En Marea propón a creación dunha oficina de atención a vítimas do franquismo

"Agora que foi enterrado por segunda vez o ditador, non pode haber memoria histórica selectiva, porque iso é amnesia", indicou o portavoz de En Marea, Luís Villares.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2019 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

En Marea propuxo a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo de carácter bilateral (Xunta e Estado) que se encargue de "axilizar" as exhumacións de fosas comúns e cunetas, así como de investigar os bens expoliados polo réxime, facilitar o acceso aos arquivos e rexistros, inventariar os xuízos da ditadura e documentar os bebés " roubados".

Diso informou este luns o portavoz de En Marea, Luís Villares, nunha rolda de prensa celebrada na Cámara galega, onde comentou que, tras a exhumación o pasado xoves dos restos do ditador Francisco Franco, o Estado debe "continuar" coa exhumacións "no lado republicano, non só no lado dos golpistas".

"Agora que foi enterrado por segunda vez o ditador, non pode haber memoria histórica selectiva, porque iso é amnesia", indicou o portavoz de En Marea, que incidiu en que a saída de Franco do Val dos Caídos "era unha medida necesaria aínda que insuficiente".

Por iso, insta ao PSOE "e o resto de forzas progresistas" a "demostrar" que a retirada da tumba de Franco "non foi electoralista" a través do desenvolvemento completo da Lei de Memoria Histórica.

Deste xeito, propuxo a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo na que "converxa" o traballo "cooperativo" das administracións. Este órgano, segundo explicou Villares, tería como funcións facilitar o acceso aos rexistros e arquivos do réxime, especialmente os militares, como medida de apoio aos familiares de represaliados en paradoiro descoñecido.

Ademais, a oficina encargaríase de "ordenar e axilizar" as exhumacións en fosas comúns e cunetas, ademais de levar a cabo unha investigación sobre os bens expoliados "non só pola familia do ditador", senón tamén por "toda a elite" da ditadura "incluída a Igrexa".

Por último, tamén sitúa entre as funcións deste órgano o inventariado dos xuízos franquistas para proceder á súa anulación e investigar os casos de "bebés roubados" para que "os secuestrados e os seus descendentes poidan coñecer ás súas familias de orixe".

O portavoz de En Marea, Luís Villares
O portavoz de En Marea, Luís Villares | Fonte: En Marea

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta