Feijóo afea que Ribera "poña deberes" a Galicia cando "non quere falar" coa Xunta

Censura a actitude do Goberno con Endesa, Alcoa e o AVE, e avisa de que non "mentirá" aos galegos: "Non me elixiron para que lles amenta".

Por E.P. | | 29/10/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afeou este martes á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, que "poña deberes a Galicia" cando "non quere falar" co Executivo autonómico e revelou que lle enviou dúas cartas "pedindo por escrito formalmente" unha reunión pola situación da central de Endesa nas Pontes (A Coruña) que non obtiveron resposta.

Antes de participar na inauguración en Santiago da XXX Semana da Estrada, o presidente foi preguntado polas declaracións realizadas pola ministra na Cadena SER, onde instou a Xunta a "colaborar"; advertiu que a central térmica das Pontes, nos termos actuais, tería un percorrido "curto"; e afirmou que Endesa "trucara" as contas.

"Se ten algún problema con Endesa, que llo diga a Endesa", contestou Feijóo, quen lembrou que a empresa investiu 200 millóns para adecuar a central aos parámetros de emisións esixidos pola Unión Europea (UE). "Iso fíxose e é un dato incuestionable", remarcou.

Outro "dato incuestionable" que destacou o presidente galego é que hai "máis de cen centrais" como a de Endesa funcionando en Europa, "máis de 80 en Alemaña"; e aludiu ás dúas cartas remitidas á ministra apelando a sentar Xunta, Ministerio, empresa e organizacións sindicais para buscar unha solución para a planta das Pontes, ao que "nin sequera contesta".

Por iso, a continuación, censurou que "veña a pór deberes á Xunta" en relación a unha crise que "o propio Ministerio de Transición Ecolóxica incentiva" e "non é capaz" de sufocar, ademais de "non" querer falar coa Xunta. Constitúe, baixo o punto de vista de Feijóo, "unha falta de respecto" que Galicia "non merece".

AO GOBERNO "NON LLE INTERESA GALICIA"

"Temos un problema co Goberno central: que non lle interesa Galicia, considera que Galicia é un tema que non é prioritario: nin Alcoa, a central térmica das Pontes, nin o AVE. Isto non é unha crítica, é unha crónica do que está a ocorrer", constatou.

A modo de exemplo, sinalou que o presidente de Alcoa escribiu en prensa un artigo "moi claro" no que se ratifica que, ou se regresa aos prezos da enerxía que había "antes" do Goberno de Pedro Sánchez, ou a factoría de San Cibrao está nunha situación "de risco máximo".

"A prensa económica en España acredita que Alcoa Estados Unidos está a pensar na posibilidade de pechar a fábrica de San Cibrao se os prezos da enerxía non volven ser os anteriores. Non creo que neste momento debamos discutir os políticos. O que debemos é propor cuestións concretas", advertiu.

Respecto diso, reafirmouse en que remitiu á ministra dúas cartas, "por escrito, para que quede constancia", e a súa resposta é "ningunha". "Non é unha crítica, é unha crónica do que está a ocorrer", insistiu o presidente.

"NON VOU MENTIR AOS GALEGOS"

A continuación, volveuse a preguntar "por que" o Ministerio "quere pechar" a central das Pontes se "cumpre" cos parámetros europeos de emisión de gases tras investir 200 millóns para logralo e se no resto de Europa hai un centenar de centrais en condicións similares.

"Por que o Goberno dixo que en abril tería unha proposta para Alcoa e está nunha situación límite en novembro? Por que, cando as obras do AVE Galicia-Madrid terían que finalizar en 2019, non hai ninguén que nos acredite que estarán acabadas en 60 días? Son preguntas sen resposta. A min o que me gustaría é ter resposta, pero a min os galegos non me elixiron para que lles minta e, como non me elixiron para que lles minta, non lles vou a mentir", resolveu.

Alberto Núñez Feijóo realiza declaracións aos medios de comunicación. Beatriz Ciscar - Europa Press
Alberto Núñez Feijóo realiza declaracións aos medios de comunicación. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta