Así será a macroenquisa da Xunta sobre violencia de xénero

O Goberno galego quere coñecer a percepeción sobre casos concretos de violencia de xénero e violencia sexual para actualizar as súas políticas. Para iso, comparará os datos cos que hai desde 2006.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/10/2019 | Actualizada ás 22:32

Comparte esta noticia

Profundar no coñecemento da violencia de xénero en Galicia na actualidade, incluíndo un apartado específico para a violencia sexual, e as súas implicacións na sociedade. Eses son os principais obxectivo dunha macroenquisa que quere realizar a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Igualdade para deseñar e orientar “con eficacia” as políticas públicas de prevención e loita contra este tipo de violencia.

016, teléfono de axuda a vítimas de violencia de xénero
016, teléfono de axuda a vítimas de violencia de xénero | Fonte: EP

Segundo os pregos do concurso público, aos que tivo acceso GC, os obxectivos específicos desta macroenquisa serán coñecer a situación actual da cidadanía galega respecto da violencia de xénero, o rexeitamente ou a tolerancia fronte a este tipo de violencia e a pervivencia de distintos estereotipos sobre agresores e vítimas.

Tamén pretende coñecer a situación actual da cidadanía galega respecto da violencia sexual en Galicia na actualidade, o rexeitamento ou a tolerancia fronte a este tipo de violencia e o coñecemento da cidadanía sobre os distintos tipos de violencia sexual.

Ademais, a mostra quere estudar o alcance e violencia de xénero e da violencia sexual no entorno das persoas entrevistadas así como o coñecemento e valoración dos recursos que se consideran máis eficaces para loitar contra estas violencias.

Finalmente, pretende coñecer as distintas opinións e actitudes en función de, como mínimo, as variables de idade, sexo, provincia, entorno rural e discapacidade, e realizar unha comparativa da evolución da situación dende 2006, segundo os datos que proporcione a Secretaría xeral de Igualdade.

Un gran lazo en contra da violencia de xénero para celebrar o Día Internacional da Violencia contra as Mulleres
Un gran lazo en contra da violencia de xénero para celebrar o Día Internacional da Violencia contra as Mulleres | Fonte: xunta.gal

MOSTRA IMPORTANTE

En todo caso, o prego do concurso aclara que a mostra ten que ter un “tamaño suficiente” para proporcionar estimacións fiables. Así mesmo, a enquisa deberá resultar representativa a nivel galego e proporcionar indicadores, polo menos, para as variables básicas de idade, sexo, provincia, entorno rural e discapacidade. 

Por iso, o tamaño da mostra será, como mínimo, de 3.500 entrevistas, cunha distribución ponderada en función do peso poboacional de cada provincia. As empresas licitadoras deberán presentar antes do 20 de decembro unha proposta de cuestionario elaborado dende a perspectiva de xénero, de entre 15 e 20 preguntas, no que se recollerán variables que permitan a elaboración dos informes e conclusións detallados e a súa comparación con estudos similares de ámbito estatal e conclusións xerais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

E non teñen outra cousa que facer? 875 enquisas por provincia? e como van facer a enquisa cunha app ou pensan visitar aos vellos que están nas residencias asistidas? Miserias, se queren loitar contra a violencia de xénero que xulguen dun carallo dunha vez ao asasino de Ana Enjamio (que leva 2 anos sen saberse nada desa morte!) ???