Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2019 | Actualizada ás 11:35
Un total de 137 incidencias foron rexistrados durante a madrugada deste domingo por mor das condicións meteorolóxicas que esta pasada noite afectaron a Galicia, con especial presenza nas provincias de Lugo e A Coruña.
Os servizos de emerxencias confirmaron que entre as 00,00 horas e as 06,00 o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) recibiu case 150 avisos por incidencias. A maioría delas estiveron relacionadas coa caída de árbores, pólas, pedras, colectores, postes de iluminación e de telefonía derrubados no medio das estradas. Outros obxectos como cables, uralitas, valos, tellas ou carteis publicitarios, entre outros, tamén acabaron cortando a rede viaria galega.
Segundo informou o 112 Galicia, A Coruña foi a provincia máis afectada con 70 incidentes rexistrados, seguida de Lugo (31), Pontevedra (30) e Ourense (6).
Por concellos, os máis afectados atópanse na provincia da Coruña e son: Fene (6), Brión (4), Ferrol (4) e os de Arzúa, Ordes e Ortigueira con tres contratempos rexistrados cada un deles.
En Lugo, os municipios que máis sufriron as consecuencias da meteoroloxía adversa son Guitiriz, Lugo, Vilalba e Viveiro, que contaron con tres accidentes cada un. As localidades ourensás de Boborás (2), Maceda (1) e Melón (1) tampouco se salvaron dos ventos e choivas da pasada madrugada.
Pola súa banda, a provincia de Pontevedra rexistrou problemas nas demarcacións de Ponteareas (4), Vigo (2), Tui (2) e Catoira (2), fundamentalmente.
SEN DANOS PERSOAIS
Os servizos de emerxencias precisaron que non houbo que lamentar danos persoais en ningunha localidade. Con todo, algunhas árbores caeron sobre turismos en Mourente (Pontevedra) e Cabana de Bergantiños (A Coruña).
Ademais, un particular do municipio lugués do Corgo tivo que solicitar axuda tras chocarse contra unha árbore cando ía conducindo. Neste caso, o ocupante do vehículo atopábase ben e non necesitou asistencia sanitaria.
CAÍDAS DE OBXECTOS POR VENTO
De volta na Coruña, unha familia alertou ao 112, en Vilasantar (na DP-3205), despois de sufrir un accidente pola caída dunha árbore no medio da vía, á altura de San Vicenzo de Curtis. Os ocupantes resultaron ilesos e dirixíronse polos seus propios medios ao centro hospitalario de referencia.
Pola súa banda, os Bombeiros do Eume tiveron que asegurar o balcón dunha vivenda en Pontedeume (A Coruña) despois de que o vento provocase a caída de varios cristais dunha xanela no medio da rúa.
Así mesmo, os membros do GES de Cervo (Lugo) procederon a retirar unha árbore que caera sobre a vía do tren sen que, en ningún momento, interrompese a circulación férrea, confirmou o 112 Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.