Amancio Ortega, 1.626 millóns de euros máis rico polos dividendos de Inditex

O fundador e primeiro accionista de Inditex ingresará este luns 813,1 millóns de euros pola última retribución do ano que abonará a firma galega aos seus accionistas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/11/2019 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará este ano un total de 1.626,2 millóns de euros en concepto de dividendos da empresa cando cobre este luns, 4 de novembro, 813,1 millóns de euros pola última retribución do ano que abonará a firma galega aos seus accionistas.

Amancio Ortega
Amancio Ortega | Fonte: Europa Press.

En concreto, Ortega recibirá os case 1.630 millóns de euros en dividendo a través das sociedades Pontegadea e Partler, coas que controla un 59,294% do accionariado de Inditex, fronte aos 1.386 millóns que percibiu polo mesmo concepto en 2018.

Nos 1.626,2 millóns de euros que ingresará o fundador de Inditex este ano inclúese, ademais do dividendo ordinario, que supón un 'pay out' do 60% do beneficio, o dividendo extraordinario dun euro por acción a repartir nos anos 2019, 2020 e 2021.

O primeiro efecto da nova política de dividendos de Inditex é un incremento da retribución ao accionista do 17% neste ano, que supón repartir 0,88 euros por acción, 0,66 euros como dividendo ordinario e 0,22 euros, extraordinario. Un primeiro pago de 0,44 euros materializouse o pasado 2 de maio, e o segundo pago pola mesma cantidade o próximo 4 de novembro.

Amancio Ortega é o primeiro accionista do xigante téxtil, cunha participación de case o 60%, equivalente a un paquete de 1.848 millóns de accións.

Pola súa banda, a súa filla Sandra Ortega, que posúe o 5,053% da firma galega, cobrará este ano máis de 138 millóns de euros en dividendos de Inditex, a metade tamén este luns, fronte aos 118,1 millóns que percibiu o ano anterior.

En total, a compañía pagará este ano aos seus accionistas en concepto de dividendo máis de 2.742 millóns de euros, fronte aos 2.335 millóns de euros que abonou en 2018.

O fundador de Inditex inviste parte dos dividendos que recibe da compañía téxtil no sector inmobiliario a través da súa firma de investimento Pontegadea Inmobiliaria. Ortega posúe a maior inmobiliaria española, centrada na compravenda e aluguer de grandes edificios, cunha carteira de activos inmobiliarios integrada fundamentalmente por edificios de oficinas, non residenciais, situados no centro de grandes cidades en España, Reino Unido, Estados Unidos e Asia.

De feito, o fundador de Inditex pechou 2018 cunha carteira inmobiliria valorada en 9.767 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,5% respecto ao exercicio anterior, agrupada na súa sociedade Pontegadea, que conta cun patrimonio neto de 23.493 millóns de euros, superior aos 21.006 millóns de euros dun ano antes.

Ao peche do exercicio 2018, Pontegadea contabilizaba activos de diversa índole por valor de 31.762 millóns de euros, o que supón un incremento do 9,4% respecto dos 29.028 millóns de euros anotados en 2017.

A sociedade patrimonial de Ortega rexistrou un beneficio atribuído de 1.817 millóns de euros en 2018, un 23% máis que o exercicio anterior, que pechou cunhas ganancias de 1.475 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta