A CIG denuncia que a Xunta "engana" coa dotación de ambulancias para O Deza

Reclama "unha nova ambulancia para dúas comarcas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

A CIG denunciou este venres que a Xunta "engana" coa dotación de transporte sanitario para O Deza e reclamou "unha nova ambulancia para dúas comarcas".

Así o manifestou, en declaracións a Europa Press, o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, que compareceu este venres con delegados sindicais do sector de ambulancias de Lalín tras o anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, doutra ambulancia para a zona despois de que un home falecese en Dozón, no campo da festa do Sisto, e a ambulancia tardase en chegar 46 minutos desde que se recibiu a chamada no 061.

Respecto diso, criticaron o "descoñecemento da realidade ou a incapacidade" do mandatario autonómico porque "primeiro di que se dotará dunha nova ambulancia" e logo a Xunta aclara que será "unha ambulancia de apoio" porque "non se pode modificar o convenio" do transporte sanitario, puntualizou Aboi.

Sobre a ambulancia de apoio, Aboi explicou que, como non están dotadas como as de soporte vital básico con persoal sanitario, "só serven para traslados a PAC ou escordaduras de nocello". "A ambulancia de apoio xa a había antes", insistiu.

Por iso, reivindicou que se pide dotación "de urxencia", polo que considera que anunciar unha ambulancia con persoal con "titulación insuficiente" supón que "están a enganar". "A única forma é dotar dunha nova ambulancia a dúas comarcas", demandou Aboi.

CONFLITO

A CIG advertiu que ante a situación que se vive en comarcas como Pontevedra e A Estrada, "é posible que volva haber conflito" no sector de ambulancias.

A modo de exemplo denunciaron que unha persoa da zona de Agolada --comarca do Deza-- foi en transporte programado a un tratamento que terminou ás 16,00 horas e "non chegou ata pasadas o dez da noite a casa".

"Esta é a sanidade que quere Feijóo?", preguntouse Aboi, que afirmou que así é "a realidade do transporte sanitario" en Galicia e que o titular da Xunta "vende fume".

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta