Temas: SANIDADE MORTE

Dereito a Morrer Dignamente esixe reunirse co conselleiro de Sanidade pola "insuficiente implantación" da lei galega

"A cidadanía galega aínda morre mal, sen que se respecten os seus dereitos ao final da vida", denuncian.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/11/2019 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

Este sábado conmemórase o Día Internacional da Morte Digna. A asociación Dereito a  Morrer Dignamente ( DMD-Galicia) aproveitou a efeméride para reclamar unha reunión co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, debido a que "catro anos despois da aprobación da lei" galega a Xunta de Galicia "apenas fixo nada por facela efectiva".

Cemiterio de Chandebrito, en Nigrán
Cemiterio de Chandebrito, en Nigrán | Fonte: © Miguel Núñez.

A 'Lei 5/2015, do 26 de xuño, de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais' aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia. Con todo, "a pesar de que contaron con case un lustro desde a súa entrada en vigor, o seu cumprimento segue sendo limitado e desigual", denuncian.

"A cidadanía galega aínda morre mal, sen que se respecten os seus dereitos ao final da vida. Nin a Xunta de Galicia nin a súa Consellería de Sanidade mostraron ningunha vontade de mellorar esta situación".

DMD Galicia solicitou, desde febreiro, varias entrevistas co consellerio de Sanidade coa intención de achegar propostas para "emendar a deficiente aplicación da lei de morte digna" aínda que, "a pesar de tentalo por varios leitos, todas as peticións quedaron sen resposta".

Neste sentido, advertiron que esta actitude "ten consecuencias: unha maior carga de sufrimento para as persoas que, en situación de fraxilidade durante o seu proceso de morrer, atopan dificultades para que se respecten os dereitos que teñen recoñecidos".

"É inadmisible que a Xunta de Galicia non pareza interesada en promover e defender o dereito dos seus cidadáns para morrer con dignidade e a que se respecten os seus valores durante o seu proceso de morrer".

Temas: SANIDADE MORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta