A defensa da acusada de matar a dous anciáns en Arzúa inculpa unha terceira persoa

A Fiscalía mantén a pena de 43 anos de internamento para a muller acusada de dous delitos de asasinato e outro de lesións.

Por E.P. | A CORUÑA | 24/10/2019 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

A Fiscalía mantén a súa solicitude de condena de 43 anos de internamento nun psiquiátrico para a muller acusada de asasinar a dous anciáns en Arzúa, un crime do que negou ser autora a súa defensa nas conclusións finais, ao acusar a "unha terceira persoa sen identificar" do acoitelamento destas dúas persoas.

Na cuarta xornada deste xuízo que se celebrou ao longo desta semana na Audiencia Provincial da Coruña, as partes presentaron as súas conclusións definitivas.

No caso do Ministerio Público, non houbo ningún tipo de modificación respecto da súa solicitude inicial, na que pedían 20 anos de internamento para tratamento médico por cada un dos dous asasinatos, así como outros tres anos polas lesións provocadas ao seu sogro.

Pola súa banda, a letrada da defensa solicita a libre absolución da súa clienta, porque, ao seu xuízo, non cometeu ningún delito. Esta parte expón nas súas conclusións que a procesada "nunca matou, nin intencionalmente nin imprudentemente" aos dous anciáns, e apunta a unha "terceira persoa que non foi identificada" como autor ou autora do apuñalamento destas dúas persoas maiores que coidaba a súa clienta.

"Estas persoas morreron apuñaladas por unha terceira persoa que non foi identificado, ignorando esta parte se foi outro familiar ou un terceiro alleo á familia", recolle nas súas conclusións a letrada da defensa, quen de maneira subsidiaria solicita que o tribunal teña en conta as atenuantes de reparación do dano, dilacións indebidas e a eximente completa de alleamento mental transitoria.

Na primeira sesión do xuízo, a acusada acolleuse ao seu dereito a non declarar, do mesmo xeito que os membros da súa familia. A muller recibía tratamento psiquiátrico desde o ano 1994 por diagnóstico de esquizofrenia diferenciada. Agora, tras a lectura dos informes das partes, o xurado popular encerrarase a deliberar para emitir o seu veredicto.

Audiencia Provincial da Coruña.
Audiencia Provincial da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta