Comeza a campaña das eleccións máis incertas e divididas da democracia

Feijóo chama a unirse "nun voto esixente" para recuperar a estabilidade e que "se cumpra" con Galicia. Os socialistas piden o voto a todos os que "non queren ver a Abascal como vicepresidente de Casado". O BNG e En Común preséntanse como a "única garantía" para defender os intereses de Galicia. Ciudadanos reivindícase como a "única alternativa viable" para "sacar adiante España".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/11/2019 | Actualizada ás 00:00

Comparte esta noticia

Esta medianoite comezou oficialmente a campaña electora máis incerta e dividida desde a volta da democracia a España. Os comicios do próximo 10 de novembro presentánse como unha grande incógnita, tras a anomalía que se vén vivindo desde 2015, sendo estas as cuartas eleccións xerais en catro anos e as segundas en 2019, pola situación de ingorbenabilidade e a cada vez maior fragmentación política no Congreso dos Deputados.

papeleta, votación urna, eleccións, Xerais, municipais
papeleta, votación urna, eleccións, Xerais, municipais | Fonte: EP

Desde a irrupción dos novos partidos no Congreso —Podemos e Ciudadanos—, o bipartidismo que dominou España desde a fin da ditadura e as maiorías absolutas de PSOE e PP xa son historia. A isto hai que engadir a forza cada vez maior que adquiriron forzas soberanistas e rexionalistas de toda a xeografía, e a aparición da ultradereita representada en Vox. Un escenario de máxima fragmentación que derivou no bloqueo parlamentario e na ingobernabilidade de España, e ao que agora se suma un novo actor con moitas posibilidades de acceder ao Congreso, Más País, o proxecto do ex-Podemos Íñigo Errejón. Isto, engadido ao cansanzo da xente, fai destes comicios os máis incertos e divididos da democracia española.

En Galicia, a campaña arrincou oficialmente con todos os partidos seguindo o guión agardado, coas mesmas mensaxes que veñen repetindo até a saciedade durante meses. Nada novo.

PP

O líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, arrincou a carreira cara ás urnas cunha chamada aos galegos para que se unan "nun voto esixente" que permita "que volva a estabilidade a España" e que "se cumpra" con Galicia. E é que, segundo reivindicou, o que necesita Galicia son "certezas" e "compromiso" por parte do próximo Executivo central.

Así, durante o acto de inicio de campaña, que tivo lugar en Vigo, o presidente do PPdeG incidiu en que os españois "non son os culpables do que está a pasar en España", pero que si teñen "a solución": votando o próximo 10 de novembro "por todo o que une e para que as cousas cambien".

Segundo defendeu, os españois "non teñen a culpa dos problemas creados" ao sector industrial, da inestabilidade política "provocada polo egocentrismo e a frivolidade", nin dunha campaña electoral "permanente". Tampouco, agregou, de que "unha minoría nacionalista e independentista poida condicionar a convivencia e o Goberno de todos".

Feijóo advertiu que, se as eleccións de abril estiveron motivadas "por un Executivo incapaz de gobernar e de aprobar orzamentos", as de agora estarán motivadas, ademais, "pola incapacidade de formar goberno". "Un fracaso que o próximo 10 de novembro ten que ser só dos seus responsables", engadiu.

Ao fío desta afirmación, contrapuxo que o PP sae a gañar "pola estabilidade, a economía, o emprego, os traballadores da industria, os servizos públicos e as familias". Neste punto, lembrou que a "división" nos últimos comicios estatais "favoreceu" que o PSOE gañase e fixo "que todos os españois acabasen perdendo".

Feijóo aludiu á batería de esixencias que, no marco do Consello da Xunta deixou sobre a mesa para o futuro Goberno central. Definiuno como "unha folla de ruta ineludible, leal a Galicia e a España". "Galicia pide porque Galicia fai e Galicia esixe porque Galicia cumpre", proclamou.

Do mesmo xeito, reivindicou que o que precisa España, "despois de meses de promesas e cálculos electorais", é "xestión, un presidente e un Goberno que volva ser activo".

Por iso, deu por feito que, "se todos os que queren estabilidade, políticas rigorosas e eficaces ante a desaceleración" e un Goberno que "non teña que deberlle nada ao nacionalismo nin ao independentismo" unen o seu voto, a vitoria será "de todos os españois, porque España volverá funcionar".

Así, concluíu que "o que sucede en España non é irremediable" e que Galicia é "a mostra de que a alternativa sólida e clara no PP é real", xa que é "cumprimento do deber, responsabilidade e estabilidade". "Canto mellor lle iría a Cataluña e a España cun Goberno como o de Galicia!", resolveu.

PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu o voto para o Partido Socialista a "todos os galegos" que non queren ver ao líder de Vox, Santiago Abascal, como "vicepresidente" do popular Pablo Casado.

Gonzalo Caballero lanzou esta mensaxe durante o acto de apertura de campaña celebrado polos socialistas galegos na Coruña, no que estivo acompañado pola ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, e pola alcaldesa da cidade, Inés Rey.

No evento, no que tamén participaron os candidatos socialistas ás Cortes, o xefe de filas do PSdeG considerou necesario "seguir profundando nos avances sociais impulsados no último ano e medio polo goberno socialista".

"Temos que seguir progresando: defendendo o sistema público de pensións e o Estado do Benestar, mellorando a calidade de vida dos traballadores, engadindo novos dereitos e liberdades, apostando pola igualdade entre homes e mulleres...", enumerou o político socialista, consciente de que "todo isto está en risco se Casado pacta con Vox para acceder ao poder".

Fronte a iso, defendeu o proxecto "positivo" que o PSOE presenta para a cidadanía e asegurou que nesta ocasión é "moi necesario" acudir a votar e facelo polo proxecto que encarna Pedro Sánchez para así frear o avance da "ultradereita" que prognostican as enquisas.

Sobre todo, como dixo o máximo dirixente o PSdeG, porque mentres os sectores conservadores están a tentar inducir á desmobilización da esquerda de cara ao próximo 10N, "as dereitas e a ultradereita si van ir votar". "Temos que dicirlles alto e claro que os galegos non queremos ver a Casado e a Abascal no Consello de Ministros", concluíu.

BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu o voto para a súa formación ao asegurar que é unha forza política "de palabra e con proxecto", a "única garantía para defender os intereses deste país xunto cunha axenda social de dereitos e liberdades".

Pontón apelou ás persoas "encabuxadas e desencantadas" co "espectáculo" das forzas estatais para que este 10N aposten por algo "diferente" e "confíen no BNG". "Hai alternativa se optamos por defender o noso, dándolle voz propia a este país da man da única forza que xoga a favor de Galicia", destacou.

Unha defensa do país que contrapuxo coa "discriminación e o ninguneo permanentes" das forzas estatais, desde o bipartidismo PP-PSOE, aos que definiu como "expertos en dicir unha cousa na oposición e facer a contraria cando gobernan"; ata un Podemos que "pactou os peores orzamentos do Estado para Galicia en 20 anos".

Ao contrario, subliñou que Bloque Nacionalista Galego "nunca lle fallou a este país". "Colocaremos Galicia no centro do debate político en Madrid", comprometeuse.

Neste sentido, dixo que nun escenario sen maiorías absolutas, o Bloque "será decisivo e condicionará a política do Estado en temas como a crise industrial, o espolio dos recursos enerxéticos, a estafa da AP-9, a débeda en dependencia ou a precariedade laboral que levou á emigración a 200.000 mozos". "Temos que facernos valer e defender o noso", insistiu.

Para iso, indicou que a formación nacionalista sae "a por todas" para devolverlle a Galicia o peso político que nunca debeu perder. "Vascos, cataláns, canarios e valencianos e ata Cantabria teñen voz propia no Congreso", sinalou fronte a unha Galicia "desaparecida" e "excluída do debate polo servilismo" dos 23 deputados electos que "só van a Madrid a facer o que lle mandan os seus xefes de filas".

Pontón participou xunto ao 'número un' do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, nun mitin de apertura de campaña na cidade herculina, onde o aspirante á Cámara baixa subliñou que é "crucial" que Galicia teña representación "propia" en Madrid.

Así, pediu o voto ás persoas "defraudadas" cunhas forzas estatais que "deixaron vendida" Galicia sen avogar "en ningún momento" por defender os seus intereses.

CIUDADANOS

Ciudadanos Galicia aproveitou o arranque da campaña electoral para reivindicar a formación laranxa como a "única alternativa viable" para "sacar adiante España".

Os catro cabezas de listas de Ciudadanos ao Congreso polas distintas provincias galegas participaron na noite deste xoves en distintos actos organizados para celebrar o arranque da carreira cara ás urnas.

Deste xeito, o 'número un' á Cámara baixa por Pontevedra, Beatriz Pino, reivindicou á súa formación como a "única alternativa viable" durante unha pegada de carteis na Praza de Compostela de Vigo.

Neste escenario, e arroupada por membros da súa candidatura, militantes e simpatizantes, Pino asegurou que afrontan a campaña con "moitísima ilusión, con todas as galas e convencidos da oportunidade" que teñen por diante.

Pola súa banda, tamén durante a pegada de carteis na Coruña, a candidata por esta provincia, María Vilas, mostrouse convencida de que Ciudadanos volverá ter representación por esta circunscrición.

"É para min unha honra e unha responsabilidade ser a voz de todos os coruñeses na Cámara Baixa", manifestou Vilas, que considera que o próximo 10N hai unha "oportunidade" para "devolver o protagonismo aos españois e pór a España en marcha". "Facémolo pensando por e para unha Galicia de cidadáns libres e iguais", apuntou.

Así mesmo, o 'número un' por Lugo, José Manuel Blanco, destacou que arrinca a campaña "convencido" de que conseguirán o escano por esta provincia.

"Presentámonos con xente solvente e co obxectivo de sacar a Lugo do atraso en infraestruturas, loitar contra o despoboamento e conseguir melloras laborais", manifestou no acto de inicio da campaña.

Por último, a aspirante por Ourense, Inés Iglesias, participou xunto ao secretario de Organización de Cs Galicia, Laureano Bermejo, nunha pegada de carteis no Parque de San Lázaro, onde destacou que a próxima cita coas urnas preséntase como unha "oportunidade" para "sacar a España adiante" e "pola en marcha".

"Pedimos aos cidadáns que nos dean un voto de confianza para poder representalos no Congreso", apuntou.

EN COMÚN

Os candidatos e candidatas de En Común-Unidas Podemos arrincaron na Coruña a campaña electoral apelando á importancia de que Galicia estea no próximo Goberno para trasladar e facer efectivas todas as demandas dos galegos e galegas.

"Galicia en Común é o único voto que garante un goberno de esquerdas, no que Galicia estea presente", incidiron os candidatos Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino nun acto celebrado na cidade herculina.

Ademais, remarcaron que nestas eleccións o que está en xogo é "un goberno virado á dereita co apoio do PP ou un goberno de esquerdas". "Galicia en Común-Unidas Podemos somos a garantía dun goberno de esquerdas no que o noso país estea presente no centro das accións políticas, con voz e decisión propia", sinalou a candidata pola provincia de Pontevedra.

En concreto, Yolanda Díaz apelou, ao facer un chamamento ao voto "útil", "aos pensionistas, aos que loitaron e traballaron toda a vida e agora nin escoitan, os que coidan e alimentan aos fillos e netos coas pensións, aos estudantes e traballadores precarios e empobrecidos que fan equilibrios impensables, as mulleres, que tanto nos ensinaron das súas loitas que non cesan".

Mentres, o cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, reivindicou o traballo feito polos deputados galegos de En Común. Así, asegurou que demostraron, desde as institucións, o seu "compromiso".

"E a nosa vontade de levar as vosas voces e os problemas dos galegos e galegas aos centros da decisión política, para transformalos en accións que nos permitan avanzar como sociedade", expuxo aludindo a Alcoa, Isowat, ou Poligal, entre outras empresas, así como a sectores como o do telemarketing.

"Nestas eleccións temos que dar unha nova lección de democracia como país", apostilou. "Quixeron fartarnos, desmotivarnos, desencantarnos, desmobilizarnos, pero temos que responderlles o domingo nas urnas".

"Reflexionar sobre quen representa hoxe mellor un voto de esquerdas: o da xustiza social, as liberdades e dereitos, a cohesión e os equilibrios territorias", insistiron.

Ambos os candidatos defenderon tamén que En Común-Unidas Podemos segue "vivo" e "con forza". "Estamos moi vivos e moi espertos para defender os vosos dereitos e evitar que nos fagan pagar outra vez en recortes aos de abaixo", manifestaron.

Fixérono nun acto arroupados polas candidatas e candidatos ao Congreso e ao Senado do catro provincias galegas, dentro da xornada de apertura de campaña, con actos tamén en Lugo, Ourense e Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta