O Parlamento recoñece que non hai responsabilidade xurídica na incomparecencia da presidenta da Deputación de Pontevedra

Santalices envíalle unha carta a Carmela Silva na que lle lembra que "o deber de colaboración entre institucións é un principio constitucional que inclúe aos presidentes das deputacións provinciais".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2019 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, enviou unha carta á responsable da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na que achega un informe dos servizos xurídicos da Cámara que lembra que "o deber de colaboración entre institucións é un principio constitucional que inclúe aos presidentes das deputacións provinciais".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación.

O documento recoñece que "a incomparecencia dun presidente de deputación provincial ante a Cámara non leva responsabilidade xurídica algunha, posto que as normas que amparan o deber de colaboración e de boa fe constitucional non contemplan sanción para o seu incumprimento".

En concreto, a misiva de Santalices fai referencia á reunión que celebrou este mesmo martes a mesa da comisión de economía en relación coa decisión de Silva de non comparecer para presentar os orzamentos do ente provincial pontevedrés.

A presidenta da Deputación pontevedresa trasladoullo a Santalices este luns, tamén a través dunha carta na que, un ano máis, apela á "autonomía local" para xustificar a súa ausencia.

A comisión pediulle a Santalices que, á súa vez, envíe a Carmela Silva o informe dos servizos xurídicos que analizou a mesa en relación coa comparecencia das presidencias de deputacións.

"DEBER XERAL" SEGUNDO O CONSTITUCIONAL

Este informe reitera a argumentación e conclusión do que foi emitido en 2005, que alude á xurisprudencia do Tribunal Constitucional referida á "colaboración entre si das diferentes organizacións públicas que funcionan no Estado".

Neste sentido, destaca que "hai un deber xeral de colaboración recíproca" e engade que este deber "xeral e abstracto" se concretou na petición dirixida aos presidentes das deputacións provinciais de que informasen as liñas xerais do orzamento da deputación correspondente.

En opinión dos servizos xurídicos, "creouse un deber xurídico de comparecer na comisión", con base no feito de que unha parte dos gastos tanto correntes como de capital das corporacións locais son financiados mediante transferencias e en que as políticas públicas "están hondamente interrelacionadas".

A finalidade, segundo precisa, é "solicitar información por parte dos deputados a semellanza das audiencias ou 'hearings' do parlamentarismo anglosaxón e non, por tanto, para realizar un control político que si se exercería sobre os representantes da Xunta".

MODIFICACIÓN CON RANGO DE LEI EN 2017

Por outra banda, apunta á modificación que introduciu a lei de acompañamento aos orzamentos de 2017, que engadiu un precepto, "enunciado como unha regra xurídica con rango e forza de lei".

Este precepto "establece expresa e claramente a previsión de que 'deberán comparecer ante a comisión parlamentaria competente, de acordo co regulamento do Parlamento de Galicia, as persoas titulares da presidencia das deputacións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

como sigan así van declararse en REBELDÍA ? Aquí nin dios dá explicacións de nada... ogallá alguén os sente no banquillo dunha vez !!! https://twitter.com/GamelaNova/stat... Estamos fartos de aturar tanta PREPOTENCIA !!!