Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/11/2019 | Actualizada ás 13:59
Este luns é o último día para publicar enquisas electorais e todas elas coinciden nunha cousa: a indecisión dos electores, da que dependerá, en certa medida o afundimento de Ciudadanos, e o auxe da ultradereita de Vox. Un fenómeno que acontece en todo o estado, pero que, curiosamente, algúns dos distintos inquéritos publicados en Galicia evitan citar.
Así, mentres que o estudo demoscópico do Grupo Voz, Sondaxe, non lle dá ningún escano a Vox en Galicia, outra enquisa realizada para Prensa Ibérica –Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña--, apuntan que a ultradereita podería sacar un parlamentario pola Coruña. Un feito que se entende polo afundimento de Ciudadanos en Galicia, que podería perder as súas dúas actas.
Deste xeito, o panorama electoral en Galicia semella moi complexo porque os distintos inquéritos apuntan a un empate técnico entre PP e PSOE en Galicia – aínda que un poida sacar un escano máis que o outro, xa que se moven entre os nove e dez escanos--. Tamén destacan a presenza xa consolidada de Unidas Podemos, que se presenta como Galicia En Común. Esta forza mantería os seus dous deputados actuais –algunhas sondaxes danlle ata tres-- e se afianza como a terceira forza galega.
OS INDECISOS
A partir de aí hai baile entre as enquisas, xa que a suposta caída de Ciudanos na Coruña e Pontevedra poden variar os resultados. As sondaxes insisten no grande índice de indecisos, que son os que, finalmente marcarán o que acontecerá o vindeiro 10 de novembro. E neste escenario cambiante hai varias posibilidades: que o BNG poida volver a Madrid con ata dous escanos, ou que non consiga ningún, igual que Vox ou Ciudadanos que se moven entre 0 e 1.
O que si rexistran os estudos demoscópicos é unha suba en intención de voto ao BNG e á ultradereita. De feito, son as dúas formacións que máis soben en Galicia. Tanto os inquéritos de Público, El Diario ou o CIS, que non lle dan escanos a ningunha destas formacións en Galicia, como as de El País, Prensa Ibérica e Grupo Voz, que si llelo dan, coinciden no aumento da valoración e da intención de voto para o Bloque e para Vox. Pero, a pesar deste aumento, algún dos dous partidos –ou os dous dependendo se os indecisos de Ciudadanos manteñen o seu voto-- poden quedar sen representación.
COMPETICIÓN ENTRE VOX E O BNG
De cumplirse estes pronósticos o mapa electoral en Galicia podería mudar significativamente, xa que suporía a consolidación da ultradereita nunha nacionalidade histórica, algo que non acontece en Euskadi. Unha ultradereita que competiría por facerse co cuarto posto co BNG, unha forza agora en ascenso, pero que está moi lonxe daquela formación que chegou a ocupar o segundo posto na Cámara galega co 25% dos votos e 18 escanos.
OS PROBLEMAS DO PP
Pero a presenza de Vox también suporía un importante problema para o PP xa que o seu ascenso en Galicia tamén pode ter reflexo nas vindeiras eleccións galegas. Uns comicios que se presentan moi axustados e nos que Feijóo podería precisar dos apoios dunha formación á que varias veces repudiou para poder seguir ao fronte da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.