Ana Pontón a Feijóo: "anti Galicia é o decreto que prohibe usar o galego nas matemáticas"

A portavoz nacional do BNG ao líder do PPdeG, a quen definiu como "señorito dos Peares", para replicar as súas declaracións nas que tachaba de "pacto anti España e anti Galicia" o manifesto pola autodeterminación asinado o venres en Barcelona.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2019 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, replicou ao presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, que "anti Galicia" é "o decreto que prohibe usar o galego nas matemáticas e na física" nos colexios, "negar a tarifa eléctrica galega" e "pór en risco" a saúde dos cidadáns "con recortes" no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Deste xeito expresouno a líder do BNG no Encontro Nacional da formación, un multitudinario acto celebrado este domingo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela coa asistencia dun milleiro de afiliados e simpatizantes.

Durante esta demostración de forza do Bloque en precampaña, Ana Pontón dirixiuse ao líder do PPdeG, a quen definiu como "señorito dos Peares", para replicar as súas declaracións nas que tachaba de "pacto anti España e anti Galicia" o manifesto pola autodeterminación asinado o venres en Barcelona por distintas forzas nacionalistas do Estado.

"Pensádeo ben, é moi ridículo", esgrimiu este domingo a portavoz nacional do BNG, quen chamou a Feijóo "presidentiño" que "pasou de ser o recadeiro de Rajoy a ser o recadeiro de Casado". "O seu nerviosismo é que nestas eleccións está a competir polos votos da ultradereita", evidenciou.

"E eu tendo unha mala noticia para o señorito dos Peares que o vai a pór aínda máis nervioso: o ano que vén, cando convoque as eleccións autonómicas, será o BNG quen o bote da Xunta", vaticinou.

"SEGUNDA VOLTA PARA QUE GALICIA TEÑA VOZ PROPIA"

Consciente de que o Bloque está "á alza" en en as enquisas, Ana Pontón proclamou que o 10N "non é a segunda volta entre Pedro e Pablo", os candidatos de PSOE e PP, senón "a segunda volta para que Galicia teña voz propia" en Madrid. "Aquí falouse de confianza, de amor, de futuro... Todo iso sabedes que o garante? Que estades todos aquí cunha incrible forza: Que si! Desta vai!' Repetídeo!", animou, mentres o milleiro de asistentes acompañábana cos seus cánticos.

A portavoz nacional do BNG fixo un chamamento á "mobilización" para as próximas xerais, porque "fai seis meses" quedaron "ás portas" de entrar na Cámara Baixa. Así, dirixiuse á "moita xente que aínda non sabe que vai facer" na cita coas urnas debido ao "espectáculo frívolo" das forzas estatais.

Ana Pontón seguiu apuntando cara a PSOE e PP, "Pili e Mili", para censurar que "queren reforzar o bipartidismo como espiña dorsal" do réxime para "que quede todo atado e ben atado". "Pero aquí estamos nós para desatar nós", insistiu, non sen deixar de lado nas súas críticas a Unidas Podemos para afearlle "como pactou os peores Orzamentos en 20 anos para Galicia".

Por todo iso, e en vista de que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, está este domingo na Coruña noutro acto de precampaña, a portavoz nacional do BNG lamentou que volva repetir "as mesmas promesas baleiras de sempre". E é que, ao seu modo de ver, "o único que lles interesa" aos líderes estatais é acudir a Galicia "a dar titulares para a prensa madrileña".

A portavoz do BNG, Ana Pontón, canta o himno galego xunto aos candidatos ao Congreso para o 10N nun multitudinario acto de precampaña en Santiago de Compostela.. MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS
A portavoz do BNG, Ana Pontón, canta o himno galego xunto aos candidatos ao Congreso para o 10N nun multitudinario acto de precampaña en Santiago de Compostela.. MAURO BASTÓN - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta