A Xunta desvía case un millón de euros para as obras da catedral e non para fins sociais

O principal obxectivo do Goberno galego é o Xacobeo 2021.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2019 | Actualizada ás 11:25

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou que é "para felicitarse colectivamente" que nun ben "tan sensible" como a Catedral de Santiago "exista unha desviación de 0,7 millóns de euros" de fondos propios da Xunta de Galicia.

Catedral de Santiago de Compostela
Catedral de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Así, suliñou que a Xunta "asume como propia" esta desviacións de fondos para fins turísticos co obxectivo de acabar as obras de rehabilitación. Uns fondos que, pola contra, non van para fins sociais.

"É unha boa noticia", resaltou na súa comparecencia na comisión de economía do Parlamento na que este luns presenta os orzamentos do seu departamento para o ano que vén. En concreto, a partida que "vai permitir terminar" as obras é, segundo dixo, de 770.000 euros.

De acordo cos seus datos, o 30% das obras están terminadas e certificadas, o 51% en execución, o 10% en licitación e o 10% restante correspóndese coa restauración de pezas artísticas e actuacións nos interiores que se acometerán unha vez terminadas as de fóra.

Deste xeito, asegurou que "estará todo terminado e en perfecto estado para o ano 2021", cando Galicia celebrará o Xacobeo 2021.

XACOBEO

Na súa intervención, Rodríguez reivindicou uns orzamentos "coherentes" que crecen un 8,9% respecto dos de 2019, ata superar os 157 millóns de euros. Deles, chamou a atención os 62 millóns para o "enorme reto" do próximo Xacobeo, no marco dun investimento total de 82 millóns (os outros 20 distribúense noutras consellerías).

Respecto diso, o titular do departamento autonómico valorou que "se hai un vector" que vincule cultura e turismo "é o Xacobeo", e reprochou á oposición que "lles dá igual que non haxa compromiso do Estado" con este evento, máis aló de "algunha acción por aí solta e algún compromiso".

De feito, apuntou que o Camiño de Santiago "non é un invento" da Xunta e engadiu que dá "a sensación de que o presidente de Corea é máis consciente da importancia do Camiño que o presidente Sánchez".

Pola súa banda, os grupos da oposición dirixiron boa parte das súas críticas ao feito de que a consellería se concentre na preparación do Xacobeo 2021, a modo de "programa milagre", en palabras do socialista José Manuel Pérez Seco, "como remedio" á situación económica e mostra de "esgotamento deste Goberno".

CIDADE DA CULTURA

Por outra banda, no seu discurso, o responsable de Cultura e Turismo sinalou que os orzamentos da consellería aumentan "case 1 millón" no capítulo sete, "un incremento que se subscribirá ás achegas para o termo do Edificio Fontán" do Gaiás.

Así, celebrou que o proxecto estará rematado en 2020 coa súa culminación, con 5,7 millóns de euros de investimento e, segundo indica o departamento, a achega de 2,4 millóns de fondos do estado a través do CSIC.

A nacionalista Rodil lembrou, neste extremo, que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou en 2013 a paralización definitiva da Cidade da Cultura, mentres que Pérez Seco (PSdeG) reprobou que "absorbe demasiados recursos".

OUTRAS PARTIDAS

Na comparecencia, Román Rodríguez dixo que "todos os capítulos do orzamento crecen" e que por tanto é o que "necesita Galicia para coidar o futuro do país" en canto á promoción da cultura de base, a internacionalización das industrias culturais, a potenciación do uso do galego e o desenvolvemento "con éxito" dunha estratexia para a cultura propia.

Tamén, segundo proseguiu, son as contas que a comunidade necesita "para seguir traballando por un modelo turístico propio" e "sobre todo para dar forma e sustento á organización do próximo Xacobeo 21", un proxecto "trasversal e de país que representa a maior oportunidade para construír a mellor Galicia posible da próxima década".

Fronte a isto, o deputado do PSOE José Manuel Pérez Seco censurou que a promoción da lingua galega "segue perdendo" respecto de 2009, do mesmo xeito que Rodil (Bloque) tachou de "pírrico" o investimento neste ámbito e no de patrimonio, onde alertou do "recorte de máis da metade" dos fondos relativos a xacementos arqueolóxicos.

"Pírricos" son tamén para Cuña (Común da Esquerda) os incrementos "a nivel de cultura", onde visualizou "desequilibrios" e lamentou a situación do Centro Dramático Galego. Na súa quenda, Vázquez Verao, de En Marea, esixiu unha desagregación territorial dos orzamentos da consellería.

No peche, o conselleiro ironizou con que "nunca chove a gusto de todos" pero para a oposición "dá igual que chova", xa que "todo o que fai este Goberno é desastroso". Pola contra, defendeu uns orzamentos "coherentes" cos "compromisos" da Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Mannin

Adorar e subvencionar á Igrexa que manten os osos dun presunto apóstolo (quen está soterrado en Compostela é máis ca probablemente Prisciliano) é o centro de atención e a prioridade da Xunta Xacobea. O OPUS e o nacionalcatolicismo do PP por diante. Venden fume, relixión e españolismo. Hai que botalos e descolonizar esta nosa nación galega.