Centos de médicos en Santiago reclaman "dignidade" para a atención primaria e "máis tempo" por paciente

"En 30 anos que levamos traballando, nunca estivemos tan saturados, nunca estivemos tan preocupados polos nosos pacientes. Temos que acabar con isto e volver traballar con dignidade", din algúns dos asistentes á convocatoria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2019 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

Centos de profesionais sanitarios de diferentes puntos de Galicia protagonizaron este sábado unha manifestación polas rúas de Santiago de Compostela, na que clamaron "pola dignidade" da atención primaria para pedir "máis tempo" para cada paciente.

A marcha, convocada pola Asemblea de Áreas Sanitarias en defensa da Atención Primaria, saíu ás 12,00 horas da Alameda da capital galega e proseguiu pola zona vella proferindo distintos cánticos "de unidade" ata chegar ata Praza das Praterías, onde ocuparon toda a escalinata cara a Quintana.

Desde este espazo da zona vella compostelá, o portavoz da Asemblea de Áreas Sanitarias, Carlos Eirea, nun discurso fronte aos seus compañeiros, dirixiuse á Consellería Sanidade para pedirlle que "defenda" e que "non esnaquice" a atención primaria.

Neste sentido, Eirea admitiu que "saben" que a sanidade "é moi boa", pero relatou a continuación: "En 30 anos que levamos traballando, nunca estivemos tan saturados, nunca estivemos tan preocupados polos nosos pacientes. (...) Temos que acabar con isto e volver traballar con dignidade".

Así, tras denunciar que o sistema sanitario "está a ir cara atrás", censurou os "experimentos" de Sanidade e os seus "cambios de cromos", tal e como denominou ao decreto publicado este xoves polo que se dota a todas as áreas sanitarios dun novo órgano de dirección para a atención primaria, en coordinación coa hospitalaria.

"O único que lemos son cambios de nomes. Onde se chamaba director de procesos con ingresos, agora chámase director de hospital. E onde se chamaba director de procesos sen ingresos, agora chámase director de atención primaria. Pero todo segue igual, nada cambia, é só cambiar cromos", criticou Eirea.

"MÁIS TEMPO PARA OS PACIENTES"

Ante as reivindicacións do portavoz da Asemblea de Áreas Sanitarias, os seus compañeiros acompañárono con aplausos e aclamacións desde a escalinata de Praterías e reiteraron as diversas consignas que foron clave nesta a manifestación.

"Primaria digna e de calidade"; "Todos xuntos coa atención primaria"; "Máis tempo para os pacientes"; e "Primaria, unida, xamais será vencida", foron algúns dos cánticos ouvidos pola zona vella de Santiago este sábado.

Minutos antes de comezar a marcha, Jesús Sueiro, médico de familia e membro das Asembleas de Áreas Sanitarias, lembrou en declaracións aos medios que os profesionais a primaria galega secundarán a folga convocada para a partir do 26 de novembro. "Porque pensamos que, despois de tantos meses de traballo, de conclusións, de comisións... temos a sensación de que a nosa situación segue igual que sempre", explicou.

Neste sentido, Sueiro insiste en que as consultas "seguen saturadas" e nunhas circunstancias que fan "moi difícil" compatibilizar a atención ao doente con outras actividades: "Se non temos tempo para os pacientes, como imos ter tempo para a investigación e a docencia?".

"UNHA SOBRECARGA" DE CONSULTAS

Así, este médico cifrou a media diaria ideal "entre 25 e 30" persoas atendidas. No entanto, asegurou que os profesionais soportan actualmente "unha sobrecarga de 40 ou 50" pacientes, algo que antes era "puntual" pero que xa se converteu en "estrutural".

En vista destes datos, tachou de "insuficiente" a cifra de 241 médicos convocados polo Sergas esta semana para elixir destino e alertou de que as próximas xubilacións "van supor unha desfeita e unha falta de cobertura que vai facer o sistema sustentable". Por iso, suxeriu que a solución pasa "por facer contratos atractivos".

Pola súa banda, Carmen Loureiro, unha doutora de Vigo que tamén asistiu á manifestación deste sábado, puxo o foco en que a atención primaria é "un equipo" no que se inclúen non só facultativos, senón tamén enfermeiros, celadores e persoal administrativo, entre outros.

Loureiro tachou de "límite" a situación deste servizo en toda Galicia, o cal pode repercutir en "a seguridade" dos cidadáns. "Non podemos estar a ver pacientes a cinco, seis ou sete minutos máximo e ter a garantía de que sexan correctamente atendidos", declarou, para despois advertir de que, de seguir así, a atención primaria galega "morre".

Manifestación de médicos de atención primaria este sábado en Santiago
Manifestación de médicos de atención primaria este sábado en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Estes facultativos están a dar unha batalla DIGNA na defensa da Calidade Sanitaria en Galicia! Todos deberamos estar detrás desta pancarta! Non esquezamos que foron 21 xefes de servizo os que puxeron as súas carreiras profesionais ao pé dos caballos dun SERGAS asasino! E agora o único que busca o SERGAS é repoñer persoal burocrático para "controlar" a protesta dos médicos de Atención Primaria !!! Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk Sen profesionais estamos MORTOS! (agás aqueles que podan pagar unha Sanidade Privada!)