BNG acusa a Feijóo de "faltar á verdade" ao querer facer pasar por nova ambulancia "un vehículo de apoio" en Lalín

O Bloque tachou de "deliberadamente enganosas" as explicacións dadas por Feijóo "anunciando unha suposta terceira ambulancia para Lalín cando en realidade se trata dun vehículo de apoio ofertado pola empresa adxudicataria como mellora, que nin sequera ten dispoñibilidade a tempo completo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento na que reclama á Xunta unha ambulancia medicalizada para a comarca de Ou Deza, que atenda así "unha antiga demanda" tanto dos veciños como dos profesionais que, trasladou nun comunicado, "segue pendente".

A formación nacionalista considera este equipamento "máis urxente que nunca" despois do "tráxico incidente" rexistrado fai dez días en Dozón, onde unha persoa faleceu tras 45 minutos esperando por unha ambulancia.

Neste sentido, o Bloque tachou de "deliberadamente enganosas" as explicacións dadas por Feijóo no pleno, en resposta a Ana Pontón, "anunciando unha suposta terceira ambulancia para Lalín cando en realidade se trata dun vehículo de apoio ofertado pola empresa adxudicataria como mellora, que nin sequera ten dispoñibilidade a tempo completo". "Nada que ver cunha ambulancia convencional, nin menos aínda cunha ambulancia medicalizada", esgrime o BNG.

VEHÍCULOS DE APOIO

Segundo relata o BNG, en abril, a Xunta, a través do 061 sacou a licitación a renovación do servizo de transporte sanitario urxente por estrada, distribuído en 14 lotes correspondentes a outras tantas áreas sanitarias. No lote número 12 correspondente a Santiago-Lalín, apunta o Bloque, incluíase a contratación de dúas ambulancias non medicalizadas, con sede na Estrada e Lalín.

A formación nacionalista subliña que o prego de contratación incluía cláusulas que puntúan ás empresas que acheguen melloras técnicas, como os chamados "vehículos de apoio", un aspecto "común a todos os lotes licitados". "Por tanto, en ningún caso está pensado para cubrir a carencia da terceira ambulancia que reclaman en O Deza", apostila.

"Eses vehículos nada teñen que ver cunha ambulancia medicalizada, moitas veces nin sequera cunha ambulancia convencional, non dispoñen de persoal propio, úsanse sobre todo para actividades programadas e, no caso do lote número 12 (o de Santiago-Lalín), a dispoñibilidade deses vehículos de apoio que oferta a emrpesa adxudicataria é do 70 por cento", esgrime o BNG.

"EXPLICACIÓN FALSA"

Así as cousas, interpreta que Feijóo deu "unha explicación falsa" ao "pretender facer pasar por terceira ambulancia un vehículo de apoio produto dunha mellora da empresa cunha dispoñibilidade, como figura na adxudicación, do 70 por cento".

A formación nacionalista critica que o presidente galego "faltase á verdade" nun asunto "de tanta gravidade" e volverá defender no Parlamento que O Deza conte "cunha ambulancia medicalizada" que se some ás dúas de servizo básico que ten neste momento e que veciños e profesionais ven "insuficiente".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta