Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2019 | Actualizada ás 12:14
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, incidiu este xoves na redución da pobreza en Galicia, á vez que reivindicou as accións do Goberno galego de fomento de emprego e acceso a vivenda fronte a ela.
Así o respondeu en comisión parlamentaria en relación a unha pregunta da deputada socialista Noela Blanco sobre o risco da poboación galega de padecer vulnerabilidade social, situacións de pobreza ou exclusión.
A parlamentaria insistiu en que a Xunta "fixo tarde os deberes" e lamentou "numerosas trabas administrativas" na tramitación da Risga. "As políticas do goberno de Feijóo son de mínimos, para ir tirando", criticou.
Fronte a iso, o director xeral destacou as políticas de "prevención", así como as actuacións para "favorecer a inclusión social en Galicia". "Galicia é unha das seis comunidades que reduce os índices de pobreza", resaltou Parrado, que apuntou que a taxa pasou do 20,9 en 2008 a 18,8 por cento en 2018. A iso sumou que a pobreza severa reduciuse do 7,1 ao 4,8, fronte á media nacional do 5,7.
Neste sentido, o director xeral fixo fincapé en que "se reduce a pobreza en Galicia, sobre todo os colectivos en pobreza máis severa". "Mentres haxa exclusión preocúpanos e ocupa", sentenciou.
SEN ATRASOS
Ademais, asegurou que a Xunta "dá cobertura a todas a persoa que solicitan a Risga". Así, resaltou que se pasou dos 83 días de tramitación en 2017 a 65 días na actualidade. "En 2018 non houbo queixas por atrasos na tramitación da Risga", subliñou.
Parrado incidiu na importancia da creación de emprego e en facilitar o acceso a unha vivenda fronte á pobreza en Galicia. "Lévase anos traballando na prevención", lembrou. Entre outras actuacións, valorou que "quedan oito concellos" para completar a historia social electrónica.
"As políticas de inclusión da Xunta están estudadas e planificadas", defendeu para rexeitar que se baseen en informes de entidades sociais. Así, incidiu no "auténtico esforzo" de Política Social "para dar cobertura a esas necesidades". Ademais, asegurou que "cada ano é máis importante o orzamento para políticas sociais". "Traballamos en políticas que favorezan a inclusión para mellorar a calidade de vida porque aínda hai exclusión social", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.