos centrou a súa pregunta en alertar sobre a situación de "extrema gravidade" que provoca que cada ano concellos de toda Galicia sexan incapaces de cubrir as prazas de socorristas, colectivo que amagou coa convocatoria dunha folga para denunciar as condicións de "extrema precaridade" de postos laborais con salarios "moi baixos".

Na súa resposta, tras defender as medidas aplicadas desde o ano 2012 para aumentar a "capacitación" dos socorristas, Alfonso Rueda culpou das condicións laborais dos postos de traballo ás administracións locais, pois son quen teñen "competencias" na materia.

Neste sentido, instou aos concellos a realizar un esforzo económico para aumentar os salarios dos socorristas. "Non poden depender da Xunta", incidiu o vicepresidente autonómico, que afeou "o discurso" da deputada de Común da Esquerda por "querer volver ao de antes, cando se cubrían todas as prazas porque non se esixía capacitación".

E é que desde o ano 2012 é obrigatorio para exercer como socorrista completar un curso de formación cuxo custo, de 1.300 euros, que foi cualificado de "abusivo" por parte de Carmen Santos, que tamén lamentou que Rueda traslade a responsabilidade dos salarios aos concellos cando estes deben facer fronte ás "restricións" que marca a Lei de Racionalización e Sustentabilidade das Administracións Locais, máis coñecida como 'Lei Montoro'.

Socorristas. EUROPA PRESS - Arquivo
Socorristas. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta