Por que non se coñece o patrimonio real da Igrexa?

O número de propiedades da Igrexa en Galicia é descoñecido. Desde a reforma hipotecaria de 1998, en todo o Estado a Igrexa católica inmatriculou un grande número de edificios e terreos. O Goberno central reclamou unha listaxe de todas as propiedades. Dita listaxe aínda non se fixo pública e algúns temen que haxa negociacións entre Goberno e representantes eclesiásticos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 06/11/2019 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

A reforma da lei hipotecaria feita polo goberno de José María Aznar en 1998 permitiu á Igrexa inmatricular lugares de culto, así puido ter a propiedade de templos e lugares anexos que ata daquela estaban nunha caste de limbo legal. Isto trouxo que nalgúns lugares os veciños e veciñas, os concellos e asociacións cidadás, reclamasen diante dos tribunais a declaración de dominio público para algunhas destas propiedades. Algúns casos resolvéronse a favor dos demandantes, outros quedaron en mans da Igrexa con sentencia a favor.

Conferencia Episcopal Española en 2008
Conferencia Episcopal Española en 2008

O caso é que en 2014 anúnciase outra reforma da lei hipotecaria que retira certos privilexios que tiñan os bispos desde 1946. O Estado, anunciada a reforma, déralle un ano ás autoridades eclesiásticas para catalogar e reunir toda a información e datos sobre as súas posesións. Dita información está en mans do Goberno, e as estimacións apuntan que o número de elementos que compoñen este catálogo de propiedades está entre os 30.000 e 40.000. Mais débese recoñecer que son aínda datos especulativos. Ata a apertura destes documentos, non se saberá ata onde chega a capacidade patrimonial da Igrexa.

PRIMEIROS PASOS

En 2007 salta o escándalo. A Igrexa inmatricula (fixo constar como propiedade súa) bens de interese cultural en Andalucía, como a Mezquita de Córdoba ou a Giralda de Sevilla. Canda isto descúbrese que tamén se inmatricularan viñas e outro tipo de terreos rústicos e non rústicos. Ao seren polo menos bens de dominio público, as protestas chegaron ao Goberno central.

Todo isto viña xa de lonxe. En 1946 o réxime franquista decide resarcir á Igrexa polas “perdas” derivadas da “nacionalización de bens levada a cabo polo Goberno de Niceto Alcalá Zamora en 1931”, como explicaba o Grupo Común da Esquerda (antes En Marea) nunha interpelación de 12 de novembro de 2018.

Catedral de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Catedral de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

Ese resarcimento faise mediante unha lei hipotecaria que outorgou poderes aos bispos, semellantes aos dun notario. Simplemente tiña que presentar un certificado co seu selo e sinatura para reclamar unha determinada propiedade. Quedaban fóra os lugares de culto que finalmente puideron ser inmatriculados coa reforma da lei hipotecaria de 1998. “Isto fai que se poñan a nome da igrexa miles de propiedades pagando 30 euros que é o que vale cada inscripción” di Gómez. 

“Descoñecemos o número de inmatriculacións feitas pola Igrexa. Existe unha listaxe que tanto o executivo de Rajoy como o de Sánchez se comprometeron a publicar por mandado do Congreso dos Deputados” di Antonio Gómez da asociación Europa Laica. “Estarían inmatriculados 40.000 bens aproveitando a reforma da lei hipotecaria feita durante o goberno de Aznar, e dese total, calculamos que 18.000 bens poden ser templos, o resto non sabemos que poden ser”.

“O noso obxectivo é buscar a nulidade das inmatriculacións feitas, ademais de que os templos que teñan interese histórico e artístico pasen a ser do Estado” declara Gómez, que apunta ademais “é un escándalo porque non se dá en ningún outro lugar do mundo, que o patrimonio histórico artístico estea en mans da Igrexa”.

En 1979 asináronse os chamados Concordatos entre España e a Santa Sede (Vaticano). Reformábanse así algúns puntos dos anteriores acordos entre o Estado español e o Papado. Exoste relación entre estes Concordatos e a inmatriculación de bens? “Non ten nada que ver” declara Antonio Gómez.

Non obstante, na web da Conferencia Episcopal Española podemos ler que “os Acordos de 1979 establecen, para as  institucións da Igrexa en sentido estrito, unha lista pechada de bens inmobles con exención de Contribución Urbana, hoxe IBI. Trátase das parroquias, os seus locais e a curia Diocesana, Seminarios e Universidades de disciplinas eclesiásticas, así como as casas parroquiais, residencia do Bispo e os edificios destinados a residencia de Ordes e Congregacións relixiosas”. Quedaban fóra as vivendas particulares dos curas.

Por outra banda, a Igrexa recorre tamén á lei de mecenado apuntando que “no seu artigo 15.1. que estarán exentos do Imposto sobre Bens Inmobles os bens dos que sexan titulares, nos termos previstos na normativa reguladora das Facendas Locais, as entidades sen fins lucrativos, excepto os afectos a explotacións económicas non exentas do Imposto sobre Sociedades”.  Resumindo “as entidades non lucrativas e tamén a Igrexa están exentas de pago de IBI daqueles bens onde se realizan as actividades enunciadas anteriormente”.

INICIATIVAS EN GALICIA

Desde o Parlamento de Galicia houbo varias interpelacións tanto ao goberno autonómico como o central para abrir ao público toda a información relativa ás propiedades da Igrexa. Así, Luis Bará do BNG, presentara unha iniciativa parlamentaria para “facer públicas as inmatriculacións feitas pola Igrexa entre 1946 e 1998”.

“Tamén pedimos que a Xunta de Galicia crease unha oficina para ter coñecemento das persoas que puidesen estar prexudicadas por esas inmatriculacións” di Bará. Os e as prexudicadas poden ser persoas individuais como “comunidades veciñais e concellos e particulares”. Mais Bará non é moi optimista porque “o PP non fará nada que moleste minimamente á Igrexa. O PSOE tamén navega aí con cautela, non quere tampouco meterse”. Preguntado por que o PSOE non querería entrar de cheo neste asunto, Bará apunta que parlamentarios socialistas lle comentaran que “había que ter coidado para non ter problemas xurídicos, non queren que se revolva o galiñeiro”.

Preguntado o deputado do BNG por que non dan a coñecer os datos recollidos sobre propiedades eclesiásticas, responsde que “non lles interesa, porque poría ao descuberto todas as trampas, ilegalidades e irregularidades que se fixeron ao amparo destas modificacións legais”. Se se abrisen todos os expedientes, as reclamacións serían miles.  “Hai certos sectores do Estado que son conniventes e protexen os intereses da Igrexa, que ten todo tipo de privilexios a pesar de sermos un estado laico”.

Outro dato que chama a atención son as restauracións deses bens con diñeiro público e logo a Igrexa cobra polo acceso ao templo ou parte dese templo. Como a “manobra da Catedral Santiago, á parte da propiedade do templo, fixéronse obras de restauración con fondos do Estado, da Xunta de Galicia e achegas de fundacións privadas” di Bará. “Iso debera levar o acceso libre a gratuito por ser un ben de interese cultural de dominio público”.

MULTA E ACUSACIÓN DE PRIVILEXIOS

En 2014 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos multaba a España con 600.000 euros por non salvagardar os dereitos de igualdade e seguridade xurídica. Segundo Europa Laica esta sentenza “denunciaba o trato de favor da Igrexa por parte da lei española”.

Por outra parte, na mesma interpelación presentada polo Grupo Común da Esquerda (antiga En Marea, antes da escisión parlamentaria), estimábase que desde 1998 a Igrexa “inscribiu ao seu nome uns 4.500 bens inmobles de diversa índole” . No mesmo documento indican que “malia o impresionante da cifra, apenas é o 10% das propiedades inscritas polos bispos dende os anos 40. Entón, por que o PSOE se centra só nas apropiacións posteriores a 1998?”

A pregunta vai en relación con que a iniciativa de reclamar a información sobre propiedades eclesiásticas, instaba ao Goberno a solicitar ao Colexio de Rexistradores da Propiedade “unha relación de tódalas inmatriculacións levadas cabo por vía do artigo 2006 da Lei Hipotecaria, que foi derrogado pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, de Reforma da Lei Hipotecaria, dende 1998 ata a citada derrogación”. Quedarían fóra case cincuenta anos de apropiacións ao patrimonio da Igrexa.

O PSdeG-PSOE acusou ao  presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo de manter privilexios para a Igrexa coa intención de que “lles perdoen o pecado orixinal da corrupción do PP”. A deputada socialista, Patricia Vilán facía constar estas palabras logo que Feijóo declarase no acto de
conmemoración do XXV aniversario Consello de Contas e en sede parlamentaria, no que “aludiu á corrupción como unha característica propia do xénero humano aludindo á mazá de Adán e Eva”.

Vilán engadía ademais que a Igrexa non debera ser tratada como unha institución pública senón privada. Sinalou así que “aí están a asignación tributaria do 0,7 por cento do IRPF, as excepcións e bonificacións fiscais como o IBI, e ata que punto e hora a Igrexa, se pretende seguir a ser
beneficiaria de cartos públicos, ten que se someter ao principio de transparencia e de control por parte do Consello de Contas”.

As conclusións de momento son que para ter unha idea do que é ou non é propiedade da Igrexa deberíase ir caso por caso. Iso, se o Goberno central saínte das eleccións do 10N se decide a facer públicas as propiedades inmatriculadas polos bispos e demais funcionarios eclesiásticos. Por outra parte, a reclamación de certos inmobles como igrexas ou catedrais como bens públicos, tería sentido ao non saberse, en moitos casos desde hai centos de anos, quen sería ou non propietario. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta