A Deputación de Pontevedra aumenta o seu orzamento un 1,9%, até os 161 millóns

PSOE e BNG votaron a favor e o PP, en contra. CC.OO. protesta contra unhas contas que xeran "discriminación e desigualdade" entre o persoal da administración.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2019 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou o orzamento da institución para o ano 2020, que alcanza os 161 millóns de euros, o que supón un incremento dun 1,9 % respecto ao anterior. O PSOE e o BNG votaron a favor e o PP votou en contra.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

O deputado socialista Carlos López Font foi o encargado de defender unhas contas que teñen "cinco liñas estratéxicas": a Sustentabilidade e a transición ecolóxica (á que destinan 27,4 millóns de euros); Economía, innovación e emprego (10,4 millóns); Avance sociocultural e deportivo (33,9 millóns); Igualdade (1,3 millóns) e Asistencia económica e técnica aos concellos (54,4 millóns).

Ademais, o Goberno provincial destina ao 'Plan Concellos' 42,2 millóns de euros. "É o mellor orzamento e quen non o entenda así é que non está no ano 2020", asegurou o deputado socialista López Font, que tamén acusou ao PP de ter "unha profunda envexa" do goberno "unido" que conforman PSOE e BNG.

Así mesmo, lamentou a "falta de rigor" do PP nas súas críticas a este orzamento "porque non o leron". E destacou que a Deputación de Pontevedra dedica directamente aos municipios o 30% do seu orzamento, o que a converte na Administración provincial de "todo" o Estado que máis recursos transfire directamente aos concellos, segundo os datos do Ministerio de Facenda correspondentes ao pasado ano.

Como portavoz do BNG actuou César Mosquera, que valorou que son uns orzamentos "prudentes, dada a situación que hai no Estado", polo que non se teñen todos os datos para elaborar todas as contas "que esperamos axustar á alza".

"É un orzamento moi traballado", incidiu o deputado nacionalista, que augurou que "a execución vai ser bastante mellor" respecto de exercicios anteriores, polo que convidou ao PP a sumarse e votar a favor.

PARTIDO POPULAR

Con todo, o portavoz do Partido Popular na Deputación, Jorge Cubela, criticou uns orzamentos que "fomentan o desequilibrio da provincia e o abandono dos pequenos concellos", ademais de "pór a comisarios políticos por encima dos xefes de servizo".

Jorge Cubela incidiu no incremento que se rexistra nas partidas destinadas a gasto corrente "ata os 110 millóns de euros" e fixo fincapé no diñeiro dedicado a "persoal e asesores".

Tamén lamentou que para a súa elaboración non se contase "nin cos concellos, nin cos colectivos", á vez que insistiu en que "para o único que foron feitos é para a promoción política do goberno bipartito, coa gran desaparición do BNG".

Finalmente, Jorge Cubela lamentou que o orzamento contemple "moita propaganda" e que aplica "a lei do máis forte" sobre a oposición representada polo PP xustificando o voto en contra do seu partido a estes orzamentos para 2020.

CONCENTRACIÓN DE CC.OO.

Por outra banda, un grupo de delegados sindicais de Comisións Obreiras na Deputación Provincial de Pontevedra concentrouse este martes ás portas do Pazo Provincial con motivo da celebración do Pleno da Corporación no que se aprobaron de maneira inicial os orzamentos provinciais.

O secretario comarcal Comisións Obreiras e presidente do comité de empresa da Deputación, José Ramón Piñeiro, sinalou que o orzamento provincial supón "unha gran discriminación e desigualdade" entre o conxunto dos traballadores, que, facendo o mesmo traballo, teñen diferenzas salariais moi importantes.

De feito, Comisións Obreiras presentou alegacións ao orzamento provincial do que afirman que "crea unha administración paralela" na que se están contratando cargos directivos que son "comisarios políticos que veñen substituír os técnicos da Deputación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta