Unha viaxe polas minas de carbón de León e Asturias

As minas de carbón españolas están paralizadas. Os recortes das axudas ao sector anunciadas polo Goberno central prendeu a chama dunha nova revolución nas comarcas mineiras de Asturias, León, Palencia, Teruel e Cidade Real, onde os mineiros están en pé de guerra xunto coas súas familias, amigos e veciños, en defensa do seu traballo e da súa dignidade. A xornalista Rosalía R. Méndez e o fotógrafo Miguel Núñez percorreron zonas mineiras de León e Asturias para sondar a opinión destas xentes e o seu estado de ánimo, e para afondar nos problemas que desacougan aos mineiros. Esta reportaxe retrata a loita dos mineiros e a vida baixo terra dos que levan un mes encerrados na mina, e explica o conflito do carbón e os obxectivos das protestas.

Por Rosalía R. Mendez | O Bierzo (León) - Langreo (Asturias) | 21/06/2012 | Actualizada ás 21:56

Comparte esta noticia

grafica GC

None

Hai xa 31 días que oito mineiros decidiron encerrarse para impedir a fin do carbón e pedir que o Goberno central cumpra o prometido. Un deles tivo que abandonar o pechamento por motivos de saúde. Baixo terra, nun habitáculo de apenas 40 metros cadrados, as horas pasan lentas e o que máis se bota de menos é a luz do sol e a familia. Os debuxos dos seus fillos e os enviados por un colexio municipal enchen as paredes con mensaxes de apoio, mentres un canario chamado intencionadamente 'Engano' lles fai compaña. 

Alí dentro hai moita humidade e correntes de aire, pouca ventilación e pouco ou nada que facer. Xogan ás cartas e len a prensa para matar o tempo. O silencio das máquinas paradas, pouco habitual na mina, resúltalles estraño. O único contacto exterior é a través dos seus compañeiros, que lles levan a comida e xornais cada día. Ademais, teñen un teléfono co que se comunican “cos de fóra”, a través do que falan a diario coas súas mulleres e fillos, agardando impacientes que chegue ese momento do día para comunicarse cos seres queridos. 

Fóra, os compañeiros e mineiros xubilados falan da dureza da mina, un traballo no que se deixan a saúde e, malia os perigos que entraña a mina e de que cren que “non hai diñeiro que o pague”, é un xeito de vida para varias xeracións e o seu peche supón o fin de todo o que coñecen. O estado de ánimo é positivo en xeral; non van deixar de loitar e seguirán ata que o Goberno rectifique. 

Os mineiros saben que a súa profesión é unha das máis perigosas do mundo e aínda así, moitos deles din que non farían outra cousa. Se teñen que nomear unha profesión parecida en condicións laborais, falan da pesca en alta mar, e amosan a súa admiración polos mariñeiros, que traballan a miles de quilómetros de distancia, no medio do océano, con humidade, traballo duro e perigos constantes. 

None

grafica GC

Pozo Santa Cruz

No Pozo Santa Cruz traballan unhas 200 persoas. Mentres os seus compañeiros permanecen baixo terra, os mineiros e as súas familias organizan as protestas no exterior. Practicamente todos os días sucédense as mobilizacións,  marchas e cortes de estradas como forma de protesta, ademais dos piquetes informativos durante todo o día da folga xeral —o luns 18 de xuño—, malia que o paro foi prácticamente total. 

O pozo Santa Cruz atópase no concello de Páramo do Sil, ás beiras deste río. Non é a única mina da zona. Nesta comarca minera, a do Bierzo Alto, coa súa capital en Bembibre, unhas 30.000 persoas dependen desta industria. A pechadura das minas supón deixar sen traballo á práctica totalidade da poboación activa, xa que a minería do carbón representa, directa ou indirectamente, o sustento desta zona, onde apenas existe outra industria que non dependa do carbón.

“Coa mina ninguén se fai de ouro”

Os mineiros saben que o mes que vén non cobrarán por estar en folga. Hai poucos días que recibiron o correspondente ao mes pasado e deben resistir con ese soldo ata que se poña fin a un conflito que se prevé longo. En moitas familias, o da mina é o único soldo que entra nas casas, o resto de membros están en paro; noutras non saben como farán fronte ao pago das hipotecas e alugueres, pero en ningún caso pensan ceder e abandonar a folga ata que o conflito se solucione.

Malia o que se adoita dicir, os mineiros pensan que “coa mina ninguén se fai de ouro”. Os soldos varían, con quendas moitas veces de 10 horas de luns a venres.  Uns soldos que roldan os 1.500 euros mensuais e que se viron minguados nos últimos anos por mor dos plans de reconversión que, segundo  os propios mineiros, non funcionaron xa que non existe máis industria na zona que a do carbón e as auxiliares como as dos sectores do transporte ou servizos.

Santa Cruz non é a única mina na que os traballadores se encerraron. En Asturias, onde hai outras dúas cuencas mineiras de carbón, hai dous pozos nos que un grupo doutros sete mineros permanecen encerrados: Pozo Santiago e Pozo Candín, preto do municipio de Mieres. 

Evitar o peche das minas é o seu obxectivo: “Se unha mina se pecha, é para sempre”, di un mineiro como unha das razóns para impedir o fin do carbón. O feito é que se inundarían as galerías da mina, inutilizando o xacemento e, no caso de que nun futuro se pretenda reactivar o sector, habería que empezar de novo desde cero porque os pozos xa pechados, por moito carbón que haxa dentro, serían inútiles. 

grafica GC

O conflito do carbón

A fin da minería do carbón en España levou a unha folga nas comarcas mineiras que se mantén desde hai 31 días. Isto supón que centos de familias e comarcas enteiras deixen de traballar, e xa que logo, de cobrar, para defender un acordo asinado polo que no ano 2018 se produciría a reconversión do sector da minería do carbón no Estado.  

O Goberno central propón agora un recorte do 63% nas subvencións, o que supoñerá o peche de todas as explotacións este mesmo ano, sexan rendibles e eficientes ou non. O problema radica en que ese recorte, previsto para aplicarse nos próximos cinco anos, se aplicará nos próximos meses de golpe, provocando o peche das explotacións de carbón e a fin das industrias auxiliares ao longo deste ano, das que viven comarcas enteiras.

Miles de familias dependen do carbón nas comunidades de Castilla e León, Asturias e Aragón. Son 47 as explotacións mineiras en activo, 7.900 os mineros en España, e moitos os millóns de euros investidos nunha reconversión que aínda está en curso, de modo que non existe aínda unha industria capaz de absorber ao número de parados que deixará o carbón e as súas industrias auxiliares como o transporte ou os servizos.

As denuncias desta situación non parten tan só dos mineiros e os sindicatos. Algúns cargos políticos da zona tamén se encerraron e protagonizaron movilizaciones durante este mes de folga. Incluso os alcaldes do partido do Goberno, non importa a cor política neste conflito. Para o alcalde de Igüeña (PSOE) e minero en activo, Antonio A. Presa, “nunha época de crise como esta, con cinco millóns de parados no país, se xa tes emprego, fas por mantelo, mantendo as comarcas activas, pero non destrúes o que hai deixando na ruína a todos e empeorando a situación xeral”.

grafica GC

Razóns para pechar ou manter as minas

Entre as razóns argumentadas polo Goberno para este recorte do 63%, atopamos que se trata dunha enerxía cara de producir, que contamina e que o carbón español non é de calidade. Estes argumentos distan totalmentede dos esgrimidos polos que traballan nas minas, articulando unha versión moi diferente e esixindo aos políticos que digan a verdade sobre o carbón. 

Desde os sindicatos chaman á mobilización denunciando que non se está dicindo a verdade, sinalan que se están utilizando as minas xa pechadas ou as que están sendo pouco rendibles coma se ese fose o estado xeral. De feito, un dos exemplos que contradin ese discurso é a mina de Santa Cruz, con reservas probadas de carbón para 200 anos. "Como esta mina hai moitos exemplos máis; o carbón é rendible e fundamental na nosa política enerxética”, argumentan desde os sindicatos.

Outro dos argumentos que xustificarían acabar coa minería son as emisións de CO2. Aínda que é certo que a combustión de carbón produce gases que contaminan, estas emisións prodúcense nas centrais térmicas, non nas propias minas, polo que a minería en si non é contaminante.

Non todo o carbón que utilizan as térmicas españolas é de produción estatal. A maior parte procede doutros países, polo que a cantidade de CO2 emitida non depende da produción española, senón da total (nacional e estranxeira), e hai centrais que só traballan con carbón importado, como a das Pontes, na provincia da Coruña.

Para solucionar o problema das emisións de gases contaminantes investiuse en investigación e desenvolvemento nos últimos anos, co obxectivo de reducilas. Un bo exemplo diso é o proxecto da Cidade da Enerxía en Ponferrada, CIUDEN, actualemente paralizado por motivos económicos. Con este proxecto preténdese capturar o CO2 emitido descendendo, deste xeito, de forma notable os efectos medioambientais negativos que pode producir esta industria. “Acabaríase coa contaminación e non habería escusa para o carbón”, pensa un dos concelleiros dun municipio da zona do Bierzo.

grafica GC

Carbón competitivo e de calidade

Os mineros argumentan que non están pedindo máis cartos, senón que esixen que o Goberno cumpra co pactado ata 2018. Aínda que é certo que existen subvencións para a produción de carbón, sindicatos e expertos argumentan que o gasto para producir o resto das enerxías é notablemente superior. Mentres que o carbón español recibe pouco máis dun euro por quilovolt, denuncian que outras enerxías son máis caras e non está probada a súa eficiencia. Citan como exemplo a enerxía solar, que recibe subvencións moito maiores e non ten unha rendabilidade tan alta, ou o caso da enerxía hidroeléctrica, con alto impacto ambiental. 

O carbón producido en España é de calidade, malia o que, segundo denuncian os mineiros, se publica nos medios de comunicación e repiten algúns políticos. Segundo os expertos, hai catro tipos de carbón, entre os que destaca a antracita, por ser o de mellor calidade, e é precisamente ese o que se extrae nas comarcas mineiras españolas, “xa que logo, o carbón español é competitivo e de boa calidade”, comenta un enxeñeiro dunha das minas.

As subvencións do Estado pretenden soster a produción de enerxía procedente do carbón e manter os prezos baixos. “O carbón págase como hai 20 anos”, comenta un mineiro xa retirado que engade que as prexubilacións son por motivos de saúde e non son tan altas como se di. “Buscade entre os mineiros xubilados a alguén que non estea doente e non o atoparedes; a nosa esperanza de vida é moi baixa”, din. 

Parte das axudas que recibe a minería investíronse en mellorar as condicións de traballo e en mecanizar os procesos produtivos, o que implica unha maior calidade de vida dos mineros e que descendan as taxas de mortalidade. Outras axudas foron destinadas á reconversión do sector, para a creación dunha industria non mineira que puidese absorber aos traballadores unha vez pechadas as minas. No caso de que este peche se produza en 2012,  a reconversión quedaría a medias e polo momento, polo menos no Bierzo, non hai outra industria capaz de dar traballo a tantas persoas.

Mentres noutros países pensan volver producir carbón —por exemplo no Reino Unido— e outros ampliarán as cotas de enerxía procedente deste mineral —como Alemaña—, en España planéase a fin dunha industria da que viven miles de persoas. Esta enerxía supón o 17% do noso mix enerxético, do cal unha parte procede das importacións de carbón do exterior, aínda existindo recursos suficientes en España para garantir menor dependencia enerxética doutros países.

grafica GC

As protestas

Desde que comezou a folga na minería do carbón sucedéronse as mobilizacións e piquetes dos mineiros en diferentes zonas.Houbo encerros, manifestacións, cortes de estradas, protestas en Madrid e unha folga xeral nas comarcas mineiras o pasado luns. Os sindicatos tamén convocaron unha marcha mineira negra cara a Madrid que sairá este venres dende catro puntos: Bembibre e Villablino (León), Mieres (Asturias) e Andorra (Teruel).

Non é a primeira vez que este sector convoca unha folga de longa duración. Os mineros están organizados e non queren quedarse quedos ante a fin do seu modo de vida e o principal sustento das súas comarcas. Malia que o recorte parece que se aplicará (esta semana foi votado no Senado), non baixarán a garda e seguirán ata que haxa unha solución que pasa por rectificar o Goberno e cumprir co pactado.

grafica GC

Encerros, protestas, manifestacións e marchas

Os encerros sucedéronse nas últimas semanas. Desde o mesmo día que comezou a folga, os mineiros encerrados no Pozo Santa Cruz, Pozo Candín e Pozo Santiago non volveron xa ás súas casas nin a ver ás súas familias. Pretenden con este xesto presionar ao Goberno para que de marcha atrás e mostrar a súa determinación de loitar contra o peche das minas. Outro grupo de mineiros encerrábase tamén no edificio da Deputación de León mentres que alcaldes e concelleiros facían o mesmo en catro Concellos da comarca do Bierzo. 

Esta mesma semana, “as mulleres do carbón” viaxaban a Madrid, ás portas do Senado, para presionar na votación do Decreto que poñerá fin á minería do carbón. Entre elas viaxaban as mulleres e familiares dos encerrados nas minas e nas deputacións. 

O sábado pasado chegaba unha marcha a pé procedente das vilas dos arredores da mina de Santa Cruz. Na marcha habia familias enteiras e, á beira dos mineros, veciños da zona amosando o seu malestar coas políticas do Goberno e o seu apoio total aos sete traballadores encerrados. O momento máis emotivo foi cando as persoas alí concentradas cantaron o 'Santa Bárbara Bendita', himno dos mineiros, aos que permanecen dentro da mina. “Os encerrados son todo un exemplo e dannos forza; debemos seguir loitando aquí fóra por nós e por eles”, expresan os veciños. 

Os mineros non están sós. Ás manifestacións acoden miles de persoas para apoialos, conscientes de que o problema da minería aféctalles directa ou indirectamente a todos. 50.000 persoas reuníronse o pasado luns en Langreo, Asturias, nunha manifestación que paralizou toda a comarca e cuxa principal industria e fonte de traballo é a minería. 12.000 persoas apoiaron en León ese mesmo día aos mineiros, nunha mobilización que percorreu a capital durante  as horas do mediodía.

A folga xeral do pasado luns tivo un seguimiento do 100% nas comarcas mineiras. As rúas estaban baleiras, os negocios pechados, incluídos os bares e panaderías, co que non houbo pan ese día, e ata algúns Concellos pecharon por decreto. Nas cuencas mineiras son conscientes de que o peche da minería supón a fin das poboacións destas comarcas tal e como aas coñecen, por iso secundaron a folga. Ese día os municipios parecían poboacións pantasmas, coma se dunha premonición se tratase no caso de que se pechen as minas de carbón, como xa sucedeu noutros lugares, como Cistierna en León. Nas portas dos establecementos e nos balcóns das casas podíanse ler mensaxes de apoio aos mineros.

grafica GC

Sen medo

Os cortes de estradas son outra das formas de protestas dos mineiros. “Por desgraza é o único que sae nos medios de comunicación e a través diso sábese que estamos en folga. É unha forma de chamar a atención de todos ao problema real”, lamentan os mineiros. Xornais e televisións publicaron durante as últimas semanas os duros enfrontamentos entre mineiros e Policía ou Garda Civil nas cuencas mineiras. Ao circular polas estradas destas zonas, atópanse os restos das barricadas e en todos os cruces, vilas e estradas hai patrullas con axentes vixiando para que non se produzan máis cortes. Mesmo os camións son escoltados pola Garda Civil, en grupos duns 40 vehículos, cando circulan polas zonas mineiras.

Ninguén sabe cando se vai a producir o próximo corte de estrada nin onde, nin sequera os propios mineiros. Cando se reúnen decídeno e lévano a cabo. A Policía e a Garda Civil acoden de inmediato e prodúcense os enfrontamentos. As cargas saldáronse non só con axentes feridos, senón tamén con mineiros con costelas rotas e múltiples contusións en diferentes partes do corpo. Os mineiros xogan ao despiste coa Policía, e a Policía con eles. Cando se produce o corte dunha estrada moitas veces “hai que botarse ao monte, correr e agardar ás veces durante horas a que todo se acougue”, explícannos.

Os mineiros din non ter medo e que van seguir loitando. “O medo é a perder o teu posto de traballo, o teu xeito de vida e a ver como a túa vila se afunde na miseria”, comentan. Para os mineiros, os enfrontamentos coa Policía son parte inevitable do conflito: “Ninguén quere a violencia, eles tamén golpean, van armados e hai que defenderse; non podemos quedarnos quedos”, argumentan. 

En xogo está o futuro de miles de persoas nun país, España, xa moi castigado polo paro e pola pobreza na que se están afundíndo miles de familias. A loita presúmese longa e dura. 

Unha viaxe en imaxes

Presentamos as fotografías que Miguel Núñez fixo para GC nesta viaxe polas comarcas mineiras de Asturias e León.

GC fai un chamamento aos usuarios a que colaboren economicamente con nós e contribúan a que este tipo de traballos xornalísticos podan seguir vendo a luz. Se queres que un medio independente como GC siga informando sobre a verdade e publicando reportaxes coma esta, doa ou subcríbete a GC para que os nosos reporteiros podan seguir traballando.

None
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 20 comentarios

2 Mozo

unha pregunta sen ánimo de querer crispar nin nada, cal é a posición oficial das centrais sindicais nacionalistas do país (CIG e CUT) sobre o conflito da minería? o digo porque estiven buscando na web destes sindicatos e non atopei ningún comunicado, imaxino que a súa posición será de apoio e solidariedade pero quería que se alguen o sabe o confirmase.

1 De Frente

2 CO2

A C.I.G. non ten competencias no Estado Español, isto é como se tiveran que opinar sobre un conflicto en Portugal ou Francia.

3 P.I.G.

A C.I.G. non ten competencias.

4 Mandatruko

O berzo é Galego a cig nom tem competencia em nada e isso que som filiado e a cut ja nom digamos deixando tirau a os seus presos....

5 Mario ou

A cig nom tem competencias por que é incompetente e aplica a reforma laboral a súa propria plantilha.... Hai muitos comunicados de apoio internacionais pero a estes sindicatos de "clases" asustanlhes muito os petardos e a luita por isso ficam calados...lamentável e isso que os mineiros do Berzo som tam Galegos coma os do naval de Vigo...

6 Pesadiños sodes

Mira que sodes ridículos coa vosa fixación contra a CIG. Seguro que erades os mesmos que cando foi o do carbón galego apoiabades pechalo por motivos ecolóxicos - para deixar o carbón leonés, que é máis contaminante aínda. Como non aproveitades para atacar tamén á UPG? Seguro que a culpa é da UPG.

7 Mario ou

Nom é fijaçom eu som afiliado e falam os feitos, e mira que es pesao QUE OS DO BERZO TAMBEM SOM GALEGOS AS MINARIAS BERZIANAS SOM GALEGAS E OS SEUS MINEIROS GALEGOS... AAAHHH e a cig a controla a UPG ou somos parvos agora...Que pesaos sodes o suso seijo e de Causa Galiza no te fastidia...Tomaduras de pelo nom que ja somos todos mui maiores... A cig e a cut se solidariçam com trabalhadores de america do sul ou da asia cos de alá lonje pero quando o conflito duro e na casa(porque o berzo é galego para todo nom para mandarlhe livros em galego) nom eles nom sabem nada por que nom seguem a sua estratexia e vam fora do sindicato(véxase Telmo e Miguel ou as condenas da cig sempre que alguem vuelca um contenedor)... Vailhe co conto alguem que poidas enganar por que eu estou dentro e a mim nom me colhes...

8 LemavoGZ

Non é cuestión de se a CIG ten competencias ou se o Bierzo e galego, é cuestión de que a CIG ademáis de ser un sindicato nacionalista, tamén é un sindicato de clase de ideoloxía socialista/comunista que ademáis pertence a Federación Sindical Mundial, polo tanto a CIG e un sindicato internacionalista que tería que amosar o seu apoio e solidariedade coas loitas obreiras doutros povos, non so coas do povo galego (inda que teña que centrar os seus esforzos maiormente en Galiza claro está).

1 Un de Valdeorras

Gradisima reportaxe. Graciñas por achegarnos o que padecen moitos asturianos, leoneses e tamén galegos. ÁNIMO E FORZA MINEIROS.