Siemens Gamesa anuncia un recorte de persoal de 600 empregados tras anunciar beneficios de 140 millóns

A multinacional ten unha planta nas Somozas. As súas accións caen case un 9% e lideran as caídas do Ibex 35.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/11/2019 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Siemens Gamesa, con planta nas Somozas (A Coruña), obtivo un beneficio neto de 140 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2019, o que supón duplicar as ganancias do ano anterior, e anunciou un programa para recortar o seu persoal en 600 empregados en todo o mundo durante os próximos dous anos, segundo informou a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

O grupo, que recentemente pechou a adquisición de activos da alemá Senvion, indicou que esta redución afectará fundamentalmente á unidade de negocio 'Onshore' e a áreas corporativas e que as negociacións cos representantes dos traballadores comezarán esta mañá coa perspectiva de alcanzar un acordo nas próximas semanas.

Siemens Gamesa sinalou que, a pesar das súas boas perspectivas, "a presión de prezos está a afectar as marxes da industria eólica e consecuentemente a rendibilidade dos fabricantes".
No último trimestre do exercicio, as ganancias do fabricante de aeroxeradores ascenderon a 52 millóns de euros, cun incremento do 104% respecto ao mesmo período do ano anterior.

As vendas do grupo nado da fusión de Gamesa coa división eólica de Siemens no exercicio 2019 ascenderon a 10.227 millóns de euros, cun crecemento do 12%. No cuarto trimestre do exercicio a facturación da compañía ascendeu tamén un 12%, alcanzando os 2.944 millóns de euros, impulsada polo alto volume de actividade 'onshore'.

Pola súa banda, o Ebit pre 'PPA', custos de integración e reestruturación de Siemens Gamesa a peche do exercicio creceu un 4,6%, ata os 725 millóns de euros.

Planta de Gamesa As Somozas
Planta de Gamesa As Somozas

CAÍDA EN BOLSA

As accións de Siemens Gamesa caeron case un 9% e lideraron as caídas do Ibex 35 na xornada, lastradas polos resultados do exercicio 2019, no que obtivo un beneficio neto de 140 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2019, duplicando as ganancias do ano pasado, aínda que presentou uns obxectivos para 2020 máis conservadores do previsto.

En concreto, os títulos da compañía, que tardaron uns minutos en comezar a cotizar ao non casar as ordes de compra e venda e nos primeiros instantes da sesión chegaron a caer máis dun 13%, pecharon a xornada cun descenso do 8,677%, retrocedendo ata os 11,735 euros, o seu nivel máis baixo desde o pasado 10 de outubro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta