Temas: PESCA

A Xunta valora "negativamente" os recortes nas cotas de pesca da Comisión Europea para 2020

A conselleira do Mar critica que se reduza para a pescada, o xurelo e o lagostino.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2019 | Actualizada ás 18:02

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, cre que todo o que signifique "recortar as posibilidades de pesca" resulta "negativo" para o sector pesqueiro galego.

Consello Galego de Pesca 2019
Consello Galego de Pesca 2019 | Fonte: Europa Press

Quintana participou no Consello Galego de Pesca, que presidiu xunto cun grupo de expertos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, no que presentaron un informe sobre o impacto de novas políticas europeas nas compañías galegas.

A responsable do departamento de Mar criticou que a cota establecida de capturas para 2020 se reduza para a pescada, o xurelo e o lagostino. Considera que rebaixar as cotas sempre será "negativo" para o sector.

Explicou que, desde a súa posición, pretende "dar argumentos sólidos, con base científica" á Comisión Europea para "convencela" de establecer unha "política pesqueira común responsable".

Alude a que esta responsabilidade ten que levar a cabo no ambiental, así como tamén no económico e o social. Os tres ámbitos resultan "fundamentais" para que a pesca galega siga sendo "viable", concluíu.

"POLÍTICAS RESTRITIVAS"

Quintana, criticou que "as políticas restritivas" da Comisión Europea provocaron "10 millóns de euros de perdas" ao sector pesqueiro galego cada ano "nos últimos tres anos".

A conselleira asegurou este xoves que estas perdas foron froito da normativa europea, que afecta directamente a España e, consecuentemente, a Galicia.

En concreto, a modalidade de pesca que a Comisión Europea prohibiu aos seus países membros é o denominado 'finning'. Consiste en capturar quenllas ou outros escualos, cortarlles as aletas e tirar o corpo do animal ao auga outra vez.

O órgano europeo decidiu pór fin a esta práctica en augas europeas. Aínda que fontes da Consellería aseguran que esta prohibición non se aplica a todas as frotas, só ás dos países membros.

Isto afecta directamente o sector galego, a pesar de que os palangreiros de superficie galegos aproveitan toda a quenlla e non o tiran pola borda, segundo aseguraron as mesmas fontes.

AFECCIÓN Á FROTA GALEGA

Explicaron que o que fai a frota galega é cortar a aleta antes de chegar a porto para poder almacenar o peixe de forma máis óptima. Por tanto, esta medida fai que os pesqueiros necesiten máis espazo para almacenaxe.

Ata o momento, a Consellería non contaba cun "estudo oficial", pero co informe elaborado pola USC, presentaranse "argumentos científicos" para "demandar a necesidade de non ter unhas normas tan restritivas" á Comisión Europea.

A idea é entregalo ao Goberno central para que o traslade a Bruxelas, xa que a "frota conta coa vantaxe de que o prezo do gasoil é alcanzable e pódese manter o beneficio das empresas, pero se sobe verase prexudicada a súa rendibilidade económica".

Temas: PESCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta